O divorcio á catalá é só un dos múltiplos conflitos que tornan evidente a metástase que corroi ao réxime do 78. Un comprido capítulo de humillacións e abusos aturados con resignación durante decenios pola auténtica maioría silenciosa. Penitencia que acadou o seu clímax cando a crise económica provocada pola oligarquía financeira fíxose recaer sobre os prexudicados polo exclusivo dereito a decidir que ostenta o duopolio dinástico hexemónico. Seguramente sen ese plus de desprezo cara aos verdadeiros titulares da soberanía xeral o descrédito da clase política non chegase á actual situación de non retorno. A convicción entre os sectores cidadáns máis consecuentes e responsables é que esta conxuntura xa non ten emenda. O sistema é irreformabel desde adentro e a única saída digna é a ruptura democrática. Fartos de estar fartos.
A máis abundancia, quizais a pedra de toque definitiva do colapso en curso teña que ver con noticias como a que acaba de producirse en sordina no medio da traca do procés. Refírome ao fallo da Sala do Penal do Penal da Audiencia Nacional declarando que a “omisión”do gobernador do Banco de España (BE) e do presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) en relación coa saída trapaceira a bolsa de Bankia non constitúe delito. Un auto que, por elevación e analoxía, exime tamén de toda responsabilidade na crise-saqueo xeneral a Miguel Fernández Ordoñez (Mafo) e a Julio Segura, os dous máximos representantes desas entidades crave no control da armazón bancaria.
Desta forma, os máis de 40.000 millóns de euros dilapidados no rescate aos bankers (moitos máis que os recortes de sanidade, educación e pensións xuntos) hai que dalos por ben empregados. Aceptar que ninguén nas alturas do sistema, ningunha autoridade con mando en praza, tivo responsabilidade nuns feitos tan ruinosos para os de abaixo. E que haberá que contentarse coas pezas cobradas nas persoas de Rodrigo Rato e o finado Miguel Blesa. E nada máis, santa Rita Rita. Como no seu día o xuízo sobre os crimes dos GAL non alcanzou a Felipe González e a homicida traxedia do Yak-42 freouse diante da porta da oficina do impresentabel Federico Trillo, a maior estafa social da recente historia española non ten quen a subscriba.
Loxicamente unha democracia xorda e muda ante o bárbaro despotismo dos poderosos non podía senón terminar cavando a súa propia tumba. Cando ocupamos os primeiros postos no ranquing europeo de paro e de precariedade laboral, e á vez as estatísticas indican que o número de multimillonarios brotou como fungos en 2016, a infamante exoneración de Mafo e Segura só pode interpretarse como proba de cohabitar nun Estado cleptómano, que rouba aos pobres co BOE para darllo aos mafiosos da Marca España. Non porque haxa na cúspide xestores públicos reprobables ao servizo da clase dominante, senón porque toda a súa arquitectura está deseñada para que a alta corrupción quede impune.
Unha andoriña non fai verán. A brecha aberta entre representantes e representados está balizada en ardís sen fin entre a clase política e o mundo diñeiro para munxir o produto social como presa de guerra. Ese foi o xene que guiou os pasos do espremedor bipartidismo que agora leva as mans á cabeza porque un sector da cidadanía en Catalunya está a dicir adeus a todo iso. Por remontarnos só á contorna da crise, convén lembrar o ocorrido na segunda lexislatura de Rodríguez Zapatero, cando se liquidou dun plumado o parque das caixas de aforros (despois de ser baleirada pola caste política e sindical adicta); o xefe da oficina económica de Moncloa, David Taguas, deixaba o seu posto para acto seguido colocarse á fronte de SEOPAN, a patronal de obras públicas, ou o entón presente de goberno socialista despedía á súa afección indultando ao conselleiro delegado do Santander, Alfredo Sáenz, condenado en firme polo Tribunal Supremo.
Aqueles ventos e outros de semellante contía delituosa incubaran a vixente catarse. Nada novo baixo o sol. O PSOE, nese terreo como en tantos outros, seguía os pasos do PP na súa versión máis rancia. Tamén o executivo de José María Aznar ollo para lonxe cando o na altura subgobernador do Banco de España Miguel Martín (1992- 2006) pasou coma se tal cousa a dirixir a patronal dos grandes da banca. Porta xiratoria que se tornaría hábito de facinorosos co actual presidente da AEB, José María Roldán, que viña de ser o xefe de Regulación e Estabilidade Financeira do BE na crise que nos está levando do Estado de Benestar ao de Beneficencia. A exculpación do tándem Fernández Ordoñez-Segura é aínda máis chocante cando no mesmo auto o tribunal senta no banco á auditora Deloitte, que foi quen validou o folleto de saída a Bolsa da entidade privatizada, e mentres o actual subgobernador do Banco de España, José Viñals, recoñeceu publicamente que se “cometeran erros de supervisión”.
Pura tangentópolis que nin sequera se molesta en disimular e fai estraños compañeiros de cama. González, Míster X, vén de ser condecorado polo perigoso “vermello radical” Alexis Tsipras co Premio á Democracia da cidade de Atenas. Neste mundo traidor todo vale, todo é aproveitado, dun corno faise unha cabide, que dicía Gloria Fuertes. O problema sempre é o mesmo. Contra a dereita loitamos mellor, pero se se trata da falsária esquerda, de “uns dos nosos”, dáse a calada por resposta. É o caso de Miguel Angel Fernández Ordoñez, secretario de Estado de Facenda no felipismo, conselleiro ás presas e editorialista de El País; e de Julio Segura, ex dirixente do PCE, o home que elaborou o relatorio económico do VIII Congreso do Partido. Quizais por iso, CCOO, UXT, Esquerda Unida e o mesmo PSOE, tan dilixentes á hora de denunciar os atropelos da Gürtel e outras laias, nen saben nen respostan É o que teñen os cartóns black e outros emolumentos. Mesmo cabe o caso de intelectuais deses partidos emerxentes que publican acesas denuncias sobre o atropelo da trama mentres o seu matriz persiste no selectivo bando dos condescendentes. O único sindicato de clase personado como acusación particular contra os responsabeis do BE e da CNMV no caso Bankia, foi a anarcosindicalista Confederación Xeral do Traballo (CXT). Será porque entre os seus obxectivos non figura chegar ao poder facendo méritos nen obter réditos políticos das institucións do Estado?