off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 13 Setembro, 2017 at 10:41

Apoloxía do ridículo

por Gabriel Beceiro

"O que se deixa expresar debe ser dito de maneira clara"
 Ludwig Wittgenstein.

Factoría Cultural Matadero, Madrid (España)

Entre a alarma antiterrorista e o Banco de España anunciando que non recuperará a maior parte dos cartos que o PP e o PSOE engrazadamente entregaron á banca, entre a orde de requisar urnas e impresos eleitorais ou intervir prelos, entre a falta de división de poderes e un executivo safandose das súas responsabilidades, un xuiz de Madrid vén de suspender un acto de “Madrileños polo Dereito a Decidir” nun espazo cedido polo concello madrileño na Factoría Cultural Matadero. O PP denunciouno e un xuiz o impediu. A falta de maior climax catártico o PP, que vén debuxando un inexistente cenario de violencia a través da súa contorna mediática e engraxado “arsenal xurídico”, afirma agora que ceder un espazo do concello madrileño é facer “apoloxía dun referendo”. A apoloxética democrática é pecado, non así a apoloxía política do franquismo. Non vaia ser que a habelencia oratoria de “Madrileños polo Dereito a Decidir” corrompa á cidadanía madrileña e acaben os cidadáns por non acreditaren nos deuses da polis.

O xuiz José Yusty Bastarreche é hoxe o mellor representante entre os especialistas eficientes da falta de división de poderes. Alén diso, debulla algunha das cuestións fulcrais destes dias: até onde está disposto a chegar o goberno español cando nega o proxecto político que máis apoio ten arestora en Cataluña ? O que temos aquí, na resolución de Yusty, é violencia sistémica fundamental do estatalismo centralista, máis propria das formas de gobernar na España do antigo réxime. Entanto unha maioría social en Cataluña revitaliza o sistema democrático representativo, interlocutorias e resolucións xudiciais coma estas afirman que é ilegal “a pretensión de realizar actos públicos en favor dun referendo ilegal suspendido polo TC e que atenta directamente e gravemente contra a unidade de España”, unha descripción involuntària mas exacta do ambiente no que forxou o seu espírito este xuiz.

O fascínio da resolución do xuiz Yusty Bastarreche debruza na combinación imposíbel de dous papeis distintos nun mesmo actor, como se o funcionario na sua función diexética poidera deitar a toga e facer comentarios políticos “obxectivos”, quer dicer, unha encenación de ventricoloxía no uso político da xustiza contra o independentismo que non se limita apenas á dura realidade, mas apresenta sen rubor o soño de grandeza unionista como parte da tesitura da realidade. Mais unha vez o legalismo ideolóxico como coartada ou lóxica espectral do estado que determina o que acontece na realidade social. Porque esta non importa, o que importa é a situación das forzas inmortais do Estado que brincan cos mortais mesmo sendo impracticabel e improbábel no sentido estereotípico de “unidade”- a historia nunca se movimenta para trás desa maneira- e, con certeza, acabará por o disolver.

Estorcegar a xustiza a favor dun único relato é renunciar a facer política acubillando no poder xudicial para que faga as voltas. O que fica é a primeira resolución de prohibición do xulgado do contencioso administrativo número 3 de Madrid como expresión ideolóxica en estado puro: reduce un proxecto político abrollado democráticamente a simples tipificación penal de conducta ( ou reduccionismo fáctico no plano dos dereitos fundamentais, entre o pode ou non de pode ser dito e defendido en espazo público). Nesa xeira hai que inscrever a focalización realizada por case todas as famílias mediáticas a respeito da posesión infernal do Procés de brazo dado dos “radicais” da CUP, nun intento de enxotar do independentismo os sectores máis conservadores. Esa tentativa procura deslocar o foco na tipificación de conducta permitindo ignorar asín o plano ético político (a realidade) do acontecido na Cataluña. Esta “xudicialización” en nome da democracia e da Constitución serve para encobrir a cuestión principal: a necesidade dunha análise política acaída dos intereses envolvidos na actividade politica dos axentes implicados (que tamén envolve o reparto duopólico do poder e a corrupción sistémica do rexime emanado no 78). Alégase un argumentario a favor da interlocutoria do TC que anula o referendo axindo contra Forcadell e a Mesa do Parlament e os consellers, tutti quanti, mas o patético é que esa medida vai dirixida aos españois e non só ou principalmente aos cataláns, porque a cisión xa é un feito. O triste cadro xeral fornece o pano de fundo dun relato único para a opinión pública española que a falta de disputa no relato, estase a fanatizar verbo da cuestión catalana. Porén, a sociedade catalana movimentase xa perante outro escenario, o internacional.

O xogo de lexitimidades está a producir ataques á liberdade de imprensa e de expresión. Non ten outro significado do que amedoñar a quen informa e comunica outro relato ou quen defende a resolución do conflicto de maneira democrática abaixo-acima, que non ao revés (ese procedimento de repetición mecánica ritualizado). Quen así o fai está a ser alvo da maquinaria xudicial, política e policial do estado español. Aquí, é claro, a representación deformada do independentismo – apresentado como algo antidemocrático- acaba por retratar o ridículo de quen pretende defender a democracia (de maneira abstracta) tipificando a figura da “apoloxía do referendo” e punindo a “pretensión de realizar actos públicos” a favor do dereito de autodeterminación. Alégase unha defensa da legalidade democrática, mas na verdade estamos simplesmente a brutalizar unha cidadanía da que amiúdo executivo non ten necesidade como fonte de lexitimidade agás como vicaria depositaria de voto cada catro anos.

Da maneira abstracta que enxerga o PP o legalismo ideolóxico todo iso é consistente, mas tamén é extravagante e grotesco por mostrar incapacidade para recoñecer a realidade ainda que esta se apresente como acontecimento. Pura piada que na súa desmesura usa e reproduce a palabra prohibida nos canais de comunicación aberta, mas prohibe o seu uso no espazo público. O filósofo Giorgio Agamben afirma que o estado de excepción é a regra do estado, quer dicer, o estado de excepción non é unha excepción do estado de dereito mas o real do Estado. O estado español non decretou estado de excepción mas axe perseguindo adversarios políticos e representantes eleitos, mesmo ameazando a medios de comunicación, suspendendo na práctica dereitos fundamentais como o de reunión, expresión e información. Reaxindo aos impases da representación ideolóxico-política, Slavoj Žižek afirma: “como a orden legal existente é a orden da liberdade, quen se rebela contra ela está escravizado, é incapaz de aceitar a sua liberdade”. Mais unha vez, con que xustiza estamos aqui a lidar? Cal é a forma concreta deste límite? Na resolución hais dúas facetas separadas de modo bastante básico de se referir: unha é prohibir falar en espazos públicos do que non é legal, encanto na outra a realidade é encoberta coa desmesura da resposta do poder xudicial. Xa non se trata apenas de que o público en xeral sexa informado de maneira adecuada da dimensión do problema (liberdade de expresión, reunión e información), mas o uso retorto e abusivo do dereito, que na espúria paisaxe mesetaria serve para protexer as prebendas e dereitos dalgúns, encanto o mesmo dereito é usado políticamente contra os máis, entre outros, os soberanistas e os defensores do dereito a autodeterminación. Porque todo isto ten máis alcance do que a configuración dun novo corpo político, atinxe de cheo o campo da ideoloxía hexemónica, da democracia e dos dereitos fundamentais. De aí a necesidade de preencher ese vacio experimentando formas alternativas de organización fronte o legalismo ideolóxico que non lle importa os bens comúns: de reunión, de expresión, de coñecimento… Quizais alguns españois esten a descobrir que o problema español non é o soberanismo periférico mas o autoritarismo pós-democrático. Foran prohibidos de se encontraren nun lugar público para discutir un problema porque o problema é ilegal. Eís o truque de apresentar a forma deste límite como a forma da própria liberdade. Xa dícía G.K. Chesterton que a lei é ” a maior e mais ousada de todas as conspiracións”.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: