off

E o Borbón aderiu ao “a por ellos”

por Gabriel Beceiro

De volta da manifestación en apoio da greve  xeral, na que fun de brazo dado de veciños e concidadáns independentistas e non independentistas, entre eles moitos galegos e galegas que moran, traballan ou estudan en Girona – a mais multitudinaria  na historia da cidade-, no medio de mozos con senyeres a caron doutros con bandeiras republicanas españolas. Cando ainda traio no corpo a tristeza e amargor  da violencia vivida o dia 1-O mesturada coa audacia de persoas pacificamente indignadadas e a perda da inocencia dos mais novos, atópome na casa co manual práctico de como facer estourar un conflicto: as palabras do fiscal xeral (para quen a represión do 1-O  “en nengún caso podemos falar de violencia seria e xeralizada”),  as do portavoz do PP Rafael Hernando, as da vicepresidente Soraya Saez de Santamaría,  e a  mensaxe televisiva do Filipe VI facendo  todos catro un abondoso uso da liberdade de expresión.

Despois de termos padecido o furor da Policia Nacional escoitar algunhas cousas produce náuseas. Estrésame ver ao técola de García Albiol como Manolo el del bombo arengando aos policias (ele que perseguía á xente pola súa orixe ou cor cando foi alcalde de Badalona). Debería acollerme ao dereito constitucional de ficar en silenzo e brincar co oxímoro de ofrecer opinión dentro da estricta legalidade.

Comparar coas “turbas nazistas” as pacíficas manifestacións de rexeitamento da violencia policial do 1-O ou as corporacións municipais coa mafia, é un traballo intelectual que só o pode facer un delicuente relacional preparado para deshumanizar ás persoas ( todo moi alineado coa previa tipificación xudificaria  de “tumultuaria”). A fiscalía afirmando que a represión non existiu e toda unha enfiada de accións xudiciais e declaracións encamiñadas a desnaturalizar a posibel declaración unilateral de independencia a través da previa deshumanización da súa base social e unha estratexia direccionada a provocar desavinzas convivenciais na Cataluña.

Non por previsibel e axustada ao manual de estilo da voz do Estado, o discurso do Borbón veu  dicir: toda a culpa é dos políticos cataláns, pensade niso agora que sabedes como as gastamos e polo que poida vir. Nada de diálogo e total falta de sensibilidade. Un discurso de hooligan. Talvez o prólogo da supensión do Estatut e dunha represión máis alargada xa que as inxentes unidades policiais enviadas, pasado o 1-O continuan en territorio catalá. Porque no nome das pegañentas concordias e reconciliacións equipáranse a quen bateu e a quen recibiu, a quen foi vítima e a quen fireu e deu maus tratos. Como se todo fose o mesmo e porque se está  a preparar o terreo para unha intervención.   A liña dura á que o PSOE está endosado.

Hai un efeito psicolóxico de espello segundo o cal quen insulta e menospreza profire amiúdo aquilo que non pode ou non quer recriminarse a si mesmo. O estado español recoñeceu máis á ETA que ao actual goberno catalá ou ás organizacións da sociedade civil. Algúen lembra á monarquía facendo declaracions desta caste cando a ETA mataba?

As institucións do Estado desconectaran da realidade: perderan a ollada histórica, mesmo a máis recente. Convido ler o artigo de Juan Luís Cebrián “Carnaval político en Cataluña” para mellor debullar os lusco-fuscos do relato de quen apresentándose como mozo antifranquista que seica votou “non” no referendo arranxado  por Franco no 66 que libremente compara co celebrado o 1 de outubro de 2017 na Cataluña (“guardando todas las distancias, que quizás no sean tantas”, afirma), acabou sendo subdirector de Pueblo, xornal do Movimiento (o seu pai foi Vicente Cebrián, director de Arriba,  xornal oficial da Falanxe Española). Cando ainda vivia Franco, foi nomeado director da RTVE colaborando activamente na ditadura desde ese cargo fulcral. Ao pouco, apenas dous anos despois, aparece como director de  El País. Levamos décadas de creación e recreación dunha impostura tecida cos fios do revisionismo e a desmemoria que o mandarinato franquista foi inoculando nun proceso permanente de deturpación en nome de concordias e reconciliciacións.  We are the world, we are de children. 

Desde unha ollada moral, arrepía o uso da mofa (“carnavalada independentista”, chámalle) por quen é un dos maiores consolidadores  da impostura artellada polo mandarinato franquista face a súa lexitimación democrática. Porque non é  o mesmo violentar que ser violentado, nen os mortos son todos iguais, nen todos foran progres antifranquistas. Causa pasmo comprobarmos quer en Filipe VI quer en Cebrián a mesma falta de empatía, siso e actitude crítica. Xa non cola. A proba foi que na terceira-feira a xente saiu á rúa, non amedoñou despois do que aconteceu o domingo: persoas cunha papeleta vs. policia antidisturbios, resistencia pacifica vs. reacción violenta.

Dende a  segunda lexislatura de Aznar produciuse unha acelerada deslexitimación de España, entre outras causas, porque comezou escachando os elos consensuados coas nacións periféricas, vencellado a un nacionalismo español cada vez máis afortalado que trataba de facer retroceder aspectos do pacto territorial do 78. Alén da ocupación franquista e a represión  dunha longa ditadura, a nova perda de lexitimidade de Madrid e de España produciuse coa crise económica e as medidas correlativas de recentralización do estado. Estamos parante a re-mobilización do nacionalismo español con intentos de recentralización e composicións políticas do goberno do PP alimentando a equiparación de España a unha só tradición política (a conservadora como representante de toda España). No 2006 Rajoy apañou o relevo como presidente do PP na oposición recollendo sinaturas  contra a Reforma do Estatut de Autonomia e foi quen despois liderou o recurso de inconstitucionalidade contra o ele, que levou ao golpe de estado da Sentenza 31/2010 do Tribunal Constitucional. O que está a facer agora  sociedade catalá é revoltarse contra o golpe que deu o PP instrumentalizando o Tribunal Constitucional. Hai unha maioría social que é suxeito politico e non pode ser tractada como unha xestoría.

A legalidade española e a emerxente legalidade catalá estanse a mesurar segundo os medios asimétricos de que dispoñen. Ainda que non hexemónica, o independentismo está a construir unha narrativa que vai máis alá do pragmatismo practicado ao longo do século XX. Porén, acima de todo, o que evidencia o 1-O é unha fonda crise de gobernanza na España. O fracaso  é fenomenal. A manga de cretinos que gobernan en Madrid semella que gorentan inmobilizando a democracia  ao querer solucionar este conflito aplicando únicamente a lei, como  demostrou o discurso zombi de Rajoy no 1-O. Acho que en Dereito Constitucional a primeira obriga dun goberno é  politica e a segunda executar a lei.  Reparese no artigo 97 da Constitución Española, que abre así :”O goberno dirixe políticas internas e externas”…para depois acrescentar que “ele exerce a función executiva e o poder regulador …”Porén, cando se fala de restaurar a legalidade en Cataluña só pensan na forza, porque non teñen mais narrativa ca orde. Mas unha orde a comenencia, onde a dirección política é tributaria da aplicacion da lei ou función executiva. Cando esta vai por libre da función política o horizonte que se presenta – o da  execución en abstracto da lei libre da súa contextura social e política- é o desastre. Eís o encadenamento de ter elidido a tarefa de facer política, activando a maquinara que vai dos fiscais aos xuices até a policia.

Con  certeza, o nacionalismo de estado gorenta da maioría de vantaxes, entre delas, dispor de todo o aparato coercitivo do Estado e os acordos e tratados internacionais que selan a súa autoridade. Mas é esa lexitimidade a que está debalando ao ignorar o porqué a cidadanía catalá se está mobilizar do xeito que o está facer desde hai cinco anos.  Eís a fortaleza do Procés  ao alicerzar nas identidades, na  solidariedade local e outras formas de asociación e colaboración que están a facer de resortes de lexitimación abaixo-acima, achegando un rexo alicerce de mobilización. Lémbrese que a paseniña rutura da continuidade cultural da clase operaria na Cataluña construiuse arredor da grande empresa industrial que coa fin da plena ocupación e a inestabilidade laboral contra da fase serodida da transición impactou na transmisión xeracional das culturas politicas. Alianza interclasista do PSUC na Assemblea de Catalunya foi a derradeira tentativa de influencia política da clase operaria, o que viu despois é a irrupción dun novo liderado: o das clases medias e os novos recursos de capital cultural. E con eles o da desmobilización. Porén, deu paso á proliferación de vida asociativa, un tecido fecundo que permitiu o salto á organización política. O que explica que na altura a Generalitat fora a parar ao pragmático Pujol e non ao activismo de esquerdas. Porén, desde a Plataforma per la Llengua pasando á Coordinadora d’Associacions per la Llengua, que xunguiran non só militantes históricos do tardofranquismo mas a quen fora en parte educada en catalá e criada en democracia, abriu novos horizontes alén da Crida a la Solidaritat (1981-93) , pasando do activismo no que o espazo público fora  chave de actividade, a tratar de que o uso social do catalá aumentara. Porén, perante a evidencia dos procesos de homoxeneización mundial das prácticas cotiás de lecer e formas de traballo o soberanismo percebeu que precisaba alargar os eixos de mobilización, entre deles o apoio social de cataláns que non utilizan o idioma catalá. Até chegar a Òmnium Cultural e a ANC, entre outros.

Por iso resulta incomprensíbel que se neguen a negociar porque mesmo desde o punto de vista das institucións do Estado, o  Constitucional  e o poder xudicial saen magoados da súa instrumentalización. O debalo é tan fondo que en Madrid ninguén pensa no relevo de Rajoy e sorprende e preocupa ver a falla de alternativa entre a intelligentsia . Apenas algun distanciamento en Podemos: “non no noso nome”. Porén, hai moitas anos que desde Cataluña se reclama diálogo. O escenario de normalidade negouse sistemáticamente desde o Estado: unha DUI hai que enmarcala nese pano de fondo. Talvez unha táctica para forzar a mediación que doutro modo non se tería albiscado no horizonte.

Cando  900 cidadáns europeus son tratados  a mocazos, esticadas de pelo e balas de borracha para que non voten deixa de ser un caso interno para tornarse interno da Europa (ese clube privado de estados miopes).   Que se pode facer perante esta falta de obxectividade? Constatada a realidade, para alén do filtro burbulla, hai alguén escandalizado co rexime autoritario instalado en Madrid e a súa política catastrófica desenvolvida na Cataluña? Selaron a caixa? Arrincaron os cabos do teléfono e fecharan os ollos? Non merece a cidadanía  a mediación do diálogo? Con certeza, iso sería o recoñecemento do outro. Para alén da lóxica eleitoral, hai algúen disposto na España e na Cataluña e a pactar un referendo pactado? O PSC, u-lo?

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: