off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 22 Agosto, 2017 at 9:40 a.m.

Patafísica do terror: a resposta da esquerda alternativa

by
Termo creado Alfred Jarry para designar 
á ciencia paródica adicada ao estudo das solucións 
imaxinarias e as leis que regulan as excepcións
(*Patafísica, segundo Wikipedia)

Coma se o tempo pasase en balde, o “si, mas” entrou de novo nas notas dalgúns portais dixitais da esquerda alternativa emitidas por mor dos atentados terroristas de Barcelona e Cambrils do 17-Ou. Unha secuela da guerra fría, cando as atrocidades perpetradas polas dúas grandes potencias dependían da cor con que se fitasen. Un maniqueismo de garrafón sen termos medios, que aldraxaba ás vítimas fosen quen fosen. O totalitario esquema amigo-inimigo imperaba na esquerda antiimperialista e a ideoloxía supeditábase aos seus ditados. Amiúde vendo a palla no ollo alleo e negando a viga no propio. O resultado foi unha época de poder sen moral, con moita realpolitik e nin briza de ética. Unha componenda que mudou cando o Maio Francés de 1968 empezou a chamar ás cousas polo seu nome sen esquecer os apelidos. O terrorismo non ten emenda, independentemente de que se faga invocando ao Tío Sam, ao Capital, Alá, a civilización cristiá ou a Sacra Familia (Marx, Lenin e Stalin).

Alén diso, o muro caeu en 1989, e con el a ilusoria división do mundo entre un Leste de comunismo de Estado e un Oeste de capitalismo de Estado. Hoxe todo o orbe é capitalista e o Estado segue sendo o seu valedor universal. Aínda que persistan enxendros capitalista-comunista, como no Estade balea chinés, que teiman fachendosamente en reter o peor de cada casa.

Por iso sorprende comprobar como no seu foro interno a esquerda que se oferece como oposición ao brutal capitalismo rampante (pense ou non rubir ás institucións para os seus propósitos) segue utilizando pautas que reproducen aquela disciplina inquisitorial. Desde logo xa non se fai cos trazos grosos en que manifestaban as súas preferencias cando o goberno de EEUU e o da URSS arremetían por “razón de Estado” contra os pobos que orbitaban nos seus patios traseiros. Desde o golpe de estado no Chile de Allende ata a invasión de Vietnam, desde a represión a sangue e lume da rebelión Húngara ata a ocupación de Checoslovaquia. Todo tiña o seu porqué dialéctico, dependendo do ángulo en que se contemplase.

Algo daquela errática “cosmovisión” aflorou agora en moitos dos comunicados publicados nos sitios web das principais sensibilidades que conforman hoxe o mapa da esquerda anticapitalista. Desde Kaos en la Red, ata CNT e CXT, pasando La Haine, todos á súa maneira tentaron “contextualizar” unha traxedia que se resumía en senllas accións de terrorismo indiscriminado que segou a vida a persoas de varias nacionalidades que paseaban tranquilamente polas Ramblas de Catalunya un fatídico venres de agosto. Un “si, mas” de novo presente como reserva mental neses comunicados revela que para determinadas formas de entender a política non todos os asasinatos merecen a mesma condena sen paliativos. Coma se a liberdade e a vida fosen bens relativos e houbese un terrorismo de alta intensidade e outros máis levadíos. Vamos aos feitos.

O da Confederación Xeral do Traballo era un dos máis severos á hora de cualificar a natureza homicida do atentado. “A CXT ante a barbarie de Barcelona, afirmaba no seu titular. Porén, no interior o texto insinuaba un discreto “si, mas” que case desmerecía esa inicial e meritoria contundencia. Non só porque daba a entender unha secundaria relación causa-efecto entre o perpetrado nas Ramblas e os crimes que de cote cometen impunemente os exércitos que operan na guerra de Siria. Circunstancia que asomaba cando no primeiro parágrafo advertíase “Hoxe nos tocou de perto” e alcuñabase de “ataque” o acontecido. Expresión que remite a un imaxinario escenario bélico non declarado como móbil dos terroristas (atacantes). E esa mesma percepción activábase ao final da nota:”Paremos o fascismo de onde quer que veña”. De novo unha sorte de relación biunívoca como explicación ao drama. Asní as vítimas, mortos e feridos, en certa maneira ficaban soterradas nun contexto de vitimarios múltiples.

De semellante inspiración era a declaración publicada polo outro sindicato anarcosindicalista: “A CNT ante o atentado de Barcelona”. Mas con unha interesante novidade sobre o seu colega libertario. Aludía a un aspecto intrínseco e intransferible dese tipo de actos terroristas protagonizadas por kamikaces da fe. A nota da CNT falaba de “intolerancia relixiosa” nun capítulo de factores coadxuvantes. Polo demais incorría no mesmo exceso de contextualización arbitraria ao enmarcar o suceso mediante expresións como “bandos”, “danos colaterais” e o sufrimento do pobo por “guerras que non son as súas”. Masi unha vez as xentes vilmente asasinadas parecían actores pasivos dun conflito remoto.

A web da Haine, que reproducía como propio o pronunciamento de Izquierda Castellana, oferecía un titular omnicomprensivo enlazando o atentando de Barcelona co 11-M de Madrid baixo a sentida rúbrica “Unid@s na dor e na loita”. O cordón umbilical entre ambas as datas presupuña que ambas as duas traxedias tiñan detrás unha acción de represalia bumerán polos crimes cometidos historicamente polo colonialismo contra o pobo árabe. Entón en Iraq e agora en Siria. Todo iso cunha chocante exoneración-acusación de entrada que se nutría nos ecos do dualismo da guerra fría: “Non é o islam, son os monstros creados polo imperialismo capitalista”. O resto abundaba na tese dos “efectos colaterais” e establecía a xa mencionada mapacización da matanza nun territorio distinto e distante ao dos feitos.

Ao cabo, Kaos en la red, unha das redes sociais máis visitada da esquerda, sorprendía cunha nota diverxente. Por unha banda, cun “Por que o masacre de Barcelona” como titular, situaba o beneficio da dúbida nas entrañas do atentado (o consabido “si mas”), que no entanto elevaba á categoría homicida de 2masacre?. E por outro, era o único dos medios aludidos que facía alusión ao seu carácter fanático mencionando ao “terrorismo jihadista” e ligándoo ao intento de acabar con “liberdades e dereitos democráticos”. Foi o único do catro comunicados que reivindicaba a “democracia” como valor político-social a defender, repudiado nos textos de CXT, CNT e La Haine.

Este debate, que reaparece agora con perfís moito menos procaces, foi o parteaguas que fixo catarse entre a esquerda autoritaria (entón en boa medida estalinista) e a incipiente esquerda antiautoritaria (maioritariamente anarquista) nos anos da guerra fría. Concretouse na polémica mantida por algúns dos intelectuais máis lúcidos da época. Dunha parte, os seguidores do pensador Jean-Paul Sartre, o gran vate das teses comunistas, para quen nas accións terroristas tamén había clases. E doutra, a pequena tribo libertaria que se aliñaba xunto ao escritor Albert Camus, na posición contraria, como demostraría criticando sen escusas o uso do terrorismo polos dous bandos que combatían na guerra de Alxeria.

Ainda que sería finalmente outro notabel filósofo, Maurice Merleau-Ponty, adscrito ás teses sartrianas, quen fixaría posicións na súa coñecida obra “Humanismo e Terror”. Segundo o seu autor existe unha conexión de compatibilidade entre humanismo e terror (de aí o “e” copulativo) cando quen o leva a cabo busca un fin mellor para todos. Un vincallo que pervertía a necesaria comunicación ética entre medios e fins para deixala nun mecanicista espasmo de causas e efectos. Para esa escola de praxe política de estirpe marxista, a violencia xustifícase polas súas propias intencións. En paralelo co devandito por Friedrich Engels sobre que “violencia é a parteira da historia”, cuxa interpretación crepuscular nestes  eidos podería ser aquel ditame de ETA (relatorio Oldartzen) ensaiado en Hipercor para “socializar o sufrimento”.

Mas o veredicto da historia foi implacabel ao restablecer as coordenadas éticas desa sintaxe político-ideolóxica. Quizais por iso, a transformación emancipadora que, a dicir de Rosa de Luxemburgo, expúñase como unha opción entre “Socialismo ou Barbarie” (aquí co “ou” disxuntivo), derivou tamén en xenocidas experiencias de “Socialismo e Barbarie”. A Patafísica do Terror está tamén nos políticos oportunistas que tentan tirar pola brasa para a súa sardiña  á conta do sentimento de solidariedade espertado pola traxedia e os grupos neofascistas que o contextualizan ao seu favor para atizar soflamas xenófobas e racistas.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off