off
Cultura, Galiza — 21 Xuño, 2017 at 7:27 a.m.

XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en Combarro-Poio

by

O Mar Punto de Encontro é o lema  do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que entre os vindeiros 29 de xuño e 2 de xullo se celebrará  en Combarro-Poio.


O Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galicia, é unha das manifestacións da cultura marítima máis importantes das que se celebran na península Ibérica e, sen dúbida, a máis masiva polo número de embarcacións e tripulantes que participan. Porén, ten carácter internacional, pois amais de representacións do País Vasco e de Cataluña e outros territorios do Mediterráneo, é constante nas últimas edicións a asistencia de delegacións doutros países europeos (Francia, Escocia, Irlanda, Inglaterra ou Croacia), sobre todo de Portugal, fundamentalmente do norte do país veciño, cos que hai  relación permanente e de onde  proceden algunhas das asociacións integradas na Federación de noso.

O Encontro basicamente consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais, arredor de 150, que se exhibirán para desfrute do público visitante no porto de Combarro e desenvolverán navegacións de mañá e tarde pola ría de Pontevedra. Ao mesmo tempo, nos espazos portuarios e nas prazas públicas da vila desenvolveranse diversas actividades culturais e de ocio dirixidas aos propios participantes e, sobre todo, á veciñanza e aos milleiros de visitantes: exposicións, obradoiros, mostras artísticas diversas e de artesanía, gastronomía, actuacións musicais etc. Estas actividades, que xiran maiormente arredor do patrimonio marítimo e a cultura mariñeira, están pensadas para un público de calquera idade e condición, salientando neste sentido os programas dirixidos ás persoas con discapacidades físicas e intelectuais, así como o Encontro Infantil, adicado especialmente á infancia.

Coa organización do evento corre un amplo comité organizador encabezado pola entidade titular do Encontro, Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a asociación local Clube Mariño A Reiboa e o Concello de Poio, no que se integran numerosas asociacións, entidades e persoas, fundamentalmente de Poio e da comarca. O patrocinio corresponde á Administración pública (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Poio), neste caso xa concertado, e ás empresas que decidan achegar a súa colaboración.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off