off
Galiza, Política, Sen categorizar — 24 Setembro, 2017 at 8:16 a.m.

O BNG presenta unha proposta política para “superar o actual corsé da Constitución e do Estatuto e finiquitar o réxime do 78”

by

O Bloque equipara o documento presentado coas Bases Constitucionais Galegas de 1977, que establecían na altura que Galiza é unha nación onde a soberanía residía no pobo galego. O obxectivo da formación da esquerda nacionalista, é “sentar as bases para conseguir o progreso e benestar do pobo galego, nunha democracia participativa e avanzada e con máis dereitos individuais e colectivos”.


BNG presentou este sábado as Bases Democráticas, unha proposta política para “superar o actual corsé da Constitución e do Estatuto, finiquitar o réxime do 78”, esgotado e fracasado”, e “dotarse das ferramentas necesarias para darlle aos galegos e as galegas unha vida mellor”.

Ana Pontón afirmou que “Ninguén noas vai regalar nada; temos que ser os galegos e galegas os que conquistemos máis poder político para vivir mellor e evitar unha aldraxe bis”[..] “Máis aló da política do medo e da represión, é evidente que, si ou si, algo se vai mover no Estado español”, salienta a portavoz nacional,

O Bloque advirte que o alvo é que “Galiza sexa protagonista e non mera espectadora” nun momento político que cualifica de “excepcional”.Segundo valorou Pontón trátase dunha  “proposta política de calado” para “superar o actual marco institucional e iniciar un novo proceso constituínte” que lle permita ao país “camiñar sen lastres” achar “máis oportunidades e mellorar a vida da xente”

Con estas Bases preténdese  activar un debate “sereno” con toda a sociedade galega, “co resto das forzas políticas, cos colectivos económicos, sindicais, sociais e culturais para sacar adiante unha proposta que beneficie a Galiza”. “Estas Bases son unha proposta aberta para debatelas con todo o mundo. Entre todos e todas construiremos unha Galiza mellor”, dixo a portavoz nacional, que lanzou unha mensaxe ao pobo catalán: “Hai un problema político e non se soluciona requisando papeletas; Catalunya está facendo unha revolución pacífica e democrática, respondendo cada provocación cun sorriso”.

“Galiza non pode baixarse do tren das nacións, non podemos permitir un escenario no que os demais avanzan mentres este país retrocede, porque iso significa perder oportunidades nunha especie de aldraxe bis que só agudizará os nosos problemas”, como “a precariedade, paro, emigración, envellecemento e despoboación ou desmantelamento dos sectores produtivos”. “Para que Galiza sexa unha terra das oportunidades na que ninguén quede atrás e, neste momento decisivo, este é o debate imprescindible”, engadiu.

 

Bases Democráticas

Entre as propostas das Bases Democráticas, salientan:

  • establecer a idade de voto nos 16 anos, a posibilidade de realizar referendos vinculantes se o solicita o 3% do censo electoral
  • revocar cargos públicos electos implicados en situacións de corrupción.
  • garantir por  lei a participación e representación paritaria, garantías constitucionais ao exercido dos dereitos sexuais e reprodutivos, singularmente o da muller a decidir libremente sobre o seu corpo, recoñecendo por lei o dereito das mulleres a unha vida sen violencia de xénero.
  • implantación dunha renda social básica que garanta unhas condicións de vida dignas, unha carta de dereitos sociais avanzada para o conxunto da cidadanía, en particular para os colectivos máis vulnerables, xestión directa da Seguridade Social e garantía das pensións de xubilación por parte dos poderes públicos.
  • blindaxe dos servizos públicos, en particular, saúde, educación e servizos sociais.
  • crear a Facenda galega e política fiscal e financeira propia,
  • decisión plena para desenvolver os sectores produtivos e xestionar os recursos do país, banca pública galega con plena capacidade normativa sobre o sector financeiro que actúe en Galicia,
  • estabelecer unha tarifa eléctrica galega e capacidade para emitir débeda pública.
  • recoñecemento da lingua e outros sinais de identidade. “O galego será o idioma vehicular no ensino e o país terá plena capacidade para lexislar e desenvolver o sistema educativo en todos os niveis en aras dun ensino público de calidade, laico e en galego”.

Documento: Bases democráticas

2 Comments

  1. Tendo en conta que non é un texto finalista mais unhas bases onde se fala de superar “os corsés constitucionais e estatutarios” e coa que “camiñar sen lastres”, non sería consistente que non se falara do dereito de autodeterminación. Non sei se limos o mesmo texto pero un atópase con este concepto 4 veces na páxina 5, a primeira pàxinas das “Bases políticas”, non se antes afirmar na pàxina 4 “que o BNG, forza que ten lexitimamente como horizonte estratéxico un Estado Galego soberano, a República da Galiza, apela hoxe ao conxunto da sociedade galega para asumir compartidamente que a nación galega pode e debe exercer os dereitos que colectivamente lle corresponden e, en consecuencia, iniciar xa o camiño para acceder a un novo marco político-institucional que garanta o dereito a decidir sobre o noso e sente as bases para o progreso e benestar do pobo galego. Con este obxectivo presentamos as seguintes Bases democráticas”

    http://ollaparo.gal/wp-content/uploads/2017/09/BNG-basesdemocraticas.pdf

  2. “É mellor que Montoro siga tendo a chave dos nosos cartos e facendo amnistías fiscais ilegais, ou un concerto económico que nos daría máis de 3.500 millóns de euros para financiar a nosa sanidade, educación ou dependencia? Que preferides, unha Constitución que antepón os pagos aos bancos á vida e ao benestar das persoas ou un novo marco político onde blindemos os dereitos sociais e as liberdades públicas nunha democracia moderna?”
    En ningún momento falan do dereito de autodeterminación.
    O único que di o Bloque é que se faga un novo estatuto de autonomía.
    Momento político “excepcional” que non está protagonizando. Mentres Cataluña e Euskadi están no referendum e no dereito de autodeterminación o BNG (actual) sigue na Constitución e no Rexime do 78.

Deixa unha resposta a XoséCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off