off
Cedeira, Política local — 4 Setembro, 2017 at 7:06 a.m.

O goberno tripartito de Cedeira contrapón o garantismo das subvencións de libre concorrencia fronte ao “dedismo” do PP

by

Segundo vén comunicar o goberno tripartito de Cedeira o Partido Popular xa amosou no anterior mandato que non está pola transparencia na xestión económica. O PP nunca optara polas subvencións de libre concorrencia  porque era moito máis fácil repartir os cartos públicos  sen criterio coñecido

 

[Pingota Comunicación] O goberno de Cedeira vén de respostar as críticas do Partido Popular en relación ás subvencións de libre concorrencia para escolas de música, sinalando que “a primeira e máis sinxela das respostas que o executivo local  podería ofrecer (PSOE, BNG e ANOVA, conforman o goberno) é que a transparencia na xestión económica e política practicada por este goberno ás veces pode xerar adiamentos como este. É dicir, apostar firmemente e crer nas subvencións de libre concorrencia e non nas ‘subvencións a dedo’ é o que ten” “Hai que seguir unhas canles legais que o Partido Popular cedeirés debería coñecer, igual que debería coñecer o funcionamento da administración local que eles gobernaron durante distintos mandatos” e engade que “somos un equipo que traballa e moito e ás veces o ritmo dos procedementos administrativos é demasiado lento, lentitude que se leva agravado moito nos últimos anos grazas ao goberno do PP nas institucións do Estado e á súa repercusión nas administracións locais. Verdade que é inaudito que un Concello que poida necesitar persoal e poida pagalo teña prohibido por lei contratar e incrementar o seu cadro de persoal?”, afirman.

Fontes consultadas do goberno cedeirense afirman  “dende que chegamos ao goberno municipal de Cedeira tiñamos moi claro que se acabara o ‘dedismo’, que non se podía estar a conceder subsídios dependendo de quen fora o beneficiario ou que amigos tivera, as subvencións de libre concorrencia garanten igualdade de oportunidades para quen as solicita, non se subvenciona a nadie en particular, subvenciónanse proxectos, actividades, compra de materiais diversos e necesarios para o desenvolvemento das actividades proxectadas. E ao mesmo tempo faise un seguimento estrito a traves de facturas xustificativas e transferencias bancarias dos beneficiarios á hora de ingresar por parte do Concello os importes subvencionados. A xestión do erario público faise como se ten que facer, de xeito transparente e sabendo en todo momento en que se invirten os cartos públicos, os cartos de todas e todos”.

Desde o executivo local recoñécese tamén que “todo este proceso precisa moito traballo e tempo e o Partido Popular de Cedeira xa amosou no anterior mandato que non estaba disposto a facelo. Nunca optaron polas subvencións de libre concorrencia porque era moito máis fácil repartir os cartos públicos doutra maneira e sen criterio coñecido”.

O goberno local  salienta que “a elaboración das bases das subvencións de libre concorrencia non é inmediata, non se fai dun día para outro, revísanse moitas veces, teñen que cumprir  preceptivos requisitos legais  e ser informadas polos técnicos municipais .  A que nos ocupa ademais tivo que ir a pleno (no que por certo o PP rexeitou o ofrecemento do goberno municipal de formar parte da comisión avaliadora das solicitudes) xa que vai ter unha duración de 4 anos. E aínda que lamentamos o retraso do inicio do curso da Escola de Música este ano e as molestias que se poidan ocasionar aos usuarios é un tema que fica arranxado a longo prazo e pretendemos que se faga da mellor maneira posibel”.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off