off

Foro Civíco Galego de Barcelona pide apoiar o referendo

por Redacción

O foro reclama  o “ dereito a obxección de conciencia” fronte a resposta do Estado e para o 1 de outubro anima a “a apoiarmos ben co voto, ben coa adhesión democrática”


A “nación Española” recollida na Constitución é “abstracta” e degrada a Galiza, Euskadi e Catalunya a “nacións históricas” que teñen dereito a decidir democráticamente o seu futuro. Este é un dos eixos de “Adéu, Amics per Sempre, España”, un manifesto promovido polo Foro Cívico Galego que  ao fío da polémica sobre a resposta xudicial e policial do Estado dirixe “este rechamo a todos os nosos concidadáns de Catalunya a faceren uso do dereito a obxeción de conciencia a esas prohibicións antidemocráticas e participaren no referendo”

 

MANIFESTO A PROL DO REFERENDO DE AUTODETERMINACIÓN DE CATALUNYA:

“ADÉU, AMICS PER SEMPRE, ESPAÑA”

 

Neste Once de Setembro de 2017, co gallo da celebración da “Diada Nacional de Catalunya”, os/as abaixo asinantes, membros/as, simpatizantes e amigos/as do Foro Cívico Galego de Barcelona (FCGB) determinamos unir a nosa voz á de todos os cidadáns e cidadás de Catalunya, de Galiza, de España e da Unión Europea, comprometidos coa causa da defensa da liberdade de conciencia, da liberdade de expresión, do libre exercicio dos Dereitos Humanos e dos Dereitos Civís das minorías e das nacións sen Estado e da Democracia, adherindo  ás leis recén aprobadas pola maioría soberanista do Parlament de Catalunya e do Govern da Generalitat de Catalunya a prol de realizar o Referèndum de Autodeterminació de Catalunya o vindeiro 1 de outubro de 2017. 

Se, como cremos, a xustiza é a primeira virtude das institucións sociais e a verdade o brasón dos sistemas xurídicos e de pensamento, ambos constitúen bens supremos que ningunha Constitución nin Estado de Dereito poden negar nin perverter. Mais este non é o caso da Constitución Española de 1978 agora vixente ao entronizar  unha abstracta “Nación Española” como único suxeito de soberanía, rebaixando á condición de meras comunidades autónomas -co eufemismo de “nacionalidades”- a Galiza, Euskadi e Catalunya e privándoas doutro dereito que non sexa o de administrar as competencias dimanadas do Estado central polo xogo electoral das Cortes Españolas.

A este respecto, como cidadáns do Estado hespañol antepoñemos a nosa convicción de que, conforme coas ciencias humanas e sociais, Galiza, Catalunya e Esukadi son, de seu, vellas nacións históricas peninsulares que o Reino de Hespaña anexionou e desartellou no seu seo en distintas épocas. En concreto, Catalunya é unha nación milenaria con demostrada vontade de afirmación política, sobre todo dende  a súa conquista e anexión borbónica en  1714, polo que a súa sociedade nunca deixou de ser un suxeito político  con pleno dereito a  rexer o seu destino, do xeito como a maioría dos seus connacionais libre e democraticamente decidan.

Xa que logo, nestora fronte á normativa autoritaria e antidemocrática do aparello de Estado do Reino de España (Tribunal Constitucional, Goberno e Fiscalía) encastelado cos partidos unionistas (PP, PSOE e C’s) en defensa da inviolabilidade dunha Carta Magna de inspiración neofranquista que vulnera os nosos dereitos civís e nacionais, en virtude dos devanditos principios (de conciencia e de expresión, humanos, civís e históricos) diriximos este rechamo a todos os nosos concidadáns de Catalunya a faceren uso do dereito a obxeción de conciencia a esas prohibicións antidemocráticas e participaren no referendo. Por entendermos a maiores  que dita escalada represora, xurídica e policial, desencadeada arestora contra as leis aprobadas e promulgadas polo Parlament de Catalunya e o seu Govern democraticamente electo, non nos representa nin como hespañois de iure nin como demócratas de facto.

Así mesmo, dende a capital do Principado onde residimos como cidadáns galego-cataláns, conscientes de sermos fillos de Galiza, nación que, dende hai 5 séculos, vén sendo negada, subalternizada e espoliada polo estado do Reino de España, instamos tamén cun convite cordial aos nosos compatriotas galegos, quer en Catalunya, quer na Terra, quer na Diáspora, a apoiarmos ben co voto, ben coa adhesión democrática, o Referendo de Autodeterminación de Catalunya do 1 de outubro de 2017. 

Na esperanza de que a formidábel alancada que a convocatoria de dita conquista política, acadada de forma pacífica e democrática, representa para Catalunya (e en xeral para a liberación das Nacións oprimidas da UE), se coroe con éxito e sirva de estímulo e respaldo para as demais nacións sen estado propio do Reino de Hespaña e da Unión Europea avantaren, en paz, polo seu propio camiño de xustiza, de liberdade, de ilustración e de progreso. 

Nota: Si estades de acordo e vos interesa asinar este manifesto enviádenos por favor resposta ao correo electrónico susomon66@gmail.com  indicando o voso nome e DNI. Grazas.   

Barcelona, 11 de setembro de 2017.

Foro Cívico Galego de Barcelona

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: