off

O Salto Galiza lanza o número 5

por

O Salto Galiza , a edición para Galiza de El Salto que publicou o número 0 no mes de marzo  lanzou esta semana o número 5.  O suplemento galego vén de estrear web publicando en aberto un artigo Toni Lodeiro (consultor e formador sobre consumo conscente ) os límites do poder nos denominados ‘concellos do cambio’.  O número de setembro da edición galega encerra tamén unha reportaxe de Clara Figueroa “DesOrdes Creativas“, un percorrido polos dez anos do festival de arte urbana de Ordes e a pegada polos rueiros, vilas e cidades do país. A contracapa é adicada a unha entrevista da Figueroa á  ilustradora coruñesa Bea Lema, recente gañadora do premio Castelao da Deputación da Coruña de banda deseñada.

Mas o que é O Salto Galiza? É a publicación mensual en papel dun medio que tamén tén  web co alvo de  ser aberto,  colaborativo  e asemblear,  e cuxa edición local apreséntase como o nodo galego do proxecto  de información colaborativa El Salto, impulsada polo xornal Diagonal editado pola Asociación Punto y Coma  e con 20 proxectos comunicativos de todo o Estado. De feito, Diagonal publicou o seu derradeiro número após 12 anos de percurso para debruzarse agora neste proxecto de refundación que se define como “rede de medios” ou integración de proxectos confinantes (Pikara Magazine, El Salmón Contracorriente, Revista Soberanía Alimentaria, Visual404, Wiriko, Hemisferio Zero), algúns deles con base local (AraInfo en Aragón e Pamplonauta en Nafarroa). Outros, como é o caso de  O Salto Galiza,  alicerzando en  xornalistas e activistas locais da comunicación que participan en Galiza Ano Cero, Galiza Contrainfo  ou colaboran en Luzes,  Praza Pública, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios.  O novo medio apreséntase como “democrático, de propiedad colectiva, descentralizado y financiado por la gente, no por grandes corporaciones” que comezou o 28 de novembro de 2016  cunha campaña de accionariado popular baseado nunha “comunidade de subscritores e subscritoras que poidan garantir a independencia económica e remunerar o traballo de xeito digno” desde  o momento que  se “rexeita a publicidade masiva, que fuxe da dependencia de partidos políticos ou outras afiliacións, en favor dunha total autonomía informativa”. Portanto, insírese no momento de eclosión dos movementos de contestación da hexemonía nas súas diferentes frontes e xeografías, nomeadamente no estado español tendo como plano de fondo a Europa fortaleza, na súa tentativa de munirse de medios de comunicación pròprios que non acubillen ou vexeten no balor do sistema.

Sen obviar a dificultade e risco de producir contido pròprio desde un país tan falto de soberanías, cómpre salientar que a própria condición de “nodo” encerra o límite  e paradoxo dun medio que malia inserir contido en galego, a edición para Galiza  do primeiro número mostraba  que de 72 páxinas só 14 estaban en galego (O salto cara a irrelevancia da lingua, Xosé Antón Laxe Martiñán. Prolingua). Porque nas retículas acotadas non todos os nodos estan conectados polas mesmas ligazóns, nen a rede é homoxénea nen os nodos teñen o mesmo grao e robustez. Neste sentido, a localización  polo idioma  debería permitir safarse de certas estratexias demonizadoras próprias dos monopolios da prensa local. Certo é que nun contexto de visibel integración sistémica a través de medios apañatodo que deturpan e abafan o ecosistema comunicativo hai que celebrar o abrollar de espazos comúns de información  cooperativa non competitiva, alicerzados nas achegas das personas suscritas que ven a ser parceiras dunha “cooperativa de propiedade colectiva” e configuración de medio de comunicación xenuinamente democrático, o que non é pouco.

Un ben interesante cometimento de “construír información desde onde nos situamos, en Galiza e coas maiorías sociais agredidas, dándolles voz nos conflitos abertos: laborais, migrantes, represión aos movementos sociais…” (en declaracións a Marcos P.Pena para o Praza Pública, un proxecto aberto  que aposta pola cooperación e coa ambiciosa arela de aliderzar algo que mude o panorama mediático polarizado entre entre os grandes medios privados subvencionados con cartos públicos e claramente marcados pola pegada neoliberal e grandes doses de prepotencia como La VozFaro ( e os mais pequerrechos El Progreso, La Región ou El Correo Gallego), fomentadores todos eles dun españolismo e localismo desleixado sen presenza da lingua galega e  cunha televisión pública CRTVG ao servizo do goberno de Núñez Feijoó en componenda directa cos do Estado,  Prisa, Mediaset, Atresmedia, que conforman e modularan a percepción da realidade. Porén, malia o “localismo” dos grandes medios galegos, O Salto aspira a colocar  “o que está próximo no centro”[…]”e virar a forma de funcionar dos media tradicionais” que replican acríticamente  a ditado dos gabinetes de prensa das institucións.

Do dado cómpre  tirar unha lección que non é trivial: é literalmente incomprensibel formular proxectos de produción de contido alternativo alicerzado en Galiza se a lingua galega acaba por ser relegada a menos do 15%. O uso integral do galego nos medios é en si mesmo alternativo malia a entente cordiale de “medio confederado”. Porque se a diagnose de partida é  que “ a presenza do galego nos grandes medios e practicamente nula”, é forzoso agregar unha observación máis: é sintomático que só Galiza e Valencia teñan “nodos locais”  de El Salto e non así Cataluña e Euskadi, ambas e duas con idiomas de seu. O anterior non quere dicir que o proxecto careza por completo de atractivo e de efectos palpabeis, mas a radicalidade formal e organizativa, que precisa de marcas de diferenza con respecto a outros proxectos informativos en curso, ficará baixo mínimos -curioso signo dos tempos- se “O Salto Galiza”  acaba por ser tan leviá na contestación se pasa por prescindir, sen máis, do 85% de contido restante, que leva a reproducir a situacion de “anormalidade” do idioma galego.  Ten o seu sentido preguntarse polo cariz que esta rede de resistencia informativa procura achegar á contestacion dos medios hexemónicos de información que son tamén os de expresión castellana.

Porque  aos inxénuos e inxénuas segue a sorprendernos, con todo, que  en Galiza e no local -o centro non existe porque está en todas partes- , a leviá presenza do idioma galego continue sendo pegada dunha servidume voluntaria de fonda raizame. Malia o desacougo prematuro que nos asulaga a moitos, cómpre impregnarse de moderado optimismo e que esta aposta “nodal” acabe por converter o paradoxo – cada vez hai máis explotados e menos loita, cada vez máis  liturxia en galego e menos falantes- nunha contradición  político- socio-lingüística que para alén dos grandes vicios da esquerda institucional que tamén reproducen a esquerda social, mediática e voluntarista, permita ir recoñecendo as contradicións e talvez albiscar que o illacionismo debruza na con-centración de poder. Por iso, ainda que esta reseña non se deixe levar de impartir consellos a ninguén, malia a mellora da porcentaxe do galego no número 5 para información galega, que podería mudar segundo recursos dispoñibles en cada número, a aposta non deixa de ter mérito e invita ao optimismo se a rede permite ir mudando a textura inicial cara un perfil máis próximo con inequívoca vocación crítica, quer dicir desde a condición singular de Galiza.

 

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: