off
Editorial, Estado, Política — 5 Setembro, 2017 at 10:32

A feble democracia española e as lexitimidades

por

Con certeza, para o soberanismo catalá o punto acadado non era o escenario arelado. Un lene repaso polas políticas do Estado e os seus aparatos ideolóxicos deita un panorama desolador porque non hai neles pegada ningunha por enxergar a raiz do espertar soberanista dos cataláns que propiciara un referendo pactado (como as prácticas pactadas e vinculantes do dereito á autodeterminación no Quebec, na Escocia ou nas Illas Feroe)   tal como prevén os artigos 10.2 e 96 da actual Constitución española e o estado español non enxerga ignorando a carta das Nacions Unidas). A queda en desgraza de Pujol,  Mas, Trias e das conselleiras Ortega e Rigau (todos membros de CiU, socio fundador do rexime do 78) ten amosado que as raiceiras son fondas e non apenas tributarias dos fracasos (Estatut, crise, corrupción, incapacidade negociadora, etc) mas da feble e insuficiente democracia española. Porque todo isto vai de superación desa insuficiencia. Febleza e insuficiencia porque aquel rexime do 78 desmanchou pola perda de credibilidade das institucións públicas.

O estado español teima en amosarlle ao mundo que deitar a cédula eleitoral en urna seica representa a negación da democracia. E non será que votar só pode ser crime nos lugares onde a democracia é crime? Como é que devén delito que unha maioría social queira deixar de facer parte dunha “unidad de destino en lo universal”?. Quizais, o que pode ser punibel é perseguir a alguén por un feito que non é delito.  Porque converter un referendo nun delito é traballo para inquisidores, é  profanar a liberdade de expresión. Punirán tamén aqueles medios que apoien o referendo ou pidan o voto?

Non é doado explicarlle ás democracias emprazadas, quer dicer, ás democracias liberais representativas que a vontade das persoas en 2017 está ao servizo da lei porque esta recoñece unha única soberanía desde 1978. É curioso que non se teña en conta que o roteiro sobiranista desenvolvido até agora é chegar á aprobación da lei do referendo sen ter desobedecido sentenza o interlocutoria xudicial ningunha. Quer dicer,  levar a cabo todo o percurso polos vieiros legais até a entrada en vigor do artigo terceiro  da lei que anuncia que esta norma prevalece hierárquicamente sobre aquelas outras que podan entrar en conflito “entanto  regula o exercizo dun dereito fundamental e inalienabel do pobo de Cataluña”.

A tentativa amosa, porén, a deriva endogámica da democracia española. Porque esta caste de campañas do medo alicerzan en correlacionar como algo perturbador e disxuntivo o que adoita ir de brazo dado. Como se o votante estiver a roubar ou a violentar alguén. Eís como exemplo o  voto do 1 de outubro en Cataluña co crime ou como convertir a vítima en agresor. Ainda que as mobilizacións na rúa do soberanismo fosen, quer multitudinarias, quer transvesais, quer en fin, pacíficas, as capas de xornais como El País, El Mundo o El Periódico deitan conceitos que van conformando a percepción do que está por vir o 11 de setembro e o 1 de outubro, deturpando de ser preciso a própria linguaxe: “radicais”, “ilegais”, “separatistas”, “manipuladores”, “axitadores”, “ataque á democracia”…Deitando  titulares coma este “As mezquitas plántanse contra a presión do procés e non porán urnas”, onde se correlacionan dous ámbitos que non teñen relación ningunha.

A febleza constitutiva da democracia española  (“o imperio da lei” que en nome da sacrosanta unidade permite non investigar os sumidoiros do Estado) vén informando  desde as orixes do seu devalo. A Moncloa ameaza agora con  “retirar urnas” e  fala de inhabilitacións (xa veremos até onde é quen de chegar coa posibel suspensión de Carles Puigdemont). Rajoy, en progresiva moenda, compara a aprobación da lei do referendo co franquismo. Ele, que nunca tivo como prioridade os represaliados, que mesmo se gabou de ter retirado a dotación orzamentaria adicada a desenvoler a Lei da Memoria Histórica ou calquera outra iniciativa de reparación, navega agora entre a exixencia de contundencia de sectores do seu partido e da imprensa española e a vontade de non dar pistas aos soberanistas na sua teima por evitar que haxa urnas nos colexios eleitorais.  Para Rajoy, o procedimento de urxencia – seica asumiu Rajoy que a oposición non terá posibilidade de apresentar emendas malia a intención dos soberanistas é que se poida facer- que se utilizará na aprobación da lei do referendo non ten precedente en España “desde que en 1977  se recuperaran as liberdades democráticas”. Para evitalo, Saez de Santamaria  vén de afirmar na SER que o goberno español “acudirá á forza que lle dá o estado de dereito”. Unha “forza” que no caso de que os políticos soberanistas cumpran o prometido nos programas eleitorais de celebrar referendo a calquera custo, pasaría necesariamente pola presenza de policias na rúa, que cumpran a orde administrativa de requisar as urnas. De feito, é unha incógnita cales serán estas medidas sancionadoras que só poden resolver os maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, xa que o Tribunal Constitucional non pode  inhabilitar directamente. Comeza a batalla decisiva polo referendo e o choque de lexitimidades. Porén, a metáfora de choque de trens non é acaida xa que a relación de forzas é desigual. Entre o aparato de Estado e un goberno autonómico soerguido na mobilización social. Quen frivoliza coa linguaxe da represión non mide ben o alcance das suas palabras ancoradas no legalismo ideolóxico e no autoritarismo pós-democrático, porque o problema até agora negado do recoñecimento nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza acabará por entrar nas axendas de España e de Europa.

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: