off

Sobrevivendo ao 1-O

by

O referendo catalá describe a democracia que vén (e xa anunciaba a “lei de seguridade cidadá”). A tendencia no reparto do poder. Alén da viabilidade  ou non dunha declaración inmediata e unilateral de independencia, o que permite o tema catalán é pór en perspectiva o devalo dos dereitos fundamentais de cidadanía nas democracias emprazadas. Con certeza, os non-cidadáns (apátridas, refuxiados e exiliados) e outras minorías padecen hai tempo a magnitude dese devalo. Na Hungria e Polonia a separación de poderes agoniza, o que pón en evidencia a inhibición europea, a posibel intervención da Unión Europea no proceso catalá. Ao que se suman os perigosos resultados eleitorais na Alemaña e Franza. Porén, os estados europeos fitan como España xestiona e forza a lei para sufucar o obxectivo de autodeterminación do pobo catalá.  O goberno español está a facer una represión moi grave e perigosa á marxe dos estándares europeos de democracia emprazada. Quer dicer, estanse a incumprir os principios fundacionais de integración no marco europeo. Malia as dúbidas xeradas, talvez acabe por haber unha resposta europea, demorará, mas  sería un regresión definitiva de non chegar,  se a situación continua desta maneira. Os ataques contra a liberdade de expresión (dar ordes as operadoras de internet, fechar centos de webs de dominio .cat, identificar e arrestar os seus administradores , amedoñar xornalistas nas redaccións e a sindicatura eleitoral asediada)  son moi perigosos. Sen ir moi lonxe, ainda que a 1200 quilómetros da Cataluña, 4 activistas galegos foran identificados e retidos durante vinte minutos por 4 policias cando estaban a repartir cartaces por Ferrol adiante da plataforma Galiza con Catalunya, que convoca a una manifestación a favor do dereito a decidir do pobo catalán.  Esta presenza nas rúas galegas, xunto á manifestación do sábado, son mostras da indignación que  afecta a quen nos sentimos solidarios, de brazo dado de moitos, contra as tentativas de intimidación e de censura, mesmo de  violacións flagrantes de dereitos fundamentais como o de expresión ou reunión, materias do tribunal a escala europea.

A comparenza de centos de alcaldes diante da Fiscalía Superior de Cataluña por teren cedido locais para o referendo ou a recente a intimidación a directores de escolas e institutos ilustran o alcance do divorcio que está acelerar a maquinaria politico-xudiciaria española. A diferencia do proceso participativo do 9N, o referendo do 1-O é un plebiscito vinculante soerguido na   llei de transitorietat jurídica i fundacional de la república catalana  xunto a  lei do referendo que lle dá cobertura legal e xúrídica. Perante a agresividade amosada polo goberno Rajoy dirixentes políticos e medios internacionais denuncian e claman pola mediación da UE (Human Right Watch está monotorizando a situación e Newsweek mostrouse a favor do referendo). Velaí o desprazamento masivo de policias ao demencial ditado de “a por ellos” procurando tensionar a situación na rúa e  no exterior dos colexios electorais se ao final o 1-O non se pode votar por estaren algúns deles precintados. Os Mossos xa avanzaran que consideran inaplicabel a orde da fiscalía de precintar colexios, os colectivos de bombeiros pageses (labregos)  mobilizaranse para garantir o referendo do próximo domingo e a comunidade educativa chama a abrir as escolas. Várias organizacións vencelladas á educación piden que nas escolas se fagan actividades para evitar o precintado. Esta mañá centos de estudantes de bacharelato e ensino secundario manifestábanse polas rúas de Barcelona,  Girona e bisbarra convocados polo Sindicat d’estudiants dels Països Catalans.

Semella que todo depende do fiscal Maza, que pende do goberno español. Non sei se hai que ser xurista para decatarse que non é función dun fiscal circular polos medios de comunicación con declaracións admoestadoras e ameazantes. O goberno de Rajoy está a xestionar nefastamente o conflito. Semella que non son quen de sair da ocurrencia e o desafío. O espectro estructural do franquismo paira sobre as institucións e a política española, a da mao dura, a que se está a impor neste momento. Se isto é o que saben facer, coartar os dereitos dos cidadáns, o síntoma está a mostrar ao vivo a doenza da democracia española. O  que sen dúbida está a afectar a imaxe exterior do estado español. Mesmo a imprensa británica que ao comezo pensaba que podia contaminar o caso escocés, estan virando a súa percepción: Inglaterra gábase agora de non ter repremido nen censurado, pactando un referendo, levando o conflito ao eido político que onde se ten de facer.

O goberno español terá de pagar a incompetencia na xestión deste  conflito, mesmo por salvar provisoriamente, o Rajoy. Decataran tarde de máis da dimensión real do problema e a súa irremesibilidade.  A chave está agora  en debullar se en Madrid fica siso de abondo – Rajoy xa non debería estar gobernando- para aproveitar a oportunidade de negociar perante un soberanismo reforzado nunha posible convocatoria de eleccións que terían fasquía constituinte.Infelizmente,  o executivo de brazo dado do vergoñento papel do PSOE, teima en ollar cara outro lado e demostra así dia após día que por riba da democracia prevalece unha esencialista idea de España que non se arreda de precintar urnas en nome da legalidade. Tamén é cousa de pasmo a descuberta en Podemos de que o españolismo existe, mas non é quen de ofrecer alternativa á situación de excepción actual. Onde é que deixaran o trotskismo? Os máis de 2 millóns de persoas non son os corruptos do PdCAT. Porén, tamén merecen un itinerario cara o dereito a decidir á altura e non simples simulacros.

Ainda que acabe submetendo pola forza o 1-O, España non sairá indemne de todo isto, en termos financieiros ou cando tenten xustificar diante da opinión pública internacional o feche de webs na Cataluña. Pretenden silenciar todo e a todos? Ten razón o politólogo galego Xacobe Bastida ao afirmar que cando un Estado non quere que se vote, só queda facelo sen garantias. Porque ainda cando un estado democrático supón un marco normativo, este non é absoluto nen finalista e se impide por mor desa norma o exercizo dunha práctica democrática alicerzada e xustificada, esa democracia estaría a sucavar  os seus fundamentos  moito máis do que  transgredindo  o procedimento. Porque non é certo que a desobediencia sexa totalitaria como afirma a vicepresidente española Saez de Santamaría. Pola contra, é totalitario a obediencia cega á lei. E máis, cando hai tanta asimetría de poder. Cun estado de excepción non declarado.

Coda. Malia o seu coñecemento televisivo da realidade, Donald Trump non fixo de teleñeco. Tén vida própria! Sabe diferenciar os allos dos bugallos! De feito,  a portavoz do Departamento de Estado afirmou que outros paises teñen feito referendos de independencia. Rajoy, que leva anos desleixando o tema catalá, foi aos EUA na procura dos azos de Trump,  o campión da pós-verdade, a vedette do autoritarismo pós-democrático. Porén, nen Trump entende a política de Rajoy.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off