off
Movementos sociais, Política, Politica espanhola — 8 Xullo, 2017 at 4:47 p.m.

Exterminar os separatistas!

by
Foto: diario.es CC-BY-SA.

Visto desde Madrid, máis Villa y Corte do que nunca, esa parece ser a corneta de rigor. O uivo que Josep Conrad endosaba con teimosía ao negreiro Kurtz, o xefe da explotación de marfil congoleño na ficción de ” No corazón do negror”. Xornalistas, xuristas e políticos, todólogos todos do pensamento único, semellan non admitir outra saída ao conflito catalán que desenbaiñar outra Acoirazada Brunete. A pena Capital (con C maiúscula). E o pior é que, tan fanático e monolítico é o seu pronunciamento, que a parte máis devota da cidadanía está a engolir a bóla. Uns por acción, porque niso lles vai a carteira, e outros por omisión, por non significarse, acreditan e partillan o mesmo que contan vitimario: hai que parar a eses bárbaros secesionistas! Política de xarope de pau e se cadra xenocidio cultural, para xeral escarmento. De acreditar na súa salmodia habería que pensar que os cataláns están abducidos por malvados extraterrestres.

Alomenos iso é o que se tira do escenificado días pasados no evento do diario ABC polos ex presidentes José Luís Rodríguez Zapatero, José María Aznar e Felipe González. O tres tenores, en teórica e mixtificada representación das súas tópicas denominacións de orixe, deixaran claro que o dereito a decidir non é do seu mundo.

En plana sintonía, aínda que cada un co seu exclusivo rexistro, porfiaron un rotundo “non” ao dereito a decidir González enarborando o artigo 155 da Constitución coma se tratase dun tóxico espantallo. Aznar, inspirador a nivel freático do recurso do Partido Popular (PP) ante o Tribunal Constitucional (TC) que deixou o Estatut ao leilao, co mesmo ardor guerreiro que cando cotizaba na Banda dos Açores. E Zapatero no seu actual papel de pía ONG, esquecendo que se non faltase á súa palabra con Maragall e os cataláns, hoxe a rifa da desconexión sería doutro calibre.

Impasibel aceno. Co eterno retrouso de que a autodeterminación pasou de moda. Cousa da época colonial. E afírmano uns “estadistas” que durante os seus respectivos mandatos negaron a maior. Ceuta e Melilla, “cidades autónomas” no norte de África non parecen contar nos seus afagos. Xibraltar moito menos, porque ás veces hai referendos que os carga o diaño. Cando se preguntou aos llanitos se querían a cosoberanía, a abafadora resposta foi “dese cáliz non beberemos”. Por non falarmos da secesión á carta ditada contra o pobo saharauí para entregalo ao seu verdugo marroquí. O seu patriotismo é de tan ínfima calidade como as súas conviccións democráticas. En casa do ferreiro?

O que ocorre é que, como con tantas outras cousas nestes estertores do réxime, os relatores de pompa convidados polo Grupo Vocento ían sobrados. Aínda que algúns o pretendan e eles mesmos o acrediten, o país real está nas antípodas das súas pretensións. Son falcóns de cartón pedra, vasos chineses adquiridos en chiringuitos de todo a cen. De feito, nen Pedro Sánchez, polo primeiro partido da oposición, nin Mariano Rajoy, polo do goberno, secundan as súas cínicas soflamas. Aínda que iso non quer dicer que o tándem de outroro teña unha visión do procés máis aseada. É distinta e distante, mas  igual de cavernaria e maniquea. Ao cabo ambos seguen encarnando ao duopolio dinástico hexemónico, e iso nótase na cínica pose con que pontifican.
O secretario xeral do PSOE enxerga a plurinacionalidade, mais  evita pedir que se active a fondo o artigo da Carta Magna que habilita o referendo para así obter unha imaxe fidel do que autenticamente se apalpa na Catalunya. Ao contrario, Margarita Robles, esa independente da que depende o grupo parlamentario socialista, dita a obediencia debida á legalidade como supremo argumento. A lei por encima da democracia, tal corresponde a unha maxistrada do Tribunal Supremo en comisión de servizo. Niso parécese a Rajoy, outro “xurista en excedencia”, que só ten palabras para cominar á volta ao curro de casa-cuartel do Estado. Fítese o afastado que sente daquel decano do colexio de avogados de Santiago, represaliado polo franquismo por participar na redacción do Estatuto Galego en 1936, o seu avó republicano Enrique Rajoy Leloup.

E con todo, ao boi morto, agárralle o corno . É precisamente Ferraz, en liña con Ciudadanos, quen curiosamente máis está a tensar a soga contra o soberanismo catalanista. A xente de Sánchez acusando de indolencia a Rajoy por “pensar que as cousas se solucionan sen facer nada”, e a tropa de Rivera unindo as súas pregarias á escuadra felipista que esixe cortar polo san caia quen caia. Un belicoso recurso á responsabilidade colectiva que Hans Kelsen consideraba como “un elemento característico da orde xurídica primitiva” (Teoría Pura do Dereito). Os primeiros, porque neste caso a presunta pasividade do presidente do goberno supón un involuntario aceno de prudencia e siso, fronte a tanto hooligan patibulario. E os últimos, porque activar o artigo 155 da C.E. (con certeza,  un decreto de Estado de Excepción daquela maneira) implica penalizar a todos e a todas os cataláns e as catalás, sexan ou non activistas. Botar gasolina ao lume e dinamitar as pontes.

Algo do que o noso home na Moncloa  percebe. Como indica o feito de que se optou polo sucedáneo dun arsenal de sancións que, a máis diso as consecuencias penais, procura facer diana sobre o patrimonio como medio de disuasión. Mas tamén, Rajoy nunca deixou de “intervir” no contencioso. Só que o fixo clandestinamente, guindando a pedra e agochando a man. A través desa brigada político-social dos Villarejo boys que desembarcou en terras catalás a gastos pagos para revirar os negocios ocultos do “clan Pujol”. Práctica que, como lle ocorreu a González cos GAL,  acabou cobrando o seu prezo ao forzar que a antiga CiU tivese que escoller entre morrer e perder a vida. Eliminada Unió, rota Converxencia, o PdeCat residual non é somente o paradoxal estribo que servirá para que os de ERC faceren pleno nas eleccións constituíntes en que inevitabelmente desembocará o día despois do 1-O.

Corenta anos de transición democrática non dan para máis que reinventar a Inquisición? Exterminar os herexes!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off