off
Cedeira, Meio ambiente, Política local — 10 Outubro, 2017 at 7:32 a.m.

O Concello de Cedeira pide a Medio Rural un plan de mantemento para os espazos consorciados da Serra da Capelada

by

[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira comparte coa Consellería de Medio Rural unhas 2.500 hectáreas de chan na serra da Capelada, uns espazos que hoxe mesmo deron lugar a unha reunión en Santiago para falar do seu presente e futuro. O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi recibido pola titular da Consellería, Ángeles Vázquez Mejuto, e máis pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo Piñeiro. Moreda Gil valora moi satisfactoriamente a colaboración que a Xunta vén prestar cara á conservación da propiedade, asumindo unilateralmente tanto as podas que se realizan ao longo de todo o ano como os traballos de repoboación que se fan para garantir as características ambientais propias da zona. O rexedor local tamén pide a creación dun plan de mantemento -con dotación orzamentaria- para mellorar aínda máis os recursos e as posibilidades turísticas e ambientais que xa está a ofrecer o lugar. Esta demanda busca mellorar o estado de uso das pistas, dos peches perimetrais e mesmo dos pasos subterráneos para animais. O Concello, ademais, entende que a administración local debería participar na elaboración do devandito plan, dada a importancia que A Capelada representa para Cedeira e mesmo tamén para a comarca en xeral. O alcalde tamén falou coas responsables da Consellería de Medio Rural da viabilidade de construír, na zona cedeirensa da Capelada, unha pista permanente para carreiras de cabalos. Trátase dunha iniciativa que baralla a Asociación Ecuestre A Crina e coa que o equipo de goberno móstrase de acordo por considerar que tamén axudaría a potenciar a raza autóctona de gando cabalar. A conselleira e a directora xeral comprometéronse a estudar a proposta.

 

Limpeza do rio Condomiñas

Entre os obxectos retirados bicicletas, cadeiras de plástico, mesas de mimbre e restos de obras, tixolos, cemento, tubos e cabos.

O Concello de Cedeira e a Asociación de Amigos dos Ríos seguen a tratar de recuperar o estado natural dun río que durante anos sufriu as agresións daquelas persoas que o vían como un contedor máis no que facer desaparecer os obxectos que deixaban de ter utilidade. É a situación que o goberno municipal, e máis concretamente a Concellería de Medio Ambiente, pretende mudar coa convocatoria de xornadas como a que tivo lugar onte e na que tomaron parte dez persoas.

 

 

 

 

 


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off