off
Cedeira, Política local — 18 Setembro, 2017 at 7:28 a.m.

A Deputación investirá máis de 100.000€ en obras de mellora na estrada da Candieira a Sto. Antonio do Corveiro

by

[Pingota Comunicación] O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta semana un investimento de 101.406,90 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora da estrada provincial DP 2204, de Punta Candieira á ermida de San Antón, un asunto que o equipo de goberno valora como un novo compromiso da institución provincial coa veciñanza cedeirense.
Este novo compromiso, sumado a inversión xa realizada de case 514.000 euros na estrada DP 2205 (San Andrés- A Pedra) e a prevista de case 750.000 euros para acometer a variante das Pontigas, é “unha boa mostra de que a Deputación sempre está a atender aos pedimentos que se fan desde o Concello Cedeira”, apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil. O primeiro edil tamén confía en que a Xunta contribúa agora á mellora das infraestruturas locais coa execución do proxecto para eliminar as curvas de Landeira, “o que viría representar o despegue definitivo de Cedeira, en materia de comunicación viaria”.
O acordo aprobado agora polo pleno representa a execución dun proxecto que se desenvolverá ao longo dun tramo de 3,34 quilómetros, no que se acometerán traballos de apertura de cunetas en ambas marxes da estrada, así como o desbroce de ribadas e a realización de beiravías.

Tamén se prevé a reparación de fochancas e desniveis e a pavimentación de toda a vía cunha mestura en quente de cinco centímetros de grosor. O proxecto, cun prazo de execución de tres meses a partir do inicio das obras, inclúe así mesmo unha nova sinalización vertical e horizontal. A intervención está incluída na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar o estado e a seguridade viaria en todas as estradas que son da súa competencia.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off