off
Arte, Cedeira, Pintura — 28 Agosto, 2017 at 08:54

Eduardo Baamonde gaña o 3º certame de pintura ràpida de Cedeira

por Redacción

José Carlos Triñones e  Manuel Carballeira acadaron o segundo e terceiro premio respectivamente. Á terceira edición do certame presentáronse 24 artistas e confirma a consolidación da convocatoria

[Pingota Comunicación] O xurado presidido polo pintor e escultor Adrián Taracido outorgou a Eduardo Pérez Baamonde, de Cambados, o primeiro premio da 3a edición do certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira, unha convocatoria que este ano reuniu a un total de 24 artistas, sete máis que na anterior. Pérez Baamonde pintou a Ponte nova e o núcleo antigo de Cedeira sobre un fondo de ceo e montaña. O segundo premio foi para José Carlos Triñones Buceta (Rianxo), que optou por reproducir o río Condomiñas á altura da ponte de madeira das Saiñas, entanto Manuel Carballeira (Valdoviño) acadou o  terceiro cunha obra de contraste de luces e sombras do porto. O certame convida a afeccionados e profesionais da pintura a mostrar diferentes realidades dos recunchos máis coñecidos da vila. As obras premiadas pasan a ser patrimonio do Concello.

Organizado pola Concelleria de Cultura de Cedeira, a súa titular, María Xosé Rodríguez, que presidiu o acto de entrega de premios, destacou a consolidación da convocatoria, o altismo nivel das obras presentadas e a boa acollida dos pintores “nunha mañá espléndida, con moita xente paseando e parándose a ver as obras”, afirmou. O Concello repartiu entre os premiados un total 1.300 euros, de maneira que o primeiro recibiu 600 euros; o segundo 400 e o terceiro 300, ademais dos diplomas correspondentes. Raúl Gil Bures foi o gañador da anterior edición cunha obra na que se recollía un treito do paseo da Mariña. A primeira edición, o ano 2015,  gañouna Pío Costa.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: