off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 11 Xullo, 2017 at 7:56 a.m.

Colau – Iglesias: os amantes pasaxeiros

by

Confeso o meu abraio político. Non entendo nen a Pablo Iglesias nen a Ada Colau respecto da posición do tándem ante a cita do 1-O, a SuperDiada. Soa a un intento de soprar e chuchar ao mesmo tempo, o placebo do movemento estático. Aínda que teño que recoñecer que esa parece ser a nova divisa da esquerda, emerxente e anfibia. Non outra cousa significa a abstención do novo PSOE (“Somos a Esquerda”) ante temas chave como a moción de censura propiciada por Podemos ou o tema da ratificación do CETA. A abstención como gonzo, unhas veces para dicir fágase e outras coma pontapé. Ao cincoenta por cento do xa perpetrado pola Xestora socialista coa investidura de Rajoy e o teito de gasto.
En bon rigor, o que está en causa é se esa dinámica é a mesma que anima as resolucións de Podemos e de Catalunya en Común a conta da prometida “revolución do outubro” de 2017. Ou é outro ardil da posverdade? Ou sexa, cando o todopoderoso secretario xeral da formación morada sostén que “se eu fose catalán non votaría o referendo”, engadindo como retrouso que se fai “sen garantías”, en que hemisferio racional se atopa?. Se o meu tío fose a miña tía, podería parir? En serio, que tipo de comparativa entre conxuntos disxuntos é esa? Todos os cataláns son españois (até o momento), mas  non todos os españois son cataláns. Que é esa e non outro o miolo da cuestión. Non fagamos trampas no solitario.
“Sen garantías”. Outra cantada, un rapto garantista distópico. Mas, non concordaramos en que o conflito consiste precisamente en que o Estado se nega a recoñecer validez xurídica a esa consulta plebiscitaria? Son ganas de leala. E encima ementar a soga en casa do aforcado. Iglesias tamén sabía de antemao que a súa iniciativa de moción de censura, tendo validez xurídica, estaba condenada ao fracaso. Falta de garantía de éxito que non restou un chisco de efecto político, intramuros e extramuros, da medida. Entre outras cousas, permitiu retratar os límites da fasquía de oposición do sanchismo, precisamente o compañeiro de viaxe ao que agora namora a coalición electoral Unidos Podemos. Cousas veredes!
O de Colau ten máis faragulla, porque se emite desde o epicentro do problema e ten como protagonista a un partido que se alcuma “os comúns”. Nese contexto diferir de esguello coa actitude adoptada por un bloque ideolóxico que ostenta a maioría absoluta (72 de 135 escanos) no Parlament e o seu correlato entre os votantes semella un pincha-carneiro digno de mellor causa. Escoitemos o afirmado pola coordinadora nacional (nacional?) de Catalunya en Comú verbo diso: “O 1 de outubro é unha mobilización lexítima e, por tanto, daremos apoio como un acto de afirmación do dereito a decidir”. Porén, matiza a seguir o seu portavoz Xavier Doménech, “non é o referendo que Catalunya precisa?”.Outro nasciturus.
O que nos leva a enxergar outras contornas. Non é posibel que líderes que arelan acumular forzas para acadar unha maioría social de cambio, desprecen con evasivas e meio-tons  as oportunidades que se lles ofrecen. Unha interpretación, a miña, é que ambos os dous grupos randeeira, a marca Podemos e a súa confluencia vinda a máis, están a entrar na dinámica do que definiu Robert Michels como “a lei de ferro da oligarquía”, o mal de pedra que asexa a todos a partidos-burocracia. Tactismo, cálculo, pragmatismo, xeometría asimétrica, ou como demos queiramos cualificalo, un e outro se reservan para maiores fazañas. Asaltar os ceos. E iso ten un sentido que a razón non entende. De aí, o que lles une e o que os afasta este casting.
Podemos ten de reservarse para a batalla estatal, que é o seu ámbito de acción principal. Non esquezamos que despois do chupinazo das europeas de 2015 renunciou a presentarse coa súa marca na autonómicas e locais por carecer de estrutura organizativa. Unha escusa que evidenciaba o pouco aprezo que os seus dirixentes na altura tiñan para unhas circunscricións que adoitan acaparar cotas reducidas de poder. Iso, e tamén que unha declaración de intencións descarada a favor do 1-O (pódese estar polo dereito a decidir e ocultar a potencialidade do referendo?) impediríalle abrazar un entendemento futuro con Pedro Sánchez para “botar ao PP da Moncloa”. “Somos a Esquerda” xa afirmou por activa e por pasiva que é e seguirá sendo fidel cérbero do artigo dous da Constitución que estabelece “a indisolubel unidade da nación española, patria común e indivisibel de todos os españois”. Teleoloxía versus axioloxía.
Catalunya en Comú é máis discreta na súa prospectiva mas non menos funambulesca. O seu deliberado intento de transitar de “lei a lei”, imitando ao modelo reinante, implica tamén unha declaración de intencións de calibre pesado. Colau sabe que o capital político que atesoura desde a alcaldía de Barcelona é un trampolín de primeira orde para futuras brigas en todo o territorio catalán, e teme que ao sumarse agora ao independentismo belixerante o seu valor de cambio devale no totum revolutum. O que acontece é que esa actitude guinda unha mensaxe verticalista que ofende ao espírito localista-horizontalista que se lle supuña. Considérao unha externalidade (imputación fóra de balanzo xeral) e erosiona o seu ecosistema virtuoso en prol dunha lóxica custo-beneficio. Ao cabo, case o 90% dos concellos apoia o referendo. Blasonar do rango “capitalidade” significa apostar polo tecido burgués e urbano fronte ao máis plebeu e periférico do mundo rural, mas tamén fidelizar por goleada ao maior continxente de posibles votantes. Un cruzamento de lexitimidades resolto nesta aposta concreta a favor do impulso centrípeto.
Porque o que nen Iglesias nen Colau están a ter en conta (ou si, e entón é pior) é que a mesma Constitución que impide garantir o referendo, que en última análise é a base do súa argumentario, só foi votada por un 35% dos cataláns de hoxe, os maiores de idade legal en 1978. Todos, cataláns e charnegos, estamos gobernados por mortos, por unha orde xurídica de ultratumba. Mesmo facendo uso de categorías propias da ecoloxía, pódese dicer que a Constitución vixente non é sustentabel porque non “permite satisfacer as necesidades actuais sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas” (Informe Brundtland Our Common Future, 1987). Falamos, pois, de constitucións ou máis ben de cartas poboas, outorgadas?

A bicicleta estática serve para manterse en forma porén (de momento) o seu pedaleo non vale para acadar a meta. De momento. Suxeitos ao rexime dos think tank que proliferan vestidos de universidades de verán onde case adoita haber máis xefes que indios. Foi precisamente durante a clausura da de Podemos en Cádiz, unha especie de programa La Tuerka nómade e sen cancelas (750 ouvintes e 120 relatores), cando Iglesias profetizou: “se eu fose…”
(Nota. Vergoña allea por milleiros é o que sente ante a grotesca criminalización polos medios de comunicación da protesta popular contra o G-20 en Hamburgo. Onde é aquí a deontoloxía xornalística, tan a flor de pel en profesionais e asociacións cando se trata de queixarse de supostas presións externas ou de demandar solidariedade ante os funestos EREs das empresas? A mobilización pública da parte máis nobre, solidaria, lúcida e comprometida da sociedade civil para denunciar aos señores da guerra e o ecocidio, apresentada pola imprensa e as televisións como unha kale borroka de alta intensidade, é un indicio do acaído “non nos representan” ( nen en política nen  nos media). Que a desobediencia civil non devale, porque, como o sal da vida, se o esquecemos, quen vai dar de volta o seu sabor?

One Comment

  1. Se estamos gobernados por mortos como di este individuo pois o Sempre en Galiza de Castelao xa non vale porque está morto Castelao. O himno galego hai que cambialo porque os autores están mortos. Cedeira xa non é Cedeira porque o que lle puxo o nome está morto e podería chamarse Cariño ou Espasante. É dun ridídiculo importante.
    Para aplicar a lei de ferro das oligarquías primeiro haberá que ser oligarquía.
    Non tedes nada millor que ofrecer?.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off