off

Entre a realpolitik e a disforia

por Gabriel Beceiro

Declaración simbólica.Quen acredita na independencia, reprimeu o xesto. Uns agardando historia e outros política de trazo fino. Onte non se proclamou a república no Parlament de Catalunya porque Puigdemont nun discurso medido ao pormenor atendeu o chamado  ao diálogo de Donald Tusk, presidente do Consello Europeo, que pediu”a forza dos argumentos e non os argumentos da forza” . Puigdemont abriu unha cena para a comprensión, mas cada mensaxe depende de como o leitor lé. E desde onde é que fala. Con certeza, o que está a acontecer na Cataluña é inédito. Mas compre non confundir o desexo coa realidade: o pronunciamento de Tusk (e Merkel) non é mediación. Macron dicíalle  a Cohn-Bendit que non pode colocar no mesmo plano ao presidente español e ao presidente da Generalitat. As correntes de simpatía non son o mesmo que o recoñecemento (incluida a acreditación homologada do referendo do 1-O). Mariano Rajoy non compareceu onte á noite e tén ao PSOE preso, descolocado, á espera do que decida o  goberno e o que pase mañá no paseo da Castellana. Santamaría desenfocada. E Albiol, coma sempre, no seu papel de caporal da policía. Ciudadanos co paso cambiando, con Arrimadas fóra de xogo, con presa para que se aplique o artigo 155.  Sorprendeu Iceta (PSC) agarrandose  á vontade de mediación de Puigdemont de gañar marxe para non aplicar o 155, desmarcándose así da posición do PSOE en liña co PP (Carmen Calvo(PSOE), vén de afirmar que “non pode haber mediación internacional”).  Ravel a gosto co non/si e decepción nas facianas, disforia, malestar e desconcerto nas CUP diante unha declaración efímera e simbòlica, sen efectos prácticos entantonon se rexistre no Parlament. O texto afirma que  “a República Catalana como estado independente e soberano de dereito, democrático e social”, e dá por feito a entrada en vigor da lei de transitoriedade  e comezo do proceso constituinte. Alén diso, insta ao Govern a “adoptar els tràmits necessaris” para facer posibel a “plena efectivitadade” da declaración e  chama aos cidadáns de Catalunya a facela efectiva.

Á espera do requerimento do goberno español pedíndolle a Puigdemont se declarou ou non a independencia, que pode pasar cando non se concreta o contido do diálogo? Que diálogo se pode dar cando o Estado entende que onte se proclamou a independencia malia non ter valor xurídico ? Porque como ben afirma Habermas, “unha práctica argumentativa ten que supor pragmáticamente que en principio todos cantos poideran verse afectados poderian participar como iguais e libres na procura cooperativa da verdade en que a única coerción que poida exercerse é a coerción sen coercións que exercen os bos argumentos”. É posibel o diálogo en base a os bos argumentos cando se fala en termos legais diferentes? É este o mellor paso para declarar solemnemente a independencia ou visa  ser independentes apelando á exixencia de diálogo sabendo que é un pedido que o Estado non está en disposición de atender, ficando España baixo sospeita diante da opinión pública internacional? Está Madrid disposta a facer un xesto de retomar a posibilidade da via escocesa?

Termidoriana. Os dous millóns e meio de eleitores que apoian a soberania son moito heteroxéneos, algo que surpreende e dificulta a súa compreensión, alén dos clichés eternos sobre nacionalismos e populismos. Do neoliberalismo militante, que arela una Cataluña desregulamentada , através de vários níveis de conservadorismo e até esquerda social, a diversidade é grande e desconcertante.  Porén, hai un amplo sector de tradición nacionalista conservadora que o que procura é a seguranza  nun mundo acelerado, que acredita tanto na pátria como no diñeiro, moi sensibel aos xestos de intimidación do poder económico.O doado agora seria unha interpretación voluntarista derivada da vertixe e do medo do sector “termidoriano” perante o efecto ” da mañá seguinte”, o intre no que esvae a ebriedade e a vontade do pobo soberano (o pantasma do referendo grego).  É normal o desconcerto xerado polo adiamento, mesmo a perda de confianza por parte do soberanismo próximo á CUP perante a incerteza da posibel mediación e a obertura dun periodo sine die (duas semanas, un mes) que acabe desmobilizando a base social do soberanismo. Nesa liña Anna Gabriel advirteu que “único instrumento eficaz é a República Catalana. O único meido de negociación co estado español é a República Catalana”. Porén, a Puigdemont optou por explorar outras fontes de lexitimización , procurando outras direccións no que parece unha folla de ruta de trazo máis fino cun PDeCAT brunido, mesmo pondo en risco a rúa e fialo todo a unha tentativa de tempo morto co obxectivo de desinflamar. Se callar, Puigdemont terá de recuperar tamén a unidade  do independentismo.Mas ábrese a posibilidade de ruptura de complicidades pola esquerda. Con certeza,  comprida a promesa dun referendo é dificil agora xustificar o adiamento do valor das papeletas depositadas en condicións difíciles.

Sei que autocitarse é pouco elegante  mas acho imprescindibel facelo para explicarme. ” Para alén dunha DUI simbólica, non é acaso unha declaración executiva e progresiva de independencia o que precisa Rajoy ainda que do modo inconfesabel de quen non está disposto a aceptar  de entrada a mediación nen ceder para un referendo pactado ou unha reforma urxente da Constitución?”(08-10-2017). Quer dicer, que Puigdemont optara por non acotarse a un roteiro programático fixando o reto pragmático da multilateralidade, alén da mensaxe internacional, a estratexia aparenta guindar a bola ao tellado da Moncloa, defrontando a Rajoy ao dilema de aceptar o diálogo ou desactivar a maquinaria represivo/reactiva. Se opta polo primeiro  significa a inflexión de interiorizado a posibilidade dunha Cataluña independente , se o segundo, precisaría ser permeabel a accións mínimas que desinflamen o ambiente (non aplicar o 155 da Constitución, retirar a policía e desactivar a suspensión autonómica por episodios). Iso forma parte da natureza de calquera diálogo con contido, porén a mao dura do nacionalismo español e ter activado a maquinaria xudiciaria ten prisioneiro a Rajoy das súas propias decisións. Eís a incognita, saber cal será a reacción do Estado á manifestación de onte do Parlament. Se frea ou adia temporalmente a espiral de actuacións xudiciarias e policiais, por exemplo, retirando de Cataluña os axentes da Garda Civil e a Policia Nacional deslocados nas últimas semanas o se, pola contra, mantén a presión sobre o independentismo.

Se Rajoy se nega á mediación, a via unilateral gañará por unha banda lexitimidade formal nomeadamente se nas próximas horas o Estado aplica o 155 demostrando ao mundo que non quere falar. A declaración de independencia de habela sairía proclamada da Moncloa. Porque isto non o arranxan unhas eleccións cun Pedro Sánchez cerrando filas con Rajoy. Alén diso, ainda que o soberanismo cargouse de razóns e debe seguir cargándose delas, non dar cumprimento á propia Lei de transietoriedade e á vontade expresada no referendo do 1-O cunha declaración de independencia a todos os efectos, desde adentro cuestionaría o carácter lexítimo do procés. Como dixo nestas páxinas Rafael Cid  “só queda por ver se un señor conservador de dereitas como Puigdemont mantén a palabra sobre o referendo do pobo soberano onde outro de extrema esquerda como Alexis Tsipras lle fíxol un corte de mangas”.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: