off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 27 Agosto, 2017 at 8:10 a.m.

O terrorismo non pode servir para xustificar perda de dereitos e impor un único relato

by

Que  diferencia hai entre a mobilización “no tinc por” de Barcelona e as mobilizacións contra a guerra do Iraq? Alicerzan ambas e dúas reaccións colectivas no momento da indignación moral até esgotarse en si mesmas ou hai nesta última mobilización sinais e atributos  dunha participación cidadá máis conscente e demorada?. Atinxe por igual esta mobilización a toda a cidadanía do estado español? Os novos liderados de brazo dado do bipartidismo español nos rituais de elaboración do  luto son algo máis do que evitar a criminalización dos cidadáns de relixión musulmana ou apenas unha mostra do requintada que pode chegar a ser para outros fins a capitalización política da violencia?Cómpre lembrarmos que o últimos grandes ataques islámicos en España coincidiron coas eleccións xerais de 2004 que seguiron de protestas contra o apoio español á guerra de Iraq e foran interpretadas por alterar o rumbo das eleccións. Acontece que este atentado jihadista aconteu nun momento de disputa nacional que podería levar á secesión de Cataluña.

Antes de máis fiquemos co que hai de positivo no convivio cívico de senyeres, estreleiras, españolas, republicanas e algunhas mais, que o medio millón de manifestantes contra o terrorismo nas rúas de  Barcelona enarbolaran entre aplausos, apupos e asubíos, talvez porque hai cidadáns que achan que está ben a escenificación de unidade (o que Rafael Cid vén de chamar “unicidade” como “emparellamento ficticio”) mas sen perdermos o sentido crítico para que estes rituais acaben sendo unha coartada de normalización. Porque se o que se procuraba era unha  manifestación políticamente neutra adicada ás vítimas e contra a violencia,  esa manifestación cívica  aconteceu o día seguinte ao atentado na praza Cataluña, inzada de canto a canto nun silenzo  partillado e unha única voz: “no tinc por!”

Unidade non significa homoxeneidade

Pídese que o terrorismo non condicione a vida democrática, mas iso foi o que aconteceu onte nas rúas de Barcelona, onde a elite politica española malia non ir encabezando a marcha goza de abondoso apoio mediático  e acaba por tentar capitalizar o equívoco concepto de “unidade” até decantar o acto aos seus intereses na xeira dos editoriais publicados na prensa sistémica, incluida a sonora rifa ás elites alí presentes dun Estado que vende armas ao principal fornecedor do jihadismo. Mas  tamén causa pasmo a acrítica recepción do intre no que os terroristas foran abatidos e a enxurrada de noticias e editoriais da maior parte da imprensa galega e a case totalidade da de Madrid sinalando ao independentismo. Porque a función da policia e tratar de deter (agás para evitar un mal maior evidente ou en autodefensa) e non a de matar. Porque a función da imprensa non pode ser o de  criminalizar o pensamento a través de edicións impresas de xornais que, se ben non acharon un vieiro común,  tentaran relacionar o atentado co independentismo ( que seica o electoralismo indepententista movimentou unha política de acollida errada ( El Mundo), “A Puigdemont preocúpalle máis o seu procés que o jihadismo”(ABC), que seica o clima previo ao 1-O era propicio (José María Carrascal, Abc ), ou o máis abafante editorial de El País seguido da viñeta de Peridis debuxando a Puigdemont sobrevoando o escenario co brado “ Seguiré con mi hoja de ruta”, e duas persoas a respostarlle “ Nosotros con la hija de luto”. Eís o debuxo do momento. A mesma melodía que logo tivo réplicas e variacións en todos os xornais galegos e españois: o Govern ten que asisar e porlle fin ao Procés após o atentado. Eís o infame relato imposto desde Madrid que obvia  que malia o desexo dos cataláns, o referendo  previsto para o 1-O será unilateral porque o goberno español opúxose vehementemente a que fose bilateral e prohibido polos tribunais. 

Porén, ningún propón que o PP e o PSOE deixen de seren tan centralistas, corruptos e monárquicos (obviando as  amizades perigosas dos Borbóns ao servizo da venda de armas) xa que resulta que a única ideoloxía incompatibel coa resposta ao atentado é a do soberanismo. Moitas inhibicións e unha só excepción. Alén diso, Rajoy xa anunciou que se é preciso mudará, mais unha vez (a terceira), o Código Penal. Usar o medo para unir polo medo. Malia a nobre resposta cidadá, esta caste de  sementeira  permite ir lexitimando perdas de dereitos e a criminalización de quen non concorda co actual marco constitucional. Xa non é que o rei camiñe espido en Cataluña ( poñendo en evidència que entanto a monarquía está acima do confronto politico, no Principat os Borbons fan parte fulcral do statu quo  que o sobernaismo tenta combater), mas o esquecimento explicito de que  o ethos da democracia moderna é a solubilidade (pois non todas as substancias se disolven nun mesmo disolvente, onde a formación dunha substancia común non pode darse como disolución  de pluralidades e diverxencias). Mas o que serve para o ritual de escenificaicón (na xeira afabel do multiculturalismo) é negado adentro das democracias emprazadas. Porque unidade non significa homoxeneidade. Teño afirmado que o de unidade é un deses conceitos que en política sirven de xávega apaña-todo, mesmo a costa de degradar os valores  que se pretenden defender. A  idea de “unidade” tornouse un fetiche gastado e non é precisamente quen a formula quen a representa  a risco de reducir a unha “unidade ” que é a duns cantos menos os outros que teñen e representan o poder.  Continuamos a falar con palabras emprestadas. E temos cousas nas que asisar.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off