off
Galiza, Traballo — 27 Xullo, 2017 at 6:04 a.m.

A Xunta non autoriza a segregación das centrais de Ferroatlántica

by

A segregación das centrais de Ferroatlántica que pedía o grupo Villar Mir para a súa venda non foi autorizada pola Xunta por “non existir garantías dabondo para o mantemento da actividade industrial”.Seica o propio Feijóo telefonou os rexedores para darlles a noticia, ante a que a multinacional non tardou en reaccionar anunciando que recorrería a decisión, acusando o Goberno galego de “desprezar” a creación de 500 empregos e ameazando coa “precarización” das condicións dos empregados actuais. O Goberno galego afirma que logo de “avaliar polo miúdo a documentación”, ditaminou que “a solicitude non cumpría cos requisitos necesarios que fixa a lexislación para eliminar a condición esencial prevista na concesión, que consiste fundamentalmente en garantir o mantemento da actividade industrial”.

O informe da Asesoría Xurídica da Xunta, advirte que co proceso elevado por Ferroatlántica non se dan “as condicións necesarias nin se cumpren os requisitos legais para suprimir a condición actualmente vixente na concesión, que ten por finalidade garantir o mantemento da actividade industrial e os postos de traballo na comunidade autónoma”. Xa que logo, a condición de non segregar as actividades das centrais e das factorías de ferroaliaxe. Así, segundo o Executivo, “carece das condicións que establece a propia concesión de velar polo interese público”. A multinacional retrucou anunciando que haberá despidos e precarización xa que para esta a segregación era a “única” maneira de manter o emprego e o futuro da empresa no país.

O comité de empresa  interpreta que a decisión  “vén dar a razón aos argumentos defendidos polos traballadores” que, como lembran, “dende hai dez meses desenvolven unha loita histórica contra o espolio dos nosos recursos e en defensa dos empregos e do futuro da comarca”. O conselleiro de Economía e Industria foi quen, arredor das dúas da tarde, avisaba do ditame ao presidente do devandito comité, que solicitou unha iminente xuntanza con Francisco Conde.

Ferroglobe emiteu un comunicado no que afirma que a decisión da Xunta é contraria a dereito e  anuncia que recorrerá primeiro ante a Administración e, chegado o caso, ante a Xustiza ou en “calquera instancia”. “A desestimación é flagrantemente contraria a Dereito porque vulnera a liberdade de empresa e o principio de iterdición da arbitrariedade dos poderes públicos”.

Os traballadores, pola contra, entenden que o informe “confirma que as pretensións do Grupo Villar Mir son ilegais, por máis que a empresa buscara lexitimar social e xuridicamente esta operación, recorrendo mesmo a prácticas de tipo mafioso”. “Non é posíbel desvincular a produción enerxética da produción de ferroaliaxes, pois esta unidade é a única garantía do interese público: do mantemento dos empregos, da industrialización da comarca e da actividade nas factorías de Cee e Dumbría”. Foi a “a mobilización social”, afirman, a que “conseguiu evitar a segregación e venda das centrais” e lembran que os representantes dos traballadores lograron “involucrar toda a Costa da morte na loita.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off