off
Galiza, Opinião, Política, Politica espanhola — 5 Xullo, 2017 at 12:30 p.m.

Indiferenza e fracaso de España

by
“Que é Ilustración? [...] 
"a incapacidade de servirse do pròprio siso sen a axuda de outro[..] 
É tan cómodo ser menor de idade!”
Kant (1784)

 

O aniversario das eleccións do 15 de xuño de 1977  volveu servir para amosar como o Estado español perde, unha após outra, a oportunidade de revisar e afondar na comprensión dunha época cuxo relato da Transición  é o único alicerce da monarquía parlamentar ainda vixente. Os que non vivimos  a época porque éramos nenos fumos medrando baixo o esmagador trunfo de quen herdou o poder absoluto do ditador en 1975 de brazo dado da dereita franquista, de Felipez González e de Carrillo. A máis da non legalización de todas as organizacións políticas, Galiza non foi recoñecida porque non se recoñecia: a indeferenza dos galegos perante un  Estatuto validado por quen non tiña lexitimidade democrática, a exclusión e represión do nacionalismo, a traída dos restos de Castelao no 84,  a falacia da reconciliación entre vítimas e verdugos…. Porque agás Euskadi e Catalunya (Tarradellas), perdéranse os vincallos coas institucións da república. A construción do mito do consenso da Transición, que funciona como límite fundacional, vén de ser recreado a vontade sen voces houber que despois de 40 anos aproveitaran a conmemoración para clamar polas vítimas da alargada represión franquista e posfranquista. Para desconstruir a chamada “vontade de reconciliación” no que tivo de transacción de comenencias  de perpetuación e violencias várias. Porque a leria da súa fasquía incruenta asimilouse só por medo a unha guerra civil. O medo foi o alicerce da reconciliación sectaria e parcial da Transición.O mesmo medo que permitiu a carceleiros e verdugos camiñar de brazo dado pola rúa, desde os cincoenta até hoxe. Xuizos sumarísimos moitos anos despois da guerra. Medo a falar, porque senón todo se sabe, dicía a miña avoa.

“Antes que España, rachará Cataluña” afirmaba Aznar nun foro organizado por Vocento (Europa Press) acompañado de Felipe González e Zapatero nun suposto debate sobre o referendo catalán. Un trío de “reformistas convencidos” de que unha nación se decreta por lei (repásese a hemeroteca para  enxergar quen quixo dividir Cataluña coa campaña anti-Estatut hai 10 anos). Eís máis un significativo  exemplo de como os tres cotenos de Estado,  creadores de imaxes e “profesionais da resolución de problemas”, de quen estando no segredo da maquinaria gubernamental e empresarial,  só nos ofrecen máis pistas das súas cualidades morais antes de teren completado as súas memorias e un unitario e único recetario: como cargarse a vontade dos cataláns substanciada no referendo e no dereito de autodeterminación. Unha manifestación, até un grau bastante aterradora (ningún dos tres enxergou o problema como tal) de quen acredita que a política non é máis que unha variante do poder xudicial (só cando convén, mádia leva!porque os obxectivos poden ser modificados de maneira continua). Unha sorprendente lealdade á realidade dada, de aí a súa tentación a tomar posesión tamén do pasado, que a súa realidade encaixe no encofrado e así desprenderse da desconcertante continxencia da realidade catalá. Porén, non abonda co poder xudicial para desembarazarse do proceso de ruptura democrática a desenvolverse na Cataluña. Porque para esvair deste mundo un feito non abonda con que os leitores de La Voz,  ABC ou  El País, mais tamén dos vocentos El semanal,  El Norte de Castilla Castilla y León ou La verdad de Murcia acrediten na construción do relato que afirma que pór as urnas  para un referendo é un “delirio autoritario”.  E que non sexa autoritario, porén, invocar as forzas armadas contra quen quere votar. Cando o autoritario é non deixar pór as urnas.  Foi a Cospedal quen  profetizou aquilo do “ No hay nada que objetar a Rodrigo Rato”, “ La amnistía fiscal es buena para los ciudadanos” ou “Somos un partido incompatible con la corrupción”. Como é que ainda nos sorprende que haxa quen denuncia todo aquilo que  sen vergoña nen rubor practica? Eís, precisamente, parte do problema. Neste momento, como alguén mínimamente informado pode acreditar que o problema de España é o dunha poboación demócrata que só reclama poder decidir polas urnas? Quen pode recoñecer no  Madrid avantaxista e autoritario unha capital? E non será esta a outra parte do problema?

Lendo artigos, escoitando discursos cuxa linguaxe inicialmente ambigua  se vai integrando cos medios cada vez máis nídios que o Estado emprega para cargarse o dereitos dos cataláns a decidir democráticamente o seu futuro, é fácil tirar a conclusión de que o medo continua cotizando  á alza. Que fracaso o de España como proxecto colectivo cando perante a lexitimidade democrática da recén apresentada lei do referendo catalán, para asegurar a súa superviviencia, teima en facelo mais unha vez ameazando co exército!  Se a nación é resolución tomada por todo un pobo a diario,  o chamado da ministra Cospedal ao exército implica que España xa perdeu. Sabedores de que no eido político a vontade de que Cataluña poida determinar pacíficamente o seu futuro non se pode borrar, trátase agora de guindar lérias e infundados atributos autoritarios ou como Cospedal convencer aos cataláns de que non poden gañar. Acontece que con estes “argumentos” dificilmente van convencer a un pobo que perdeu o medo e que está á altura do seu desexo. Talvez por iso cómpre non enganarse. No estado español non se escenificaron procesos de reconciliación ao modo dos sudafricanos.

Talvez por iso convén lembrarmos as palabras de Tocqueville que completan as de Kant: ” Enxergo claramente que cando as persoas son mal gobernadas, espontaneamente senten o desexo de se gobernar a si mesmas. […] Que odien a xente que naceu para ser libre é o mesmo mal da dependencia”. Considerada o autor de “A democracia na América”  que “algunhas persoas procuran con teimosía a liberdade a través de todo tipo de perigos e miserias. Non a queren, porén, polos bens materiais que achega  mais como un ben en si precioso e necesario que ningún outro podería consola-los da a súa perda. “

One Comment

  1. O límite fundacional foi o 23-F. Limitaron con medo. Como se fai sempre.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off