off
Cedeira, Movementos sociais, Política local, Saúde — 11 Outubro, 2017 at 9:21 a.m.

300 persoas concentradas no Centro de Saúde exixen ao Sergas reforzo e continuidade da atención

by

[Pingota Comunicación] Unhas 300 persoas asistiron onte á concentración convocada polo goberno tripartito de Cedeira (PSOE, BNG, Anova) para esixir á Xunta e a o Sergas en particular que se tomen as medidas necesarias para garantir unha atención pediátrica continuada, así como para contar cun médico de reforzo e para que se cubran as prazas dos médicos que estean de vacacións o de baixa. A mobilización, que arrincou pasadas as once da mañá e que tivo lugar diante do centro de saúde, foi secundada polo persoal sanitario e de administración do centro médico, por representantes de moitas entidades locais e por unha morea de veciños que viron na convocatoria a posibilidade de apoiar coa súa presenza no acto o acordo plenario que a corporación municipal adoptou na sesión do día 27 de setembro en demanda dunha sanidade pública de calidade. O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi precisamente o encargado de ler os contidos dunha moción que resultou aprobada por unanimidade e que agora se fará chegar aos responsables da área sanitaria de Ferrolterra xunto ás máis de 320 sinaturas recollidas estes días nas farmacias da localidade, no Concello e mesmo tamén na oficina de turismo. A campaña aínda segue aberta. Moreda Gil agradeceu a resposta dos participantes, destacou o bo funcionamento do centro de saúde e a profesionalidade das persoas que traballan nel, pero tamén esixiu diante dos concentrados que o Sergas garanta todo o ano o servizo de pediatría, incluídos os meses de verán; que incremente o persoal facultativo en períodos vacacionais, nos que a vila de Cedeira chega a triplicar a súa poboación habitual, e que exista sempre un médico de reforzo. Dous minutos de silencio e varios momentos de aplausos foron as dúas últimas imaxes dun acto que o equipo de goberno valorou de maneira moi especial pola presenza da moita xente que tivo que facer unha parada no traballo para asistir, empezando polo persoal do propio centro de saúde.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

One Comment

  1. Con cada acto deste tipo ollase unha sociedade que esta a espertar. Outros actos coma a recollida de sinaturas para unha nova guarderia ou contra a planta de gas de Esteiro confirman que pouco a pouco o pobo e consciente de si mesmo. Que calle.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off