off
Cedeira, Meio ambiente — 29 Setembro, 2017 at 6:52 a.m.

Cedeira aprobou unha bonificación do 50% no IBI polo aproveitamento enerxético solar

by

[Pingota Comunicación]  O pleno do Concello de Cedeira, na sesión celebrada na tarde de onte, aprobou por unanimidade rebaixar a carga impositiva aos propietarios de vivendas que opten polo uso de paneis solares para o consumo de luz e auga quente. Así, a partir de agora os bens inmobles que teñan instalados sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico
da enerxía procedente do sol terán unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto o primeiro ano, e dun 25% o segundo ano. A medida está vinculada á instalación destes sistemas durante os primeiros anos da súa posta en funcionamento e nos casos que non veña imposta por obriga legal o regulamentaria. Tamén está condicionada a que as instalacións para a produción
de calor engadan colectores homologados pola administración competente. O goberno municipal pretende así seguir a introducir criterios medioambientais nas respectivas ordenanzas fiscais que o permitan -xa existe unha redución do 50% no imposto rodaxe pola compra de coches eléctricos- para tratar de sensibilizar á cidadanía sobre o emprego de enerxías
alternativas ou menos contaminates, como no caso dos vehículos.

O pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova) pola que se insta a Área Sanitaria de Ferrolterra a solucionar as carencias de persoal sanitario que, durante todo o ano pero de maneira máis especial durante os periodos vacacionais, está a xenerar continuas queixas entre os usuarios da sanidade pública. A corporación entende que o servizo que se está a dar en Cedeira -con feitos como o de ter que compartir pediatra co Concello de Valdoviño, tal e como aconteceu o pasado verán, non dispoñer dun facultativo de reforzo e deixar sen cubrir as baixas- merman as prestacións que reciben os usuarios do Sergas, polo que se demanda dos seus responsables que se adopten as medidas necesarias para corrixir as deficiencias sinaladas.

O pleno aprobou finalmente como festas locais cara ao próximo ano os días 13 de xuño e 26 de xullo, festividades de San Antón e Santa Ana, respectivamente.

 


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off