off
Agro, Galiza, Meio ambiente — 12 Xullo, 2017 at 8:53 a.m.

Datos, non manipulacións. ADEGA responde a ENCE

by

A relación do eucalipto cos lumes é un feito coñecido e demostrado dende hai tempo, chamado na Australia, de onde é orixinario,  “the gasoline tree”.


Adega vén de respostar a ENCE logo que a pasteira,”perante a evidencia de que a masiva coberteira de eucaliptos agravou o lume en Pedrógão, apurara  lanzar unha publi-reportaxe para “demostrar”  que o eucalipto pouco ten a ver cos incendios na Galiza “a seguir das declaracións do Dir. Xeral de Montes da Xunta que non vía relación entre os recentes lumes en Portugal e a situación na Galiza “de cumprírense as leis”

Excusatio non petita

ENCE lanzou unha campaña “informativa” para desvencellar ao eucalipto da problemática dos incendios. Usando “datos oficiais da Xunta e Ministerio” pretenden lavarlle a cara á súa principal fonte de negocio para demonstrar con “datos, non opinións” que lumes e eucaliptos pouco teñen a ver, e que os incendios acontecen maiormente en “montes abandonados”. Segundo o comunicado de ADEGA,  “para avaliarmos se existe relación entre a presenza dunha determinada especie forestal e a maior incidencia dos lumes, compre referírmonos á superficie queimada por tipos de árbores e relacionala coa superficie total que ocupa cada especie. Que arde máis, os eucaliptais, os piñeirais ou os bosques caducifolios autóctonos?”, pregúntanse.

Asín, as fontes de datos son as mesmas que utiliza ENCE na súa recente  campaña: os datos de superficie queimada no decenio 2001-2010 publicados polo Ministerio  e os datos de ocupación forestal por especies recollidos no IV Inventario forestal estatal (Silvanus, p. 6).

 

A incidencia do lume nos eucaliptais é 3,55 veces maior que no bosque autóctono

Do Informe sobre a incidencia dos lumes forestais no estado no periodo 2001-2011, publicado polo Ministerio en 2012, tiramos que nese decenio arderon en Galiza 57.104 ha de piñeiro, 40.906 ha de eucalipto e 16.818 ha de carballo e demais frondosas (p.75, cadro 7.2). Por outra banda, o IV Inventario forestal estatal (IV IFN) realizado para Galiza en 2009, sinala que a superficie total ocupada polas masas puras de piñeiro é de 433.954 ha, polo eucalipto (masas puras) de 287.983 ha, e polo carballo e demais frondosas de 413.300 ha.

Os resultados amosan que os lumes dun ano medio, tomando como referenza o inventario forestal de 2009, afectaron ao 1,42% de eucaliptais, ao 1,24% de piñeirais e ao 0,40% das carballeiras e bosques de frondosas galegas.

Ou sexa que o tipo de árbore que arde en maior proporción é o eucalipto, seguido do piñeiro e por último, as carballeiras e frondosas autóctonas son as menos afectadas polos lumes, estando ademais a maioría destas masas en situación de abandono.

ADEGA  cuantifica a incidencia dos lumes por especies e comparalas entre si: o eucalipto arde 1,14 veces máis que o piñeiro e 3,55 veces máis que o carballo e demais frondosas; e polo que atinxe ao piñeiro, os lumes aféctano cunha frecuencia 3,1 veces maior que ás frondosas autóctonas.

A cuestión coa que ADEGA encerra o seu comunicado de resposta a ENCE vai direccionada á Xunta xa que esta perante a evidencia de que o mote galego é un polvorín continua a finxir que non oe, a facerse a desententida, e  apesar do serio aviso de Pedrógão,  continua a facer ouvidos de mercador.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off