off
Galiza, Movementos sociais, Opinião, Política — 27 Xullo, 2017 at 11:03 a.m.

Soberanos, intervidos e patrocinados

by

Unha nación é un referendo diario
(Ernest Renán)

 

O pasado sábado 24 de xullo, véspera do Día de Galiza, asistín en Santiago de Compostela aínda acto público na Facultade de Filosofía e Letras sobre a “unidade popular”, un lugar común de moitas prospectivas políticas xurdidas á calor dos últimos movementos municipalistas-cidadanistas. O panel de oradores supuña, en principio, unha atractiva bandeirola de enganche: Xosé Manuel Beiras, por ANOVA; Ana Gabriel pola CUP e Marian Beitialarrangoitia por Bildu. Galegos, cataláns e vascos debatendo sobre a posibilidade dunha ruptura democrática co réxime do 78 co Procés como pano de fondo.
Non vou consignar ao pormenor o que os relatores dixeron porque está na imprensa e porque o que realmente me interesa non é o texto en si, mas o contexto e o pretexto. Aspectos ambos que, sumados nun, configuraron unha exposición tanto ou máis interesante que o que alí se mencionou polos tres intervenientes. Alomenos así o interpretei eu, desde aquela atalaia que expuxo Einstein cando aduciu que tan relevante é o que se observa como a posición do observador. Neste caso, aínda que sexa só nas súas trazas máis subsidiarias.
O primeiro destes cenarios diverxentes ten a ver con algo que poderiamos denominar con certa flexibilidade como o proscenio mediático, quer dicer  a importancia dos modernos panópticos á hora de configurar a conciencia da xente e a súa visión do mundo. O veemente Beiras, a aguda Gabriel e a enérxica Beitialarrangoitia coincidiron, un para todas e todas para un, na funesta influencia do complexo mediático. A advertencia proclamada alí, permítase a licenza, podería resumirse nun “ollo cos medios, condiciónannos ás caladas, non nos deixemos dominar por eles, son a parte invisible do problema”. Aquel feliz concepto de “a Brunete mediática” que propiciou o enxeñoso Arzallus e rememorou alí oportunamente o histórico Beiras.
O que acontece é que o consello chegaba desvirtuado á sala de conferencia. Consellos dou que para min non quero. A palestra, convocada á 7:30 da tarde, demorouse até as 7:50, cun auditorio a rebordelar desde a hora oficialmente fixada. Precisamente porque o Beiras e a Gabriel tiveran que atender antes aos medios de comunicación alí desprazados. Poderíase invocar aquilo da descortesía parlamentar, mas non vén ao caso, porque sen dúbida no foro interno de ambos os políticos, e por decontado de case todos os asistentes ao acto, pesaba que a demora estaba xustificada. Mesmo, ousaría dicer que sentían que era por unha boa causa. Os media intermedian e representan. Para ben e para mal. Ou só son malignos cando nos interpretan hostilmente? Xa dicía Pablo Iglesias, antes de se mergullar no seu xogo de patriotas, que hoxe se milita nos medios, non nos partidos,
O outro asunto posúe máis cerne, segundo o que adoita ser a categorización habitual destas cousas mundanas. Ten a ver co presunto paralelismo que existe entre a situación actual a nivel do Estado, ese intento de Segunda Restauración Borbónica, e o que aconteceu durante a Transición, situación que prefigurou o sistema vixente de “atado e ben atado”. Esa foi a miña intervención, que non pregunta concreta, realizada desde a experiencia de alguén que por idade e compromiso estivo naquela etapa e segue nesta. En verdade en contra de ambas as duas, segundo o formato tradicional. E veu ao fio por mor dun esquecemento e unha presenza protagonizados o primeiro por Beiras e a segunda por Gabriel. O ex líder do BNG cargou contra os dirixentes políticos que capitularon no tardofranquismo entronizando a Monarquía, e a catalá aproveitou a data para lembrar que xustamente se cumprían 75 anos do asasinato do destacado militante anarcosindicalista Joan Peiró, por negarse a pasar ao sindicato vertical. Por certo, Gabriel apuntou ao “estamos gobernados por mortos”, esbozado recentemente en Ollaparo, ao resaltar que só unha minoría de cataláns referendara a constitución vixente que agora se lles quere impor coma se fosen lentellas.
Con esas referencias manifestei que, á altura do corenta aniversario do 77, semellaba unha exclusión excesiva esquecer no reconto arrexuntado de Beiras e Gabriel a responsabilidade de Comisións Obreiras (CCOO) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) naquela cesión. Porque a arquitectura básica do capitalismo que sustenta a actual andrómena acordouse nos Pactos da Moncloa daquel ano, asinados por ambas as centrais despois de ser chamadas a capítulo polos seus partidos motrices (PCE e PSOE). Confabulación que non foi só preconstitucional, e por tanto non democrática, senón que ademais perpetrouse despois das fraudulentas eleccións do 15-X, instigadas cando aínda había presos nos cárceres e coa única salvagarda de outorgarse unha primeira e parcial amnistía. O que facía aínda máis inaudito aquel achanta. En última instancia, que o hoxe xustamente deostado réxime do 78 é responsabilidade daquela esquerda política e sindical (que non cabal oposición) que pactou coa dereita legataria da ditadura.
Non mencionei, para non abusar do que entendía era a miña quenda de oficio, que me sentiu moralmente concernido polo “caso Peiró” dado que foi precisamente a Confederación Nacional do Traballo (CNT) o único sindicato de referencia que en 1977 clamara contra a estafa daqueles primeiros comicios e, consecuentemente, convocado manifestacións e campañas contra Os Pactos da Moncloa. Podía facelo porque como membro do equipo do Comité Nacional da CNT eu fun, xunto ao seu secretario xeral Juan Gómez Casas, quen redactou a nota de prensa denunciando ambos os desaforamentos. Comunicado que, en boa lóxica do rendemento partidista, foi teimosamente boicoteado en tándem polo goberno e a oposición institucionalizada. Auga pasada non move muíño.
Non si? Porque esa era a outra gran cuestión que aboiaba no ambiente daquel feliz encontro coa esquerda nacionalista radical. Están a crearse as condicións para que o papel que desempeñou naqueles anos o PCE de Santiago Carrillo o reproduza hoxe o Unidos-Podemos de Pablo Iglesias? Será mais unha vez o PSOE rampante, agora pilotado por Pedro Sánchez (Somos a Esquerda), o chamado a abducir aos que antes de ser partido emerxente reclamábanse do espírito do 15M? Mas  ninguén entrou ao trapo, aínda que PSOE e Podemos veñen de dar o si quero en Castela A Mancha. Uns, como Beiras, porque seguramente teñen en mente que foi no “fogar de Breogán” onde Iglesias debutou como bróker eleitoral. Outras, como Anna Gabriel, porque é posibel que aínda pensen que as xentes de Colau e de Iglesias poden saír da súa ambigüidade e sumarse ao moi democrático dereito a decidir. En calquera caso, isto último é simple especulación e calquera parecido coa realidade é simples coincidencia.
O que é rotundamente certo, e ás probas remítome, é que a ninguén lle importou aquel vaivén de “non para si dos medios”, e que con idéntica rotundidade ninguén do público, agás o que subscribe e unha acompañante dos mesafalantes, pediu a palabra para preguntas, aclaracións ou discrepancias. E digo eu: ese solipsismo, non será porque unha cousa leva á outra e a outra á unha? Rematemos porén en positivo. Sexa como for, que diría o meu bo amigo Carlos Taibo (o de O penalti de Djukic), todos coincidimos en que hoxe como onte a cuestión é se sermos soberanos ou intervidos, como intitula un canónico libro sobre a transición alí citado. Aínda que persoalmente acredito que a versión ad hoc debería dicir “soberanos, intervidos ou patrocinados”.

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off