off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 11 Setembro, 2017 at 5:05 p.m.

CatEXIT

by

Cataluña como Crimea
Xavier Vidal-Folch, EL País

Sacralizar a lei até o extremo de supola por encima da democracia adoita ser a escusa dos autócratas que non acreditan preciso xustificaren os seus actos. Esa é a postura de Madrid fronte ao “desafío catalanista”. Afirmouno Mariano Rajoy durante a súa comparecencia do pasado xoves para anunciar os recursos ante o Tribunal Constitucional para frear a “lei do referendo” e a “lei de transitoriedade”. “Sen legalidade non hai democracia”, sentenciou. Foi unha utilización pervertida do siloxismo. Porque é exactamente ao revés, de abaixo-arriba e non de arriba-abaixo Sen democracia non hai legalidade. E iso é precisamente o que aquí está en cuestión. Se a lei do Estado, encarnada na vixente Constitución, pode imporse ao principio do dereito a decidir. O franquismo tamén era un Estado de leis, mas non era democrático, porque non contaba co consentimento dos gobernados. Un auténtico Estado de Dereito aséntase sempre en valores democráticos ou non hai dereito.

O goberno español e todas as forzas que se opoñen ao procés esgrimen como razón de Estado o principio de legalidade, vulnerado en fondo e forma, stricto sensu, nos acordos adoptados pola maioría parlamentaria catalá. Desde esa perspectiva de exaltación da lei positiva como norma suprema dimanante, o argumento parece inapelabel. Quen aprobaron as leis de desconexión vulneraron a legalidade. O que acontece é que esa legalidade á que se aferran os fundamentalistas contén altas doses de ilexitimidade de orixe e de exercizo. Con semellante legalidade aprobáronse axustes e recortes que institucionalizaron un sistema de brutal desigualdade onde antes existía un modesto Estado de Benestar. Eís o estan os máis de 40.000 millóns euros do rescate público á banca. Socializando irresponsabelmente perdas e privatizando ganancias, como demostra o feito de que o número de multimillonarios crecese un 24% desde 2012. Por non falar do rescate das autoestradas crebadas á conta do contribuínte (máis de 2.500 millóns) ou da fervenza de anulacións de multas da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) ás grandes corporacións (a Telefónica 26 millóns e de 22 millóns a Repsol). Ou a indemnización polo Estado de 1.700 millóns a ACS pola paralización do proxecto Castor a causa do risco sísmico que levaba.

Velaí están tamén os milleiros de desafiuzamentos e lanzamentos xudiciais de familias sen recursos ou a reforma exprés do artigo 135 da Constitución, a pachas entre PSOE e PP, para privilexiar o pago social da débeda xerada pola crise que provocou o sistema financeiro. Todo iso perfectamente legal, coa Constitución na man, mas cun moi discutibel ponto de apoio democrático (o consentimento dos gobernados), e sendo enormemente daniño para a comunidade. Nese contexto, a Constitución ten outras lecturas. Primeiro, a cuestionable lexitimidade de orixe, porque a gran maioría dos españois (cataláns incluídos) non votaron a Constitución do 78 por pura bioloxía: eran menores de idade cando se someteu a referendo. E segundo porque a utilización patrimonial do Tribunal Constitucional (o intérprete da “lei de leis”) polo duopolio dinástico hexemónico restoulle o humus democrático que se lle supón desde que Hans Kelsen o formulase como lexislador negativo. Máis parece que estamos ante o que o politólogo Jon Elster cualificou de mecanismo para lexitimar a dominación: “Amiúdo as constitucións imponse ás minorías e ás xeracións futuras en interese da xeración fundacional” (Ulises desatado, páx. 187). O atado e ben atado.

Ese semella ser o noso caso: privación de dereitos civís a unha minoría e exclusión do dereito a decidir ás novas xeracións. Porque o bucle da teoría oficial é enganoso. Fálase de que un hipotético referendo é privativo de “todos os españois” (e non só dos cataláns, soberanistas ou non soberanistas) e, ao mesmo tempo, enxérgase que se tenta excluír aos non soberanistas. O todo e a parte segundo e como, xa que examinado o problema dentro do conxunto disxunto que supón a realidade de España, eses cataláns son a minoría vulnerabel e, moito máis, se o seu principal continxente intégrano as novas xeracións que soportan unha Constitución legada. Fenómeno que contrasta co feito de que esa mesma Constitución estea coroada polo titular dunha dinastía que se abroga por dereito divino a potestade de ser o seu máximo representante, con carácter vitalicio e en réxime hereditario, alén de ostentar o mando supremo do poder militar. Lexitimidade, legalidade, maiorías e minorías, xuntas e revoltas, que cada bando administra ao seu capricho. Asín, o que na teoría oficial é válido para o goberno central (que nun réxime representativo os escanos priman sobre os votos), no caso catalán reivindícase ao revés, pretendendo que a maioría pro-referendo do Parlament discrimina á cota superior en contía que integran os eleitores das formacións da oposición. Sobre o dereito á autodeterminación pódese opinar nas enquisas, mas non urnas. Demoscopia versus democracia.

Un niño de vespas que tivo a súa xusta resolución nos casos dos referendos de Escocia, Quebec e Gran Bretaña (Brexit) permitindo que o pobo decidise democraticamente. Unha brecha que separa o que é unha reforma política que termina afortalando a democracia como efectivo goberno do pobo, e unha represión que a degrada incubando saídas de urxencia de carácter traumático. Tanto é asín que podería ser afirmado que o que está a acontecer na Catalunya, desde o punto de vista formal, é unha reacción en cadea que se inspira a longo prazo distancia nas primaveras “antiautoritarias” que abrollaran a partir de 2011. Unha mudanza de paradigma que instaurará un antes e un despois na historia daquela comunidade e no resto de España. De seu, a transversalidade do Procés trastornou a todas as forzas políticas en presenza. Rompeu Convergència e Unió (CiU), obrigando á súa refundación como PDeCAT sen Unió. Crebou a ficticia unidade de Catalunya Si Que É Pot, como se puido ver no antagonismo exhibido tras o monopolio posicional do seu portavoz Joan Coscubiela (profesor da elitista ESADE) no debate do Parlament. Abriu unha fenda entre o líder de Podemos no principat, Albano Dante Fachin, e o secretario xeral do partido, Pablo Iglesias. Ten en albas o PSC, ao non lograr evitar que moitos dos seus alcaldes se adiran á loxística das urnas. E pode pasar factura á propia Ada Colau e ao seu grupo Catalunya en Comú se bloquea a dispoñibilidade dos locais municipais para o referendo. As súas bases non entenderían que quen chegou á política institucional dende a desobediencia civil militase precisamente agora na obediencia debida. Ao que hai que engadir outro dano colateral no feito de que a fronte nacional creada por Pedro Sánchez e Mariano Rajoy (“un indecente”, segundo o seu agora compañeiro de viaxe) desactivase a tese da “plurinacional” que esgrimía o dirixente do PSOE como bandeirola de enganche para o seu prometido sorpasso.

Con ese cenario maniqueo a miraxe está servida. O clímax de polarización desatado non é o terreo máis propicio para a análise equilibrada, o criterio fundado ou a reflexión dos mellores. Ao contrario, a río revolto gaño de demagogos e linchadores. Sobre todo se saben estar apoiados por púlpitos mediáticos que engaden altofalante ás súas invectivas. E asín vemos en liza a opinadores do mogollón capaces de afirmaren sen ruborizo que aos independentistas “tampouco lles importaría que houbese algún morto ou mortos” (Vitoria Prego) ou mesmo comparar o debate político, exquisitamente pacífico, de Catalunya coa invasión militar rusa de Crimea para apoiar aos separatistas ucraínos (Xavier Vidal-Folch). Pésimo exemplo, por certo. O columnista de El País descoñece, ou esquece, que algúns dos que partillan afinidade contra o dereito a decidir integraron o grupo de “observadores internacionais” que achegou Moscova para lexitimar esa anexión pola forza das armas. Aínda que imaxino que desde o outro bando os máis motivados tamén protagonizarían momentos de gloria, como parece indicar o puntapé dado por La Vanguardia a Gregorio Morán, un dos xornalistas máis agudos, cultos e talentosos da galaxia informativa. Para alén do ruxe-ruxe, o que subxace e preocupa do conflito catalá na Marca España é que se está fraguando unha alianza de clases que lembra á que trouxo a Segunda República, con novos actores políticos e outra vez co seu punto de ignición no municipalismo insurxente. A humanidade, dicía o mozo Marx, apenas expón problemas que pode resolver. Hase ver.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off