off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 7 Setembro, 2017 at 23:30

Quen ten dereito a decidir o porvir de Cataluña?

por Gabriel Beceiro

O TC vén de suspender a lei do referendo catalá. A lei de transitoriedade avanza cos votos a favor de JxSí e a CUP, a oposición de Catalunya sí que es Pot e o abandono dos seus escanos á hora de votar de PP, PSC e Cs, após superar outro pleno agónico e as ameazas de Rajoy a un milleiro de cargos

O Tribunal Constitucional admiteu a trámite os catro recursos apresentados polo goberno de Rajoy. O presidente español asulaga de recursos o Tribunal Constitucional que suspendeu en tempo record as leis do referendo entanto a fiscalía afirma que denunciará o Govern  en pleno e pide actuar tamén contra os preparativos do 1-O. Maza di que a policia tén instrucións para pescudar calquer actuación destinada ao referendo.

Con estes medidas fica evidente como o PP e os seus acólitos se foran apropiando progresivamente do Estado. Rajoy foi facendo o que se prevía, moi pouco, malia a solemnidade das súas comparecenzas e o silenzo do PNV, que parece non querer falar sobre este tema. Mas para chegaren a este ponto algúen se ten trabucado. Alternativas, u-las? Cando Pedro Sánchez afirma que hai tres nacións, mas talvez máis, como se substancia tanta indefinición nunha plausibel  alternativa federalista?  Tramitar un proxecto é un delito? O único que está a demostrar Rajoy é ser un obstrucionista con nula capacidade política para dar unha resposta pactada ao 20% da poboación e o 18% do PIB do estado español. O obstrucionismo como política é un erro de perspectiva ( enxergar inconcebibel a independencia) e non soluciona nada xa que o seu único alimento fornécello o legalismo ideolóxico. E menos asimilando o referendo ao 23-F ( por certo, ao Tejero non lle  interviron o seu património) mas tén consecuencias no Procés que o soberanismo non debería obviar.

Para alén da hipérbole e da retórica apocalíptica de determinados diarios españois, estanse a prefigurar escenarios dramáticos. Certo é que onte a  imprensa e televisións de todo o estado só pasaran as imaxes do Parlament cenificando a división, mas non pasaran as imaxes da Guardia Civil intervindo a imprenta de Constantí (Tarragona) “sospeitosa” de colaborar no referendo. O independentismo terá de ser conscente que a “resposta proporcionada” de Rajoy ( o TC limitouse a advertir aos Mossos e os medios públicos que non poden tirar adiante o referendo) ten a ver con non aquecer a Diada do dia 11 de setembro.

Neste contexto, prohibir non é suficiente. A baixa calidade democrática española substánciase agora, nesta circunstancia, na xudicialización da política.  Malia todo, Cataluña ten provado variadas formas por mudar España  e o único vieiro que lle ofereceu o Estado foi esperar pola pancada (lémbrese o Estatut de 2006, enviado a Madrid por 120 deputados de 135). O que desde Madrid se tenta amosar como un problema de división en Cataluña- onde o PP é moi minoritario- obvia que o goberno español con quen tén un problema é co resto do Estado. Porque desde onte a miraxe da España unida ficou ao descuberto xa que é ao prezo de perseguir xudicialmente a políticos e funcionarios e meter medo á xente. A este ritmo acabarán por ilegalizarnos a todos. Un Estado con pés de barro.

Porén, a lei de transitoriedade avanza após superar outro pleno agónico e as ameazas de Rajoy a un milleiro de cargos. A listaxe de máis de 1.000 notificados inclue aos responsábeis do Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya e da Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals, entre outros. Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, afirma que facilitará a participación mas non arriscará nen institución nen funcionarios. Malia intuirse que todo isto podía acontecer,  o duplo marco xurídico pón de relevo que as relacións políticas en Cataluña mudaran para sempre. Era inevitábel. Estase nunha outra fase. As institucións cataláns están a empregar as prerrogativas que lle outorga a súa lexitimidade. Sob a lembranza do 9 de novembro de 2014, ainda que perdura a incógnita nas condicións de votación do dia 1 de outubro, o problema será xestionar o dia 2. Está por ver como se desencadean os feitos mas o soberanismo cenificou onte a queda da España do 78 (algo que non acadou, por certo, o Podemos de Pablo Iglesias)

O pobo catalá procura a súa soberania. Alén dos resultados do refendo, a maioría social catalana ten escollido autodeterminarse, gobernándose. Cando un país quer votar, como é que se para esa vontade colectiva reafirmada a eito na rúa e no parlamento? Quen ten dereito a decidir o porvir de Cataluña? Arestora xa aderiran  450 alcaldes e alcaldadesas  a dar apoio ao referendo.

España descubriu de súpeto que o Procés ia a serio,  ese concerto colorido que vai do liberalismo até a esquerda anticapitalista co alvo de convocar un referendo tendo enfrente a maquinaria do Estado. E todo, após varios anos de reviravoltas  e tirapuxas. Pode fracasar ou nonOu fracasar mellor, como dicía Becket. E brincadeira… que non falte.

1 Comentario

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: