off

Vergoña e dignidade

by
Se ainda quedaba calquer resto de lexitimidade de España en Cataluña perdouna na xornada de hoxe.A represión policial causa 844 feridos na xornada de referendo na Cataluña. 319 colexios fechados, mas a grande maioría, por volta do 86% estiveron abertos grazas á resistencia cidadá. Moitos dos colexios eleitorais  houberon de pasar ao sistema manual para evitar a blocaxe da Garda Civil e a Generealitat acabou activando un censo universal para garantir o voto ainda que houber colexios fechados. 

1 Outubro, 2017, 21:15. Escribo e reescribo triste e enraivecido. Pasmado. Fodido. Con mais ganas de escoitar do que escribir. Cando ainda me tremen as pernas procuro razóns e razonamentos para explicarme o que está a acontecer na Cataluña. Porque o que asusta é como se preparan. Cos mandos policiais sinalando e dando ordes con claros acenos de andar doentes, de encarnizarse primeiro coas mozas, esta, aquela, e seguir despois cos vellos. Todo ás portas do Centre Cívic Pla de Palau, no centro de Girona, o meu colexio eleitoral, cando ainda non pasaran vinte minutos da constitución das mesas. Esas persoas sentadas no chao que bourou e arrastrou a policia son os meus veciños e veciñas, nais e pais cos seus fillos. Hoxe, despois de votar, non haberá café nen vermú. Desta vez, despois de tentar exercer o dereito de voto, ficaremos ás portas, custodiando as urnas.  Malia o medo na cara- porque hai quen fai mal e faino físicamente-  aquí hai mulleres e homes sen medo a votar, avós de 90 anos, famílias que queren votar polo futuro dos seu fillos, mozos voluntarios garantindo a loxística da xornada, facendo cousas fecundas, compartindo a mellor fasquía dunha nación diversa e viva. Non é dificil descobrir os segredos do transversal que é o soberanismo. De brazo dado e xunguindo forzas que no meu país e no resto do Estado non achei de abondo para rachar cun pasado herdeiro do franquismo. Si, foi un “a por ellos”…..por cojones. 

Se ainda restaba calquer resto de lexitimidade de España en Cataluña perdouna na xornada de hoxe. Cando un estado ten de utilizar a forza contra a poboación civil  sentada ou cos brazos erguidos é un estado perdido porque xa  perdeu. O  silenzo cobarde e a absoluta indeferenza mostrada polo Rajoy e o seu goberno ao longo do día é propria de quen  nega a realidade desde a compracencia que lle fornece a burbulla de hooligans  mediáticos coa súa  pleiade de historiadores e xuristas que  se apuntaran á caza ao abrir a veda. Compareceu tarde, apenas cando a vergoña sentida no mundo xa se colara pola CNN.

Porén, a estratexia autoritaria e policial alicerzada no uso da forza do Estado vén de esnafrarse contra a cívica resistencia dunha determinación democrática. O autodenominado patriotismo constitucional español amosou non o seu fundamento cívico mas o seu carácter autoritario a través dun uso inxustificado e irracional da violencia. Iso que inclue todas as súas variantes, xudiciaria e mediática, de anihilación de calquera disidencia que cuestione o cerne ideolóxico do nacionalismo español ( o carácter indivisibel da nación española, presentada como unha precondición esencialista que na práctica revélase como coartada para manter a igualdade de dereitos e oportunidades), desde que fora reformulado o discurso  patriótico español a comezos dos 80. Rajoy vén de confirmalo ao definir a actuación da Garda Civil e da Policia Nacional Española: “Fixemos o que tiñamos que facer”. E o que fixeron foi o uso da forza bruta na Cataluña. A iso Rajoy chamoulle “actuación serena y sensata” (aqueles «hilillos de plastilina» da pos-verdade). Con total falta de autocrítica e de sentido da realidade, o único que a Moncloa defendeu foi o uso da represión policial desproporcionada que teima nunha fixación zombi, dominante nos medios, segundo a cal presentar calquera outra visión, disidente ou antagónica como sediciosa, sospeitosa na súa intencionalidade política é falsa, trampulleira e criminosa no plano intelectual e ético. Incribel que iso pase nun estado que se di democrático. Un erro imenso, mas iso é o que acontece cando se prefire aplicar unha especie de violencia preventiva correlativa á mofa – mais tamén de animadversión e hostilidade-  e a falta de vontade de comprensión do Procés,  hoxe substanciada na violencia que sofreu a cidadania catalá con episodios de ensañamento (Colau denunciou que houbo mulleres que padeceran agresión sexual e verbal con manuseos impunes), nunha intervención contra a poboación que foi alén do obxectivo de impedir o referendo.

Non se entende o uso da forza en colexios eleitorais extremadamente pacíficos,  mesmo cunha asombrosa serenor, arrexuntados os máis madrugadores na soleira da porta en faladoiros, que acompañan e animan ás sete mañá  sen barullos innecesarios, agás pola insolita presenza da ducia de tanquetas da policia que estacionan na contorna da Biblioteca Ernest Lluch.  Unha intervención policial que adoptou fasquía de operación bélica de ocupación perfeitamente orquestrada por todo o territorio, escollendo vilas e colexios eleitorais menos protexidos para cargar os antidisturbios contra a cidadanía que se concentraba desde primeira hora da mañá á porta das escolas, centros cívicos e pavillóns esportivos coa determinación de defender pacíficamente o seu dereito a votar, a decidir o que quere ser.  Milleiros de persoas indefensas diante da forza bruta mas tamén con grande sentido da dignidade xa que non respotou con máis violencia, senón que soubo controlar a raiba sobrepoñéndose con alegría pola emoción de poder votar e facelo cos propios medios. Os da razón que non vai contra ninguén, mas non recua perante a irracionalidade e a impostura.

Repaso os vídeos e notícias da xornada. Fonollosa, de apenas 200 habitantes, 70 gardas civís armados asaltaron e destrozaron a vila. En Aiguaviva, cun censo de 800 habitantes, a policia cargou utilizando pelotas e gases lacrimóxenos. No Col·legi Verd de Girona, inaugurada o 23 de abril do 33, os axentes baten, puxan dos cabelos e  deitan escaleira abaixo a cidadáns que querian impedir que requisaran as urnas. En Barcelona a Marta Torrejillas manusearona arrastrándoa pola escaleira e rompéronlle os dedos da man un a un. Escoito no RAC1 que a Ariadna pedironlle as urnas ou abririan a porta cosa súa cabeza. A Policia Nacional e Garda civil adoutrinaron máis crianzas nun dia que a escola e os medios en corenta anos.

Erguímonos cedo convocados a votar nun referendo reprimido, celebrado en condicións adversas, mas parceiros dunha revolución democrática que tento explicarlle ao meu fillo diante de cinco policias con equipamento de motín, achantados, cos brazos pregados e as pernas abertas, fitando para nós desde a maior das distancias:“neno, bater na xente indefensa  é facer o mal”, “votar non é delito”.  Xa o sabe.

Silenzo culpabel. A violencia policial polo 1-O provoca a  indignación inmediata dos grandes medios internacionais. Agás os medios españois  e a RTVE , cuxo tratamento informativo do 1-O será investigado polo Consello de Informativos. Escoitalos é a prova evidente de que viven noutro mundo (chegando ao punto de curtar videos que están enteiros disponíbeis na internet), falando da “violencia” sufrida pola policia e da suposta inhibición dos Mossos.  Quen alterou onte a convivencia cidadá foi a Policia Nacional e a Garda Civil, vulnerando as ordes de proporcionalidade da fiscalía, disparando pelotas de goma e usando gas lacrimóxino, esnaquizando locais e arrastrando ás persoas polo cabelo cunha brutalidade desnecesaria.

No entanto, é preocupante  a resposta tímida dos lideres europeus perante a violencia. Entre os poucos que xa se pronunciaran sobre o episódio, o primeiro ministro da Bélgica, Charles Michel, condenou todas as forma de violencia na Cataluña, un dos poucos a condenar o episódio diretamente. “A violencia nunca pode ser a resposta! Condenamos todas as formas de violencia e reafirmamos noso apelo pelo diálogo político”, escrebeu na s sua conta no Twitter. Na Gran-Bretaña, o deputado líder do Partido Traballista británico, Jeremy Corbyn, incitou a primeira-ministra, Theresa May, para que apelase ao primeiro ministro español polo fin da violencia policial na Cataluña. A primeira-ministra escocesa, Nicola Sturgeon, ponderou que, independentemente das opiniónss sobre a independencia, todos deberiam condenar as cenas de violencia e pedir á España que mude de rumbo antes que alguén saia gravemente ferido.

Mas tamén causa pasmo a volubilidade  comprensiva  e analítica do relato contrario ao referendo. Para esa vision todo se reduce a negarlle ao voto soberanista o que con teimosía estatal se concede a si mesmo: Todo por la patria. Soy español, español! A por ellos! Eís a liña de demarcación que conmina a atacar aos outros que se supón son concidadáns. Puro franquismo sociolóxico o dun país que mantén un partido condenado nos tribunais por corrupción. Co escenario aberto dunha eventual e cada vez máis próxima secesión de Cataluña, prevese un devalo dos dereitos fundamentais en España sobre o pano de fondo de recentralización e homoxeneización política e cultural, se non unha liguidación dunha boa parte do Estado das Autonomías. Frente a iso, a obriga de desobedecer. Cos bimbios da represión o nacionalismo español fica lonxe dos retos actuais. Un nacionalismo de estado de fasquía conservadora en plena involución de imposicion e forza, incapaz doutra resposta  que procurar o futuro no pasado. Porén, votouse entre tanquetas e porras de policia. A estratexia de Rajoy fracasou, porque quen venceu foi a cidadanía catalá.

Son as dez  da noite, saio ao balcón e adícome a batucar na panela, co tapa da pota, descarrego a tristeza feroz do vivido  que  resoa e desaba enraivada-chocalla-pola-rúa-enbaixo;  esta noite chove; e lembro que non estou só, non estamos sós, porque alén Cataluña, na miña Galiza, unha parte do teu voto votou por ela.

Diante da represión todo o mundo comeza de cero. Está ainda por ver os efeitos desta represión desatada sobre os corpos de milleiros de persoas pacíficas que querian votar. Porque como é sabido a represión funciona xerando trauma e medo. Por vez primeira persoas que nunca se atoparan con a represión direta deberán ter que asumir o costos e a sua incidencia no Procés. Terá costos, sen dúbida. Agora non temos respostas. Porén, o que ficou nídio hoxe nas escolas e ruas de Catalunya é a fasquía violenta do Estado español.


1-O Referendo de Autodeterminación en Cataluña


One Comment

  1. Foron a axustar contas non a parar o referendum.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off