off
Cedeira, Cultura, Meio ambiente — 7 Outubro, 2017 at 10:34 a.m.

O Concello de Cedeira contrata a obra de accesibilidade da biblioteca municipal

by

[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira vén de contratar a obra de accesibilidade da biblioteca municipal, unha intervención orzamentada en case 250.000 euros e adxudicada por 207.697,26 á empresa Prace, Servicios y Obras SA. O prazo de execución dos traballos é de seis meses. O equipo de goberno recoñece que se trata dun dos proxectos de maior transcendencia social dos que se están a levar a cabo dentro do presente mandato, por canto consiste na mellora da comunicación tanto interior como exterior dunhas instalacións que deben ser accesibles a todo o mundo. Así, o proxecto previsto consiste no aproveitamento dunha vivenda, adquirida no seu día polo Concello, para a realización dun novo edificio de comunicación vertical, e na reforma do baixo-agora ocupada polo Xulgado de Paz- co fin de incrementar as actuais dimensións da biblioteca, cuxo primixenia edificación foi construída no ano 1790 e acolleu a sede consistorial. Esta reforma dará lugar a un novo acceso peatonal desde a rúa Consistorio, á habilitación dunha sala de estudo e á creación dun acceso en cada planta coa instalación e posta en funcionamento dun ascensor. A obra tamén inclúe a mellora do alumado existente coa colocación de luminarias tipo led, tanto no teito como nos postos de lectura, así como a colocación de novas estanterías e a reparación das actuais. Levarase a cabo así mesmo a instalación dun sistema contra incendios e a construción dun aseo para persoas con discapacidade na primeira planta.

Limpeza do Condomiñas
Despois das realizadas nos últimos catro meses, o Concello de Cedeira, xunto á Asociación de Amigos dos Ríos, convoca para este domingo, día 8 de outubro, unha nova campaña de retirada de refugallos do leito do río Condomiñas. Así, como en anteriores ocasións, o punto limpo será o lugar de encontro para todas aquelas persoas que desexen colaborar. A actividade levarase a cabo entre as 11.00 e as 14.00 horas. O Concello porá a disposición dos participantes os contedores e bolsas, mentras que eles terán que levar botas e guantes. O Concello anima á participación dos veciños.

 

Audiovisual de promoción turística
O Concello de Cedeira quere darlle un novo pulo á promoción turística do municipio coa contratación dun traballo audiovisual, con filmacións aéreas feitas por un dron, que a administración local prevé utilizar en feiras ou citas turísticas e tamén a nivel local.
O traballo, foi encargado a Alberto Rodríguez Hermida por importe de 5.324 euros (IVE incluído), e “fai fincapé en todos os lugares de interese social, cultural e turístico que posúe o noso concello e que nos fan ser unha referencia a nivel turístico en toda Galicia, poñendo en valor todos estos espazos de singular beleza dentro do noso territorio”, apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil. Trátase dun material fotográfico e de filmación no que se recollen dos roteiros cunha media de trinta fotos xeolocalizadas e un vídeo por cada unha delas, ademais de 1.500 indicadores de código QR, sección web completa e guía informativa sobre o concello de Cedeira. As imaxes foran capturadas o día 11 de setembro.

 

 


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off