off
Cedeira, Política local — 9 Setembro, 2017 at 5:53 p.m.

A verdade só a verdade

by

Comunicado de resposta pública do BNG  ao PP de Cedeira sobre as prácticas populistas de alugar espazos privados a costa do finanzamento de espazos e servizos públicos xa dispoñíbles

Dende o BNG de Cedeira asistimos abraiados ao “espectáculo” de demagoxia interesada que está a amosar o PP cedeirés cos seus últimos comunicados nas redes sociais. É certo que teñen a obriga de facer oposición ao goberno municipal e non só nas redes sociais senón nos plenos municipais que é onde realmente deberían criticar todo o que consideren e fomentar o debate.

Dito isto, e tendo en conta que toda a veciñanza deste pobo algo de memoria temos, vémonos na obriga de lembrarlle ao PP que os causantes da polémica que agora queren axitar son eles mesmos. O goberno municipal do PP no 2013, decidiu cunha forte oposición xa non só política senón tamén veciñal, primeiro alugar un local privado para duplicar o uso dun público e a continuación, coa irreal desculpa de que ían montar un centro de día, intentar botar do local social público, a cafetería do auditorio, ás persoas maiores usuarias do mesmo.

Todo isto sen explicacións de ningún tipo e sen que en ningún momento se aprobara por parte da Xunta de Galicia o uso da cafetería do auditorio para centro de día. Crearon naquel momento os populares cedeireses coa súa grande xestión municipal non só malestar entre a poboación, senón incluso enfrontamentos innecesarios entre as persoas maiores.

Nós, o BNG, que nunca fomos capaces de entender aquela decisión que ademais supoñía un auténtico despilfarro do erario municipal, posicionámonos sempre en contra e están aí as actas dos plenos municipais para quen queira ver o que preguntábamos constantemente ao respecto así como a falta de respostas claras do PP dende o goberno.

Si lembramos que o daquela alcalde chegou a manifestar que si soubera que se ía montar semellante lío non tería tomado tal decisión. Pero insistimos, nunca chegamos a entender o porqué de semellante despropósito nin o Partido Popular de Cedeira se molestou nunca en explicar as auténticas razóns que os levaron a tomar tal decisión.

Agora, catro anos despois, unha vez rematado o contrato de aluguer asinado polo goberno do PP no 2013, nós seguimos pensando o mesmo, seguimos vendo innecesario pagar un aluguer para ofrecer un servizo co que xa contamos, nun local municipal. E o PP intenta de novo, disfrazándoo de crítica política, crear polémica e malestar entre un sector da veciñanza como fixo sempre, tanto dende o goberno como dende a oposición.

En canto ao tema das subvencións imos remitilos ao seu compañeiro de partido Montoro e ao seu Ministerio, falen con el e pregúntenlle por que duplicou o traballo nas facendas e intervencións locais sin poñer os medios necesarios para comunicacións claras e fluídas. O que nos tememos é que a resposta pode non gustarlles en absoluto.

Que falen vostedes, PP de Cedeira de despilfarro da actual xestión do goberno municipal, por favor, que temos a do seu anterior mandato moi recente, e o pouco traballo que realizaron ben caro que nos saiu.

Bloque Nacionalista Galego de Cedeira


Este texto é un comunicado de quen o asina.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


 

One Comment

  1. Ben falado.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off