off
Cedeira, Infraestructuras e Comunicacións, Política local — 7 Xullo, 2017 at 6:39 a.m.

A Deputación presenta o proxecto da variante das Pontigas

by

A Deputación da Coruña presentou no Concello de Cedeira o proxecto de variante das Pontigas para mellorar a seguranza viaria A obra costará  732.000 euros . O alcalde reclama á Xunta que pola súa banda invista na estrada que une Cedeira e Valdoviño


[Pingota Comunicación] O presidente e os técnicos da Deputación Provincial acudiron esta mañá a Cedeira para facer a presentación oficial no Concello do proxecto da Variante de Pontigas, unha obra na que se investirán preto de 732.000 euros para reforzar a seguridade viaria e peonil nesta zona. A iniciativa será apresentada tamén directamente aos veciños polo propio equipo autor do proxecto; o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o goberno local nunha convocatoria que se espera realizar nos vindeiros 15 días. Trátase dun proxecto complexo, en palabras do alcalde, Pablo Moreda, que ten como finalidade desconxestionar o núcleo das Pontigas, favorecer o tránsito e mellorar a seguridade. González Formoso destacou na súa intervención que desde que o actual goberno chegou á Deputación comprometéronse con Cedeira 4.400.000 euros de inversión, unha cifra que cualificou de “histórica”. Desta cantidade, arredor de 2.600.000 euros correspóndense con plans e xubvencións, e o resto son inversións na estrada 2205 e na Variante presentada onte. “Se vai garantir a seguridade e para nós iso é unha prioridade”, apuntou, para engadir que a este cartos haberá que sumar “o que veña a partir de agora”.

Moreda agradeceu a colaboración da Deputación, especialmente neste novo proxecto “que aúna o esforzo do grupo de goberno, xa que estamos convencidos de que é unha oportunidade única”. Adiantou tamén que por parte do Concello, e coa colaboración do Plan Único provincial, está previsto levar a cabo o saneamento desta zona, coa construción dunha depuradora biolóxica. O alcalde aproveitou a oportunidade para lamentar que a Xunta “non mire a Cedeira coa mesma ansia que a Deputación e nos teña esquecidos” e para reclamar unha actuación da Administración autonómica na AC-566 entre a vila e Valdoviño, que considera fundamental para o desenvolvemento de Cedeira. Nesta liña pediu que a Xunta elabore un Plan Único de axudas aos Concellos similar ao que ten en marcha a institución provincial.

Características

A intervención nas Pontigas, segundo explicaron os técnicos, desenvolverase ao longo de case 1,5 kilómetros, dotando ao vial dun largo de nove metros, sete de calzada e dous de beiravías (un metro por cada lado). Na actualidade, esta zona presenta un trazado sinuoso que se pretende corrixir. Así, aproveitarase o vial municipal existente perto do río para crear unha nova estrutura sobre o regato das Pontigas e unha nova intersección en dirección a San Andrés de Teixido, xa que hoxe en día hai un importante tráfico de autobuses cara a este destino turístico e aos miradoiros dos cantís. Coa nova actuación evitarase pasar polo núcleo das Pontigas e o novo vial permitirá unha maior visibilidade e, polo tanto, seguridade. Aínda que na intervención utilizarase un rego asfáltico superficial, no futuro podería dotarse de aglomerado en función das necesidades derivadas do tráfico que rexistre a Variante. O prazo de execución é de dez meses.

 

Investimento

A obra, que foi aprobada no pleno da Deputación do 30 de xuño, comporta unha inversión de 607.086,65 euros, aos que se engaden outros 124.000 para expropiar 16.000 metros cadrados de monte, prado e labradío propiedade de medio centenar de veciños, aínda que tamén hai terreos municipais. O presidente provincial pediu a colaboración dos veciños e tamén paciencia coas molestias que provocarán as obras. Na presentación de onte estiveron presentes os membros do grupo de goberno municipal (BNG, Anova e PsG-PSOE)  e o exalcalde da vila Xosé Luis Vergara (PsG-PSOE).


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off