off
Agro, Cinema — 1 Setembro, 2017 at 8:55 a.m.

Fálame do Chanfaina Lab, 4ªed.

by

Esta IV edición contará con tres obradoiros impartidos por María Yáñez, Juan Lesta e Óliver Laxe 

Cartaz do Chanfaina Lab 2017
Concello de San Sadurniño

Desde hoxe até o 3 de setembro  celébrase en San Sadurniño a 4ª edición da ChanfainaLab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do Concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as.

O alvo é gravar unha película  entre tres e cinco minutos durante unha fin de semana “con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual” e unha única condición: ten que se realizar en San Sadurniño e con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes “nobres ” do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.

O Chanfaina é un” revolto de cousas diversas”, afírmase no web do certame; por iso procura a diversidade dos/as participantes segundo idade, sexo, formación ou experiencia d@s cineastas para que o encontro teña un tempo fecundo, onde se intercambien ideas, experiencias e capacidades.

Entre os creadores/as que participan coa súa cámara nesta edición figuran autores/as naturais ou veciños de San Sadurniño como, os axitadores socioculturais de Silvalonga Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, o veterano de Igrexafeita Abel Vega, o “adoptado” na Lobeira Fran Bermúdez, os mozos de Bardaos Bieito Beceiro ou Sebastián Rodríguez de Lamas, o neno de Sansa Pablo Martínez; as xa famosas labregas de “Teño unha horta en San Sadurniño”: Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce e Carmen Bouza e as mozas de The Sungirls; tamén veñen cineastas ferroláns como Lara e Noa Castro e a novísima Carmen Leira. E por suposto participan relevantes cineastas ou interesados polo cinema galego procedentes de distintos puntos da xeografía do país: o monfortino Alberte Lobelle, a política e gran afeccionada ao cinema Ana Pontón, o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anfos Fazáns, a cineasta de Mazaricos Carmen Rey, a xornalista e documentalista Cristina de la Torre, a directora da Costa da Morte Olaia Sendón, o noso cineasta mais internacional Oliver Laxe, e o cineasta experimental Vicente Vázquez. Neste ano contamos ademais coa presenza de Portugal da man do cineasta, programador e dinamizador Carlos Viana, quen ademais de crear a súa peza amosaranos unha antoloxía de curtas do cinema rural portugués.

Ademais do Encontro de Cineastas e as proxeccións de venres e o sábado, desenvolveranse tres obradoiros con entrada libre e de balde

Venres 1, as 10.00: María Yáñez: “Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados”
Venres 1, as 16.30: Juan Lesta: “Monta-móbil”
Domingo 3, as 17,00: Oliver Laxe “Cine rural. O cinema da soberana sumisión”

O evento estará organizado polo Concello de San Sadurniño. Colaboran as Asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas , San Pipote de Bardaos, Pico de Ferreira e Aula Cemit. O encontro está patrocinado pola Deputación de A Coruña e o Concello de San Sadurniño.

O cartaz está inspirado nun cadro pintado polo pintor J. Carlos Vázquez baseándose en indicacións de Víctor Manuel Rico, Vitucho e fotografías antigas. O cadro fai referencia aotemplete ou pérgola que os Marqueses de San Sadurniño tiñan nas beiras do Xuvia e onde a Marquesa Natividad Quindós e os seus aristocráticos invitados facían as veces merendas e pic-nics nos seus paseos dende o Pazo a rentes do río Xuvia. Estaba situado no que se coñece como o Pozo dos donceis, preto do lugar onde vive deusa Navia dende xullo de 2017.

Velaquí un resumo do programa da  IV edición do Chanfainalab:

Día 1, venres
10.00. Obradoiro “Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados” na Casa da Xuventude-Aula CeMIT, 15 prazas. Impartido por María Yáñez.
16.00. Chegada de cineastas
16.30. Obradoiro “Monta-móbil” na Casa da Xuventude, 15 prazas. Impartido por Juan Lesta
18.00. Recepción e visita guiada por San Sadurniño
20.00. “Eira de cineastas”. Selección de pezas realizadas pol@s cineastas participantes.
22.00. Cea de benvida

Día 2, sábado
10.00. Encontro e gravacións cineastas
14.30. Xantar da Chanfaina coa AAVV de Bardaos
20.00. “Cinema rural Portugués”. Selección de curtametraxes presentado por Carlos Viana

Día 3, domingo
10.00. Encontro e gravacións cineastas
14.30.. Xantar coa AAVV de Lamas
17.00: Masterclas “Cine rural. O cinema da soberana sumisión”. Casa de Cultura. Impartido por Oliver Laxe

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off