off
Galiza, Movementos sociais, Opinión — 24 Xullo, 2017 at 15:17

O heroísmo como construción do acontecemento en Angrois

por

No Estado español a xestión informativa e argumental segue a ser monopolio da dereita e do cada vez máis arrogante poder estatal. As primeiras noticias dos feitos constataban máis unha vez a hipótese instrumentalista na oferta de linguaxe e de argumentario reservado a Galiza, segundo a cal quen detenta  a posición máis desfavorecida tórnase vítima sacrificial. Non hei de entrar nas escorreguedizas causas técnicas do accidente, mais nun presentimento experimentado durante a presentación do descarrilamento de Angrois a partires dunha determinada categorización dos seus protagonistas nas primeiras horas e dias posteriores aos feitos. Neste punto, abordar directamente o tema político semella ineludibel.

Serviu para agochar o fallo das infraestructuras do camiño de ferro, calificando como acción excepcional e épica  o que nunha situación de excepción sería un acto de humanidade ou de civismo que elevado aos altares do heroísmo serviu á narrativa do poder? Mostráronse os medios de comunicación convencionais como subalternos dos gobernos que  neste intre usufrutuan o Estado e a Xunta?

Mentras o acontecemento vai dando paso á “reconstrución do real”, parece que a reacción de solidariedade non é algo extraordinario como quere facer acreditar o cínico para agochar  o seu canibalismo, o seu desequilibrio fundamental  de control e de explotación, fronte os xermolos de autoorganización da sociedade que amosan a incoherencia do todo social capitalista. O cínico sería o neoconservador defensor do ultracapitalismo caníbal, quen rexeitando toda forma de solidariedade social perante a única realidade do mercado despois se vangloria  da acción solidaria con etiquetas mistificadoras tiradas do discurso humanista.  O Estado arroupado nese discurso é parasitario do esencial, diferindo sempre as causas e as responsabilidades estructurais cara a imprevisibel acción individual, cando o que abraia nunha primeira ollada é que o único treito crítico entre Ourense-Santiago, non contara con sistema automático de frenaxe malia ser a primeira curva –onde se impón unha drástica redución da velocidade- após unha longa recta.  Nese comboio ian dous maquinistas mais un deles estaba  a faenar fora da cabina, relegando a un só conductor a responsabilidade da conducción e “aterraxe” dunha máquina que pode pasar os douscentos quilómetros/hora. Agora sabemos que o treito do accidente tiña que ter o sistema de seguridade ERTMS. Os bombeiros veñen de denunciar erros na coordinación derivando o éxito da intervención á colaboración cidadá. Representantes sindicais critican nun comunicado  “a falta de capacidade dos nosos dirixentes para xestionar con eficacia a intervención do lugar do descarrilamento, da coordinación do 112 até a execución das tarefas de organización atribuidas á Axencia Galega de Emerxencias”. No entanto, un veciño de Angrois clamaba:«Non somos herois, non queremos nada máis do que xa estabamos demandando”. Xa no mes de agosto, unha deputada do PP na  Asemblea de Madrid que viaxaba no Alvia declaraba: “Non acredito que o erro fose só do conductor, que non me conten historias”; “Seméllanme uns terroristas,  estou disposta a personarme como acusación particular”.  O día 20  o xuiz imputa a Adif por non ter instalado balizas de frenaxe.

É posibel ver en todo iso unha  condensación metafórica e substancial de todo o que o sistema capitalista global exorciza, tolerándoo apenas como emerxer do extraordinario ou circunscrito a un determinado “estilo de vida”

Porén, é posibel ver en todo iso unha  condensación metafórica e substancial de todo o que o sistema capitalista global exorciza, tolerándoo apenas como emerxer do extraordinario ou circunscrito a un determinado “estilo de vida” consentido e etiquetado na súa relación co nexo poder estatal-corporacións-finanzas (o que os medios de comunicación españois inscriben decote en lo gallego, o rural, o periférico, a interpasividade, o individualismo, o heroismo e o fatalismo) que vén asumir unha función terapéutica que alimenta a desigual e codificada relación  de dominación-submisión Galiza-Estado, de representante e de representado, de simulada restauración do vínculo político cando o que prevalece á rutinaria lóxica material do económico. Un estereotipo lingüístico que encerra un modo de ver, quer dicir, unha moral. Unha conspícua construción do acontecemento que, tratándose do noroeste peninsular, parece que lles levou pouco tempo argallar, sendo asumida por non poucos medios autóctonos. E non falamos de realismo como único criterio de verdade aceptabel (o erro  humano, a posibel distración do maquinista como desencadeante).

Mais nesta explicación hai unha cousa que chama a atención. A narrativa do poder presentouse representándose nunha dialéctica ficcional e no fomento dun determinado relato. O xornalismo de catástrofes ao vivo – no que sempre é ben acollido o discurso humanista-   activou a pura mecánica de acumulación de información sen atender ao tecido social – historia, cultura, memoria e língua desapareceron. Desapareceu a “imaxinería rural” e a forma territorial galega de organización social, desapareceu o movimento veciñal en contra do trazado do tren de alta velocidade. Todo aquilo onde alicerza a autoxestión e a  solidariedade. Pouco ou nada se dixo do impacto da construcción do camiño de ferro  na paisaxe xeográfica e social.

O tratamento informativo ignorou que a aldea de Angrois vén sofrindo o impacto destructivo da infraestrutura nos espazos comúns, ficando dividida por tres anos a súa unidade territorial e perdendo a antiga ponte, casas, leiras e hortas

O tratamento informativo – malia tratarse dunha parroquia rural que se tornou unha conurbanización ou territorio periurbano que comezou a perder a organización espacial própria  a partir dos anos cincuenta  e nos setenta coa AP-9  e  por terse realizado  entre  2007 e 2012 a sección de acceso á estación de Santiago de Compostela e o  túnel de Compostela do  tren de alta velocidade Madrid-Galicia -ignorou que a aldea de Angrois vén sofrindo o impacto destructivo da infraestrutura nos espazos comúns, ficando dividida por tres anos a súa unidade territorial e perdendo a antiga ponte, casas, leiras e hortas. As demandas dos veciños e das asociacións de barrio para soterrar a vía foron desbotadas primeiro pola administración e despois, durante a cobertura informativa do accidente; na narración dos feitos da prensa hexemónica non hai alternativa ao tren de alta velocidade.  Eis o único acontecimento que pasa-  o sentido único – e non  os intentos dos veciños de Angrois de facer territorio.

Desapareceron dos medios o grau de cohesión social e os vincallos sociais que dan o seu carácter distintivo, a defensa do territorio fronte a aniquilación do espazo mediante o tempo e as enormes mudanzas que o TAV está a producir na terra e na paisaxe debido a un investimento excesivo nun modelo ferroviario que non serve para mudar o modelo rodoviario prexistente nen para aumentar a calidade de vida de quen o padece a costa de obliterar a xerarquía de unidades territoriais e as unidades socialmente construidas.

O marco contradictorio para a acción e o conflicto xeopolítico e xeoeconómico que o TAV veu amosar é o dunha esfera de actividade con autonomía relativa respeito aos dispositivos institucionais e administrativos territorializados. Por moito que o Estado e a Xunta emitiran xaculatorias reificadas,  a xestión estatal e autonómica do accidente mostrou non só un desenvolvemento desigual da infraestructura senón o desenvolvemento xeográfico desigual dos seus efectos pois as condicións necesarias para o desenvolvemento da alta velocidade residen noutro lugar, no aparato estatal e nos grupos de interese e non no territorio nen nas poboacións afectadas.

Malia activarse unha solidaria e espontánea acción colectiva de resgate o que prevaleceu foi a acción individual isolada sen referencia algunha ao movimento veciñal iniciado en 2007 contra o trazado e impacto do TAV

Que ten a ver todo isto co accidente do comboio? Que malia activarse unha solidaria e espontánea acción colectiva de resgate o que prevaleceu foi a acción individual isolada (“cada  “heroi” ten a súa própria historia que contar”) sen referencia algunha ao movimento veciñal iniciado en 2007 contra o trazado e impacto do TAV nen a disxunción radical que supón ese trazado ferroviario nas configuracións do espazo-tempo, de acumulación e de especulación coa terra que deixa de servir aos intereses e necesidades da xente para tornarse unha infraestructura que non é rendibel socialmente malia o gasto enorme que xera e que atopa atrancos na súa propia natureza temporal pois a paisaxe xeográfica e social non sempre serve aos intereses e necesidades do capital móbil e a hipermobilidade.

Deste modo, o discurso do heroi fai parte do discurso humanista en función do cal se fala e se actúa. E todo heroi precisa dun perverso. Dualízanse así os feitos para mellor xulgar e condear.

Resulta evidente que a reivindicación case que inmediata do “heroi” dase cando algo incontrolabel que xurde do real está a regular a posta en escena convencional, altamente ideolóxica, que determina o contido, a forma e até a súa relación dialéctica- e non os sistemas de seguranza ferroviaria senón aquelas antigas determinacións do destino que condicionaban a existencia dos individuos. Que é o que se tira de todo isto?

Do heroísmo derívase toda unha dramaturxia do testemuño. De todo iso, se non se dí o contrario,  actívase unha narrativa mimética e confortabel que esfarela as responsabilidades dos actores principais e dos moitos protagonistas para condensarse no elemento unificador, mesmo demoníaco, do teléfono móbil do maquinista. A formulación da transgresión homicida enfrontándose ao horror das súas consecuencias. Sabido é que alicerzandose no discurso humanista, a narrativa oficial  foi creando unha máscara branda que nos torna solidarios e responsables, bons cidadáns, herois por un dia.
O sentido do discurso oficial sería o propio proceso de enmascaramento de  tres planos: 1) a alta velocidade –o tren do progreso, adoita dicirse- é un mecanismo vulnerabel e non un organismo harmonioso alleo ao investimento en seguranza, 2) no hipercapitalismo o Estado é unha unidade artificial do desenvolvemento neoliberal que promociona o individualismo de libre mercado e a só ética da responsabilidade persoal, 3) a continxencia e arbritrariedade que sempre acompaña á catástrofe revelou como o poder estatal  tende a favorecer sob unha estructura de goberno bipartidista algunhas configuracións máis cá outras e ningunha liña de fuga.

A pregunta a nos facer é se non asistimos en todo este relato á farsa do individuo fuxindo ao control do Estado,  actuando como El, virándose na súa contra, actuando coas súas prerrogativas exclusivas de control sobre as vidas

A pregunta a nos facer é se non asistimos en todo este relato á farsa do individuo fuxindo ao control do Estado,  actuando como El, virándose na súa contra, actuando coas súas prerrogativas exclusivas de control sobre as vidas. Algo así como un negativo do poder estatal, do seu síntoma social. Cómo interpretar o acontecido? O heroísmo semella aquí un relato inspirado no reverso do Estado, por outras palabras, na súa ausencia e reprego. Esa categoría parasita a quen se defronta aos problemas e salva situacións de risco. Agora sabemos que nas primeiras horas van ser os individuos concretos, os veciños dunha aldea demediada polo propio camiño de ferro, quenes van substituir o poder estatal. Nese rol, investidos xa polos media como “herois de Angrois”, tornáronse significantes da narrativa do poder, na demoninada “cadea de sucesos”, para focalizar apenas o individualismo e unha ética da responsabilidade persoal co elidido telón de fondo da menor protección dos dispositivos  de seguranza do Estado.

A chamada telefónica do maquinista veu representar metonímicamente a apropiación ideolóxica do poder estatal -do réxime da corte- do momento traumático. O discurso relixioso tornouse necesario a esta estrutura, a transición á nova orde económica neoliberal achaba así o  momento para ser anunciada no nome de Deus. O apóstolo e a corte como complementos necesarios a propósito da nova economía que o TAV inaugura de xeito traumático. Un proceso no que o traumatismo é sometido a un control ideolóxico. E, lóxicamente, a resposta  solidaria está calcada do propio modelo informativo, a súa instanteneidade, a súa cobertura puntual e o seu  rápido esquecimento.

Os medios de comunicación van interpretar a rutura da vella causalidade a favor da irrupción de elementos incontrolados e azarosos identifícándoos co “heroísmo” e non coa realidade galega e o seu funcionamento. A solidariedade veciñal que sempre se practicara como axuda mútua, agora persigue salvar vidas como antes apañou chapapote. A prensa “humanizada”  asignaba aos cidadáns que socorreran  víctimas a só identidade de “herois”. Segundo este guión os feitos deixan de ser percebidos como tal e non precisan – non reclaman- un relato centrado e completo.  Se a distración do maquinista ao teléfono móbil provocou o descarrilamento, unhas cantas balizas de seguridade quedarían exculpadas e, con elas, por suposto, o “complexo ferroviario industrial”.

Os maquinistas fan prácticas a cegas e seica é habitual conducir e falar polo móbil corporativo. Se ben que as crenzas fetichistas e os apaños tecnolóxicos espazo-temporais, aliméntanse mútuamente e non garanten un maior control. Será por iso que na narrativa do poder,  a responsabilidade asóciase ao individuo e non á infraestructura viaria, que fica así asociada á falibilidade própria do orgánico e non á fiabilidade do mecanismo. Na narrativa do poder, no discurso humanista que o alicerza, non hai lugar para todo as virtudes cotiáns, a dignidade e o coidado. Mantense no plano das abstraccións. Mais o heroísmo é intrínsecamente pasaxeiro. “Nin herois nen santos”, diría Todorov. Porque a moralidade certa asenta nas “virtudes cotiáns”, fronte ao “heroísmo moral” ou as  “virtudes heroicas” tan do gosto desa narrativa para nos persuadir a todos e cada un de nós, malia o  impacto destructivo e potencialmente ruinoso, das ilimitadas virtudes da innovación tecnolóxica e do crecimento sen tañeiras. En ausencia de pensamento crítico e de análises políticas capaces de xerar espectáculo, as balizas son demasiado lineais e prosaicas cando se ofrece a posibilidade dunha realidade “verdadeira”, continxente e fráxil que non precisa mais relato cá inmediatez do “real”. Porén, dise unha cousa e móstrase outra,  mentras prevalece o discurso de  respeito ao loito das familias,  as imaxes  televisadas dos cadáveres nas vias desbordan toda prudencia reforzando así a  incomprensibel prerrogativa que se lle dá ao relato humanista, a propósito do cal a narrativa do poder alicerzou o discurso do heroi, obviando as solidariedades locais e as diferencias xeográficas. As hortas e leiras tórnáronse improvisados platós de televisión acrescentando así a vulnerabilidade do espazo intervido, amosando o seu poder expansivo (de facer e de crear), e coercitivo (o poder de negar e de ocultar).  Se o veciño de Angrois é un cidadán consciente que persigue puntual e espontáneamente salvar vidas, non abonda con telo feito, precisa ser diferido nos media procurando outros efectos de verdade.

Sen heroi non hai acontecemento. O heroi como significante impón un campo de visibilidade ideolóxica que inclue a súa propia contradición principal (neste caso, o proceso aberto de espontánea cooperación social onde as decisións non proceden dun poder estatal ou dunha autoridade imposta exteriormente) e, se callar, o primeiro que habería que facer é rexeitar esa oposición destinada a agochar a liña divisoria trazada pola a autoridade tecnocrática e o poder estatal. Ben porque intereses superiores estén a elaborar a “verdade informativa” a partires da sobreabundacia de termos próprios do discurso humanista, a función ocultadora do “heroísmo”  revelouse como peneira a través da cal a complexidade da situación ficou reducida a unha falsa elección entre o “erro individual” e a “fatalidade”, nunha designación ou etiqueta que deixou ao descuberto o mecanismo que ficou, literalmente, obliterado.

A construción do acontecemento sae barato en pleno verán. Como na estratexia do neurótico obsesivo a suberabundancia de actividade mediática adia a formulación da pregunta que realmente importe e mude as coordenadas do acontecimento

A construción do acontecemento sae barato en pleno verán. Como na estratexia do neurótico obsesivo a suberabundancia de actividade mediática adia a formulación da pregunta que realmente importe e mude as coordenadas do acontecimento. Reconstrúese coa repetición hipnótica da imaxe do comboio entrando desde o punto de non retorno na curva da Grandeira até o descarrilamento e coas entrevistas aos veciños de Angrois, que non están para ofreceren titulares. En véspera da ofrenda ao apóstolo, o acontecemento non debe incomodar o establishment. O acontecemento só pode construirse dende o interior mentras dure o balanzo do botafumeiro.
Porén, a primeira reconquista do real, a primeira resistencia á violencia da sustración foi a dos propios veciños de Angrois ao non identificarse coa súa nova condición heroica.

A coordinación estatal errou e só funcionou o nexo de acción dos individuos. Erraron quenes teñen responsabilidade, o Estado e a Xunta, procurando como no Prestige (os mesmos que gobernaban antes) a responsabilidade na persoa, no capitán, no maquinista -sen que mediara a “presunción de inocencia” – e sempre ao ditado de titular das empresas implicadas. Erraron quenes argumentan o poder vertebrador do Estado cando o que prevaleceu foi a cidadanía e a vida cotiá. En ausencia do aparato de Estado -a Xunta non ten transferidas as competencias- prevaleceu o que veño chamando a “perspectiva Prestige”, aquela espontaneidade ou acción de resistencia que,  con axuda puntual de algún axente organizado, se autoxestionou emendando o sistema e a narrativa do poder estatal, abrindo unha porta á evidencia -sintomática- de que por mor a xente reaxir, se activa a reconstrución dos feitos neutralizando aquelas  narrativas espontáneas de dimensión universal para integrarlas sob as categorías do individualismo humanista que mellor serviren á reprodución do que hai e para camuflar o conflito: o  “extraordinario” e  o “heroico” (fugaz).

O que se deduce, en calquera caso, é unha complicidade sistémica no negocio das infraestructuras ferroviarias entre o lobby do AVE , os medios e a política  que frustra a transparencia do acontecido. Opacos intereses que desaban no vertedoiro do finanzamento ilegal dos partidos e que alicerza a orixe inconfesada, estricta e ríxidamente relacionada da submisión dos intereses públicos aos intereses da man invisibel. No entanto en Franza hai  tempo que desbotaron a alta velocidade pola baixa rentabilidade social detectada, o Estado español usufrutuado polo PP-PSOE teiman no simulacro  de “vertebrar” o  territorio, o que non é outra cousa que un sistema de dominación a costa do heroico contribuinte. Categorías sempre dispostas a servir unha impostura que agocha unha connivencia, revestida dunha “volta ao relixioso” e á constelación ideolóxico-política da católica monarquía bourbónica  e do populismo de dereitas, cos que non poucas voces de esquerdas e do eurocentrismo progresista se sinten aliviadas coa súa só presenza fronte o rexurdir do social, do compromiso civil activo dos civilizados e mansos cidadáns. Todo iso malia evidenciarse que a reponsabilidade ética, a cohesión social, o moralismo utópico ou a solidariedade social non teñen cabida no contexto ideolóxico de quenes  privatizan empresas e servizos públicos e fan do territorio un espellismo da globalización feliz. Novas incertezas que deixan intacto, porén, o modelo de transporte radial e o primado de estradas e autoestradas. Ao cabo, sempre quedará apelarmos á “sociedade do risco”. Sempre poderemos elexir non subir ao tren, ao carro ou ao avión, non-si? Afagámonos  a tomar decisións sen coñecer as posibles consecuencias dunha realidade  que é fondamente despolitizadora. Demoraron dúas horas en activar o sistema de emerxencia: nese  tempo non houbo Estado, só houbo cidadanía.

 

 

Este artigo publicado o  no xornal Praza.gal

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: