off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 1 Agosto, 2017 at 11:32 a.m.

Dun 135 a outro: xemelgos ou idénticos?

by

O PP vai levar outra vez ao Tribunal Constitucional (TC) unha norma legal saída do Parlament, agora valéndose das súas competencias como goberno da nación. Será a segunda vez que utilice ao máximo garante dos dereitos e liberdades (o “lexislador negativo”, que dicía Kelsen) como pírrico defensor do réxime, argumentando razón de Estado. E faino para impugnar unha disposición que precisamente trae causa daqueloutra arremetida do T.C. que deixou feito uns raposos ao Estatut referendado en referendo polos cataláns. Agora trátase da reforma do artigo 135, apartado 2, do Regulamento da Cámara para permitir promulgar as leis de desconexión polo procedemento de urxencia, a bulir, e nunha única lectura, sen necesidade de que o soliciten todos os grupos representados.
Estima o Executivo que esa modificación, aprobada por 72 votos fronte a 63, pode ser inconstitucional. Esa polo menos é a opinión do Consello de Estado, ese sanedrín de ex notables en situación de xubileu dourado, que acaba de emitir un informe afirmando que a modificación de marras conculcaría o artigo 23 da vixente Constitución, que regula o dereito de participación. En parecidos termos hipotéticos pronunciouse días antes o Consello de Garantías Estatutarias, un organismo adscrito á Generalitat cuxos informes, do mesmo xeito que os do Consello de Estado, non son vinculantes.
Ata aquí nada novo baixo o sol. O que ocorre é que os cargos que desde Moncloa se esgrimen contra esta alteración do artigo 135, apartado 2, parécense como dúas pingas de auga aos que brandiron no seu día quen criticaron a reforma, tamén exprés, do artigo 135, apartado 2 así mesmo, da Constitución. Ese meu dito meu feito que entón, a iniciativa do goberno de Rodríguez Zapatero, perpetraron en tándem PSOE e PP para que o pago da débeda contraída cos mercados tivese prioridade sobre calquera outra continxencia social, por moi decisiva que esta fose. E iso tal como esixira o ultimato da Troika, naqueles momentos cun ex secretario xeral do PSOE, Joaquín Almunia, á fronte dos “homes de negro”, para evitar a intervención da Marca España.
Mutatis mutandis, o paralelismo entre eses dous artigos 135, apartado 2 engadido, non deixa de ser elocuente do oportunismo das respectivas percepcións políticas, segundo quen teña o poder. No 2011 non houbo consulta previa ao Consello de Estado, porque o total de votos do duopolio dinástico hexemónico PP-PSOE era máis que suficiente para consumar o seu propósito. O que fixeron nun tempo record e a pesar de que a maior parte dos restantes partidos ou non votaron ou se ausentaron do pleno que valido a regresión como dereito á pateadura. Baste dicir que o asunto quedou visto para sentenza en só catro días, os que foron do 30 de setembro en que pasou polo Congreso ao 3 de setembro en que o Senado, tamén da mesma obediencia dual, outorgou a súa plácet.
Certo é que na altura se admitiu a presentación emendas, 16 no debate da cámara baixa e 7 na o alta. Aínda que se tratou dun simples trámite, xa que todas foron rexeitadas polo rodete popular-socialista. Cousa que, segundo denuncian tanto o Consello de Estado como a Comisión de Garantías Estatutarias, non parece que no caso do Regulamento do Parlament se vaia a consentir coa nova redacción do 135 cuestionado. Seguramente porque a relación de forzas dos partidarios do dereito a decidir alí é moito máis precaria, debido á limitada maioría parlamentaria de Junts pel Si e a CUP, apareados nesta transición á catalá. Non menos certo é que existe unha avultada distancia entre o que os dous artigos 135 conteñen. Un a reforma da Constitución, lei de leis, e outro a de Regulament do Parlament.
Mas se desde ese punto de vista se poden estabelecer distancias e proximidades a gosto do consumidor, tamén se poden atopar semellanzas en canto á última lexitimidade de ambas as duas propostas. E estas alicerzan no consentimento dos gobernados, que adoita ser a medida que indica a calidade democrática dun sistema. A reforma do Regulamento procura un atallo para que a cidadanía catalá poida opinar sobre a súa autodeterminación política, orzamento severamente restrinxido cando o Tribunal Constitucional (por certo, tamén reformado en leitura única) cernou o Estatut xa aprobado en referendo. A da Constitución nunca foi sometida a referendo porque quen tiña a tixola polo mango, PSOE e PP, non activaron ese 10% para o seu exerciz previsto na lei.
Todo iso cunha contradición in extremis que fai aínda máis extravagante o anunciado choque de trens. Os cruzados do artigo 2 da C.E. que afirma a unidade de España, e boicotean a posibilidade dun referendo consultivo en Catalunya, representan partidos con escasa implantación naquela Comunidade. Mentres tanto, os partidarios do 1-O, ao restrinxir a capacidade da oposición coa manobra reformista, parecen copiar a fórmula dos seus adversarios centralistas. Onde se fan, tamén se levan.
Cal é, en fin, o segredo da esfinxe que ocultan eses dous 135 iguais e á vez distintos? O que existe, infrinxindo o eido da biopolítica, entre xemelgos e xemelgos: que na súa asimetría ambos comparten as dores do parto.

 

Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off