off
Ciencia, Educação, Galiza — 1 Setembro, 2017 at 7:02 a.m.

A cociña matemática de Antom Labranha

by

O profesor  Antom Labranha vén de publicar en Edicións Xerais o libro “Universo matemático. Das ideas e das técnicas”


Inserido na colección de divulgación científica dirixida por Miquel Vázquez Freire, unha serie concebida, segundo Manuel Bragado, editor de Edicións Xerais de Galicia no seu blog Brétemas, para dirixirse a un público amplo e curioso non especializado, así como para servir de material de consulta e lectura nas bibliotecas de ensino secundario. Publícase nun intre no que materias como a Física, a Química e a Matemática foran expulsadas do sistema educativo en galego tras o Decreto de Plurilingüismo. O Universo matemático. Das ideas de das técnicas de Antom Labranha vén de asumir o reto da súa divulgación nun contexto educativo tan anómico como anémico, falto de libros de didáctica e divulgación científica en galego. Un duplo desafío, se posibel, máis que por unha didáctica xeral que está lonxe de ter resolto os problemas de aprendizaxe matemática dende que Fibonacci inserira as catro operacións básicas no seu  seu Liber Abaci. Nun contexto, portanto, no que a ciencia e a súa divulgación fican lonxe de seren estratéxicas para o presente e futuro do país  e  por unha realidade sociolingüística e educativa na que  o devalo  do galego contorna un panorama pouco propicio para a súa comprensión e a fantasía.  Porque as matemáticas interveñen sobre entidades imaxinarias, xa dicía Godfrey Harold Hardy que un matemático ten fasquía de poeta ou pintor porque as súas formas estan feitas con ideas.

Alén diso,  a natureza transversal das matemáticas (non se pode innovar en ciencias, tecnoloxía ou enxeñaria sen cultura matemática) leva a enxergar que non é posibel pensar sen diferenciarmos a estructura profunda e superficial dun problema. Eís un dos eixos esenciais na didáctica das matemáticas na súa encrucillada coa comprensión leitora ( e non será que parte do fracaso escolar é un fracaso lingüístico que tamén atinxe a comprensión leitora das matemáticas?). Porque o que este libro nos lembra é que non podemos esquecer que  linguaxe e língua son  aspectos chave da aprendizaxe, tendo un papel senlleiro cando se aprenden matemáticas. Nomeadamente nun contexto diglósico coma o noso, onde a presión abafante do castelán apenas deixa espazo para que o ensino dos conceptos matemáticos, que necesariamente precisan un proceso de abstración, poidan debruzar con naturalidade apartires do concreto, dos fenómenos e das situacións próximas á contorna dos alumnos para comezar a construir conceptos e relacións con sentido desde a asunción da lingua galega escrita e falada.

Imaxinemos que abandonamos o suposto da dureza da matemática e libres desta determinación acudimos directamente ao contexto e ao texto. Non demoraremos en descobrirmos que somos cociñeiros que experimentamos creativamente con todos os ingredientes ao noso alcance e que, neste sentido, somos matemáticos que atopamos ao redor  ingredientes e non fórmulas periclitadas. Deixádeme a achegar a metáfora da cociña matemática para reflectirmos unha actitude que lembra a vella actitude filosófica de Platón no Libro I da República: a discusión filosófica como un banquete. Unha actitude apañada polos medievais cando, sen teren consciencia de seren medievais, trataban as cuestions e problemas abertos na antigüidade como contemporáneos. Como se os seus ingredientes fosen ben comestibles e de plena actualidade culinaria. Eis a peculiaridade dunha obra que dada a fasquía transversal da matemática (non se pode avanzar en enxeñaría, ciencias e filosofía sen cultura matemática) trata con todos os seus ingredientes ao seu alcance como se os tiver diante. Comezando pola lingua de noso, elo fundametal na relación entre as aprendizaxes e a vida.  Ao cabo, a metacognición non é outra cousa que a consciencia do que se fai nun proceso dinámico, participativo e interactivo do individuo,   para que o coñecimento sexa um edifício real, operado pola persoa que aprende na participación aciva do estudante na resolución de problemas e o pensamento crítico respeito dunha actividade relevante .Por iso cando dispomos dunha boa receita non nos abandonamos  sen máis á incerteza do ensaio e do erro. Tentamos debullar a fasquía do problema que hai que resolver, xa que tendo problemas semellantes encontrados, procuramos os roteiros ou as estratexias que parezan máis acaídas para resolvelo. Non é por acaso que método significa “abrir camiño”. Ensaiar. Por tanto, non hai razón para non familiarizarmos as crianzas e a toda persoas interesada cos ingredientes e como utilizalos no noso particular universo culinario de ideas e de técnicas. Non é por acaso que o libro de Labranha leve a lenda “das ideas e das técnicas”  xa que do que se trata, ao cabo, é de ir probando ideas e enfocamentos baseados no seu coñecemento e experiencia anterior, aplicados a unha nova problemática. O “principio cardinal” é un deles: o derradeiro número dunha contaxe é a que dá a medida ou valor do conxunto. Porén, é posibel que unha crianza despois de realizar a contaxe non saiba respostar cantos hai e que, encollido de ombros, volva dar como posibel resposta unha nova contaxe. Aquesta  repetición da secuencia numérica derívase da falta de comprensión do que representa o cardinal do conxunto.

Talvez teña sentido subliñar mais unha vez o relevo de aprender a diferenciar entre a estructura profunda e a superficial dun problema. Factor fulcral na didáctica da matemática por ir de brazo dado da comprension e do sentido. Porque non fai sentido nengún teimar en contrapor a matemática “útil” daquela outra feita “para pensar”.  A percepción de dureza e  o fracaso escolar en matemáticas é en grande parte un fracaso da nosa compresión leitora. Tendemos a facer analoxías imponderadas e mesmo ás arroutadas sen repararmos no que a escrita, a formulación do problema nos informa e transmite. De aí que a obra de Labranha alicerce na reflexión de que a aprendizaxe da matemática é tamén o tempo que se tarda  en adquirir expresión e lectura.

o uso do galego e o seu universo imaxinario non é unha opción mas unha necesidade que permite  proporciornar  modelos alternativos de representación do obxectos matemáticos

Quer dicir, as intelixencias múltiples participan nas estratexias de resolución de problemas. Por iso resulta un achádego do texto  xunguir  variables de natureza cognitiva coas emocionais ao presentar os problemas na súa presenza na vida cotiá e no rexistro de uso do galego: un crédito financeiro, os xuros bancarios…Ao cabo, un dos xeitos mais efectivos de motivar e mudar a percepción negativa das matemáticas é apresentar con amenidade a ligazón dos números con outros  ámbitos e disciplina ou coa actividade cotiá. Roteiro que  o saber matemático, social e idiomático de  Labranha fai posibel permitíndolle ensarillar con proveito realidade e obxecto matemático. Porque o que fica nídio na proposta é o papel do mestre, non como quen transmite coñecimentos a través de explicacións claras e distintas, mas o mediador, regulador ou guieiro da aprendizaxe, deseñando contornas e actividades para que o alumnos atopen oportunidades para construir os seus coñecimentos e os vaian integrando. Así enxergado, o rol do mestre  debe estar encamiñado a dar significado e semantizar os contidos e problemas desde o comezo.  Alén da súa secuenciación e da avalación ao servizo da aprendizaxe, aquí o uso do galego e o seu universo imaxinario non é unha opción mas unha necesidade que permite  proporciornar  modelos alternativos de representación do obxectos matemáticos xa que promove situacións de aprendizaxe que posibilitan a interación entre mestre e alumno, entre iguais, e entre este e a súa contorna idiomática, social e cultural presente e pasada, abrindo espazo para interpretar e utilizar os erros como manifestación dunha determinada competencia da que partir  e coa que contar nun intre de retroceso cuantitativo de usos do idioma galego, e o reforzamento do desprezo e a hostilidade das prácticas contra el.

A necesidade desta proposta didáctica permítenos contornar o grande baleiro existente no campo da edición de libros de divulgación científica en galego, para acordar coñecimento e  interese nos máis novos e no público xeral. Mas levanta tamén  un prometedor vieiro de debate, que no ámbito anglosaxónico é ben vizoso entre os que defenden a volta á práctica tradicional e os que defenden o constructivismo, cando se considerar a construcción de coñecimentos como unha actividade humana inmersa nunha cultura determinada.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off