off

Rajoy esperando unha DUI

by
"Aqueles que votan mal, porque se recusan a votar por aqueles que os prexudican" 
Michel Onfray

Transparencia e negatividade.A técnica de poder aplicada polo estado español para reprimir o dereito de voto da sociedade catalá despois da aprobación das leis do referendo e de transitoriedade no Parlament, caracterizouse pola negatividade da hostilidade mesturada co uso da transparencia e da información substituindo á verdade, aspecto este  último que Byung-Chul Han atribue ás técnicas de poder do “big brother amabel”, quer dicer, do neoliberalismo.  E con iso quero dicir, contrariamente ao afirmado polo filósofo xermano-coreano cando caracteriza o rexime neoliberal como técnica de poder non prohibitorio, protector ou represivo nas democracias emprazadas, que  o 1 de outubro deuse a producción, abundancia, mesmo exceso de información, combinada coa represión física directa contra quen depositaba papeletas  nas urnas, algo inédito na nosa contorna,  que mesmo desnaturaliza a monarquía parlamentar e é alleo á “doxa” pósmoderna-liberal. Da tristeza e o choque emocional de termos comprobado  a amnésica e mal informada  opinión pública española e o mal que fai vela aplaudindo a pezoña do domingo, tamén se pode tirar algunha lección: a aposta democrática catalá é unha exixencia precisa e finita que abreu as portas a algo que semellaba imposibel.

Carga da Garda Civil en Sant Julià de Ramis (Girona)

A secuencia anterior e posterior ao Estatut de 2006 aderidas ás imaxes do referendo do domingo 1 de outubro na Cataluña debuxan o tecido dunha inflexión ou se se quer unha pasarela de tendencias por vir a escala europea, quer face dunha democracia autoritaria disposta a ficar, quer abrindo a posibilidade de novos contidos para Europa perante a decadencia do seu legado (cousa dificil de acima-baixo nun momento de hexemonía do grupo popular). Porque o Procés ten facilitado unha confrontración interpretativa que atinxe a España e a Europa. Perante a revelación e mostración por iniciativa própria e ao vivo dos cidadáns defendendo nos colexios o seu dereito a votar,  o Estado, acordando da súa apatía e déficit motivacional, correspondeu sen dubidar coa deshibición própria dun nacionalismo de estado (“España no se vota ”). A que é constitutiva do Estado vixilante hibridada  e entrefrebrada agora coa transparencia  xurídica como forma da simulación; como suposta seguranza que iso comporta para algúns, cando o problema mais ben alicerza en que na sociedade na que vivimos amiúde nos vemos forzados a escoller sen dispor de coñecemento  para tomar unha decisión informada.  No entanto, négase a existencia de responsabilidade ningunha en que a política acabe sendo apenas unha cuestión de constituintes que delegan, mas non de cidadáns que deciden.

Non a verdade mas a transparencia, o post de brazo dado do tuit e dos machucazos de bastón – esa faciana sinistra do “no quiero ni puedo”. Non só que as palabras transparenten maus propósitos, mas a repetida evanescencia das transparencias acabou por interiorizar e internacionalizar o procés català. Se ainda non ficou claro, a masiva intervención policial non foi a de  impedir  o referendo -que foi e podía ser maiormente atrapallado por medios informáticos- mas mostrarlle  aos insubmisos quen manda, alargar os seus efectos intimidatorios na Cataluña e no resto do estado. A cobardía de Rajoy parapetado tras o Borbón forneceu a imaxe institucional do uso dos mecanismos excepcionais do Estado. A xustiza preventiva do TC insírese nesa estratexia.  A transparencia practicada como simulación permítelle aos produtores de realidade negarse a propor, dentro da práctica democrática, a cuestión política. Mas non impide deslocar policias,  carretar xente de fóra de Cataluña a manifestacións unionistas “todo gratis” e convidar a empresas a deslocarse en sentido contrario. De aí que o coordinador  xeral do PP, Martínez-Maillo, poida afirmar do escrutinio e da contaxe de lesionados, que “ todo é unha farsa”. O wishful thinking  é esa vontade selectiva de crer non ter participado activamente na produción da “farsa” de restaurar  ás pancadas a legalidade na Cataluña ou de carretar as “maiorías silenciosas” desde Madrid , Santander ou Burgos.

Alén diso, é a democracia emprazada a que fica descrita e non só un referendo acosado e perturbado pola acción do propio Estado:  unha democracia de control onde transparencia e control coinciden e na que apenas é dado facer unha queixa no plano da exixencias culturais. Mistificación ideolóxica desde o momento que a CE decideu que o que os cataláns piden é un “asunto interno” español, incluidos os maus tratos. Quer dicer, a pós-politica culturaliza o político no seo dos estados liberais democráticos. Velaí que a suspensión da Sindicatura Eleitoral, que foi reestabelecida pola Generalitat o mesmo día do referendo para garantir a xornada eleitoral, se tornara o obxectivo principal do Estado como Único organizador e regulador da sociedade. O “tranquilizador” discurso do xefe de estado (nunca se mostrara tan  conscente da súa escasa ou nula lexitimidade)  ignorou con total impudicia que a única violéncia física e as únicas desfeitas materiais foran causadas polos engrazados piolíns. Eís a anovada liña de demarcación entre uns e outros.

Leo nun xornal que nen o CNI nen os servizos de información da PN e da GC foron quen descobrir e requisar as afamadas urnas. Quizais por inhabilidade e porque de momento non é tan  doado abafar a hostilidade policial dentro da UE. Malia súa aparente complicidade coa violencia durante o referendo e o apoio ao goberno español, a Comisión de Venecia do Consello de Europa instou a España a reconsiderar as medidas excepcionais que atribuiu ao Constitucional dereitos que non lle toca e que normalmente na nosa contorna son asumidos por outros poderes do estado. Non hai xurisprudencia nen precedentes por iso é preocupante que a CE, que non dubidou en intervir con cortes nas pensións ou na venda de activos públicos dos estados socios, eluda agora o problema escudándose en que se trata dun asunto doméstico español. Ex nihilo, como se a cuestión da conformación do estado español nacera no 78.

No hai mediación sen recoñecemento. É dificil imaxinar a disposición á mediación con Filipe VI dando o sinal de saída á ofensiva. Porén, o discurso televisivo do rei levantaba acta do abuso de poder: a culpa foi dos cataláns e por iso non merecen nin un só xesto de empatía polas vítimas da brutalidade policial. A nosa cegueira ante os síntomas talvez resulte máis nídia e perceptibel en relación cos debates sobre a presenza policial na Cataluña: neles é doado determinar as responsabilidades – estamos perante un mal subxectivo- perante os axentes que o cometeran e até podemos identificar as súas fontes ideolóxicas. Rajoy afirma non ter “nada do que falar” que implique liquidar a unidade de España e ameaza con “grandes males”. Enrócase na negatividade de rexeitar calquer mediación. Adéus, señor Diálogo Evanescente. Quer dicer, quen semella necesitar arestora unha declaración unilateral de independencia (DUI) é Mariano Rajoy, prisioneiro das súas decisións de facer política sen política, mas as que xerando a própria maquinaria xudicial, lévano para a frente. O caso é que frente a negativa do goberno Rajoy ao diálogo  e á mediación , mesmo desde unha perspectiva que cuestione a lexitimidade da DUI e cuns resultados conformados pola acción directa do Estado – o 90% votou sí cunha participación do 43% do censo  e sobre a oportunidade facela- a paisaxe posterior é a vitoria do sí no referendo, a suspensión de feito do autogoberno e  grande cantidade de causas abertas contra soberanistas por teren colaborado co 1-O e que dificilmente terán un xuizo xusto.

As reaccións do Estado e o discurso do rei confirman que teñen renunciado a ser o estado dos cataláns, recalificándoos primeiro como “turba tumultuaria” e “sediciosos”, como “eles”, os “outros”.  Para alén dunha DUI simbólica, non é acaso unha declaración executiva e progresiva de independencia o que precisa Rajoy ainda que do modo inconfesabel de quen non está disposto a aceptar  de entrada a mediación e ceder para un referendo pactado ou unha reforma urxente da Constitución? A DUI progresiva permitira engadir unha provision adicional que garanta que a Generalitat tomará a maior parte das decisións que afectan aos cidadáns da Cataluña retirando as medidas de represión e que tería de ser tamén validado en referendo. Outro vieiro posibel sería programar unhas plebiscitarias co alvo de afortalar a lextimidade dunha declaración de independencia ou encetar unha declaración simbólica validada nunhas eleccións constituintes sob a incerta sombra da reacción do Estado.

A PN confiscando urnas

O “legalismo ideolóxico” como substituto  político confunde a lei coa realidade, motivo polo cal ignora os sinais de alerta que achega o sentido común que dun xeito intuitivo nos avisa de que algo non encaixa. Porén malia a falta de fiabilidade do sentido común, ancorado na cotidianidade, impídenos aceptar que o curso da realidade poida sofrer calquer alteración. Portanto, a cuestión radica en que non podemos debruzar confiadamente nen na ideoloxía xudicial nen no sentido común. A tarefa é dificil, porque a crise vén de vello e a  mediación europea  e internacional que o sentido común dita  tería que terse explorado antes da crise, embora os síntomas van ser claros. Contra 2006 despois de defender o Estatut de Catalunya afirmando  “que cando os cidadáns piden  un referendo porque queren dar sua opinión, a resposta non pode ser “tranquilos, nada acontece, confien en min”, Rajoy pasaba a pedirlle a Rouco e Cañizares que rezaran pola unidade de España clamando o de Vilalba que só se  “volta ás súas raices  cristianas” e renuncia á “ditadura do relativismo ético” o  Estado de dereito deixará de estar “máximo risco”. Como con Turquía, Polonia ou Hungría, na altura Europa ollaba para outro lado. En ausencia de máis democracia o fundamentalismo cristiano español de brazo dado do legalismo ideolóxico foi ocupando espazos. Se en 2014 o goberno español non podía aceptar o proceso participativo do 9N  por ilegal, acabou virando  até convertelo en “ilegal”. Talvez daquela xa era propicia unha axuda externa ainda que non fose propriamente unha mediación. Porque os chamados ao diálogo de boa fe téñense dado a eito dentro e fora de Cataluña. Porén, agora fálase de mediación sen matizacións sobre o que agora se precisa, porque para debullarmos esa posibilidade  cómpre  a aceptación das dúas partes, quer dicer, cada parte renunciando ao seu plano. Cousa dificil na contextura actual sen canles de comunicación abertas xa que o principio básico de calquera negociación de acadar un acordo posibel, sen ser este a primeira opción ou a máis desexada para cada parte, debruza nunha previa nivelación das dúas partes, unha igualdade que neste momento non se dá, destacando apenas a asimetría de medios e modos. Mas quen está disposto a ceder e a confrontarse conoutros e co próprio?.  Que sentido ten pedir agora unha mediación negociada, que pode ser longa, se ninguén renuncia a nada? Pódese negociar cando se ten renunciado á política e se aspira á rendición incondicional?

A incapacidade de aceptar algo como inviolábel.  En 2017, tres anos despois do 9N, as forzas policiais do estado español convertian a pacífica acción de votar en algo violento.  Co Tribunal Constitucional anticipando as accións, axindo antes do anuncio de que o próximo 9 de outubro podería submeterse a votación a declaración de independencia prevista na Lei de Transitoriedade, non tanto para atrapallala canto acelerar o seu desenlace. Cumprindo así co guión previsto desde que decidiran que non hai mediación posibel, porque para aceptar intermediación primeiro hai que recoñecer  ao outro ( non negar que votaran mais de dous millóns de persoas o domingo e non negar a  independencia de Catalunya como escenario posibel). 

A DUI encaixaría agora no relato preventivo: o da  intervención policial e o do Tribunal Constitucional e o relato que suxire que a violencia xurde de Cataluña e os feitos desminten. Presérvanse todas as leis menos a decisión da xente. O paradoxo radica en que hai moitas transgresións permitidas que non se resolven a paus. Porén, unha camada de todólogos editorialistas radicados no cinismo denuncian a falta de garantías do referendo ao tempo que celebran a blocaxe do censo telemático a cargo da Garda Civil. Négase a existencia de responsabilidade ningunha nas cargas do 1-O porque todo aconteceu só como resultado dun proceso “obxectivo” que ninguén planexou nen executou. Quer dicer,  o Kraken xudicial desencadeado non presta atención á violencia máis básica de todas: a sistémica.  Que unha parte susbstancial da oligarquía política, empresarial e mediática responsabel do acontecido,  enlamada en casos de corrrupción estructural e portas xiratorias, que conecta directa ou por via xenealóxica co franquismo e a xestación do rexime do 78, se torne agora valedora dunha legalidade abstracta que seica garantiza por igual os dereitos de toda a cidadanía española,   non son datos que se poidan obviar por ser unha pura mostra de cinismo e hipocresía ideolóxicos. Apenas cómpre ollar para disparidade de soldos, pensións, vivenda, infraestructuras ou dereitos lingüísticos,… Cómpre argumentar que, subxectivamente, é moi probabel que as carreiras profesionais substanciadas ao abeiro do patriotismo constitucional de novo cuño acabara tornando a necesidade en virtude, e mesmo que, en certa medida contrareste algunhas biografías inconfesabeis; a grande ironía é que case todos os gaños do patriotismo constitucional foran a parar a Madrid, as obras públicas e as sedes fiscais, aos museus,etc. O caso de Madrid, cos seus ministerios e institutos Cervantes financiados por “todos” os españois, é un caso de progresiva autonomización mais do que unha ferramenta para evitar tentacións centrífugas.  A concentración e abuso de poder de grupos parasitarios e corruptos na capital do Estado levanta o problema dun presidente e dun xefe do estado que en vista dos resultados das últimas eleicións son legais, mas ilexítimos.  

Contrariamente ao ethos inspirado polos girondins que ao proudhoniano filósofo Michel Onfray  lle permite propor unha revolución pacífica de restauración de poder ás comunidades,  ás rexións, ou sexa, a descolonizar as províncias do centralismo, o estado español semella camiñar en sentido contrario ao vieiro conceptual aberto  co “estado das autonomías”, mas ele propio propiciador da concentración de poder do Estado en Madrid e na parasitación da caste política como algo intrínseco ao sistema económico desenvolvido (velaí a decretada deslocación da banca beneficiada coas desregulacións gubernativas e co agasallo das caixas).

A demanda catalá de máis democracia, liberdade e xustiza, asentando nunha capilaridade sobiranista e certa transversalidade (que atinxe xubilados, labregos, estudantes, bombeiros, mestres, infermeiras e monxe de clausura,etc),  levanta a cuestión polo significado desas palabras e pregunta onde reside o poder: na lei ou nas asociacións de cidadáns que desenvolvendo actividades políticas non eleitorais acaban por non sustraerse da competición polo poder no sistema e desde algún dos seus intersticios. Porque un dos aspectos a termos en conta do Procés é o seu deslocamento territorial, unha certa ruralización que contrarresta o peso da megalópolis contal. Non é por acaso que os presidentes do Òmnium Cultural ou da ANC foran chamados a declarar en Madrid por posibel delito de sedición, xa que ambas e duas sendo as principais, sono entre a constelación de asociacións implicadas e espalladas por todo o territorio con vitalidade, senso de realidade e comunidade , ben como unha forte rede territorial que non teñen moitos dos representantes- funcionarios eleitos que ateigan o Congreso  e o Parlament. De brazo dado dos concellos, neste momento as únicas capaces de fornecer contra-poder efetivo ao colapso da fórmula de democracia autoritaria que nega e boicoteca un básico exercizo de aritmética: contar para menos delegar, ainda que sexa para achegarense un chisco ao que os cidadáns decidan.

Coa deriva neoliberal europea e a tendencia autoritaria aberta en España, Polonia ou Hungria, o ensaio non ditado polos astros practicado en Cataluña, malia os antagonismos  e contradicións internas, é unha oportunidade que a esquerda europea non pode obviar co alvo de reconfigurar modos de gobernanza. De facto, a  cidadanía catalá vén ensaiando unha especie de declaración de independencia diferida que a efectos prácticos e legais ben poderia ser tida agora en consideración como vieiro posibel a transitar, como fixeran as repúblicas bálticas e a Eslovenia, que declarou a independencia despois do referendo mas condicionada a unha negocación durante medio ano coa federación iugoslaba. Perante a negativa, declarouse independente. Un proceso no que se pediría recoñecemento internacional a través da ONU, até o de agora mais sensibel ca Europa á vulneración de dereitos fundamentais.

Porque como na Grecia, tamén o goberno do conservador Puigdemont deberá decidir ser fidel á lei do Parlament e á vontade expresada nas urnas no referendo, ao mandato democrático validado nas últimas eleccións autonómicas, ou engolir en seco os ditado da banca e do capital financieiro, ese vello compañeiro de viaxe que parece ser a única argamasa da identidade política de España, a do predominio esencialista do capitalismo na Europa e no mundo.

One Comment

  1. O Estado non ten capacidade para que se cumpran as leis españolas en Cataluña.
    O problema de lexitimidade a nivel internacional do Estado é brutal. Con tirón de orellas en directo a Dastis en Sky News.
    Un Estado ferido que pode ter unha reacción desmedida. Será a sua perdición?.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off