off
Cedeira, Galiza, Meio ambiente — 9 Xuño, 2017 at 6:40 a.m.

O concello de Cedeira pide a Costas que non altere os contidos do acordo que tiña para a rexeneración da Madalena

by

O Goberno de Cedeira afirma agora que “non foi informado do inicio destas obras” e que ten a ver máis coa seguridade dos usuarios da praia que coa reposición de area. Porén, para alén dos xestos, non se entende que duas pás foran abrindo paso polo medio da duna, trazando unha corredoira tras do parapeito e deitando area diante das travesas. 


Foto: Xosé Cheda

[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira pide á Demarcación de Costas que cumpra o guion e non realice máis actuacións na praia da Madalena ata a elaboración do estudo de impacto ambiental, segundo o acordo alcanzado entre ambas as dúas partes. A aparición esta semana de máquinas no areal para tapar a armazón de madeira que os temporais deixaron ao descuberto xenerou preocupación e alarma entre os responsables municipais por non estar apercibidos da intervención.

“O Concello non foi informado do inicio destas obras”, asegurou o alcalde, Pablo Moreda Gil, que tamén aclarou que se trata dunha actuación que ten máis que ver coa seguridade dos usuarios da praia que coa reposición de area. Sinalou que consiste en tapar ocos entre a citada parede de madeira e o areal a fin de evitar posibles caídas. O alcalde manifestou que o Concello, xunto a Plataforma en Defensa da Ría, manterase expectante con respecto ao cumprimento dos acordos alcanzados coa Demarcación de Costas en Galicia e, neste sentido, recordou a reciente aprobación dos orzamentos xenerais do Estado, que permitirá levar a cabo as actuacións. Na reunión que o alcalde, Pablo Moreda Gil, e máis o concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal, mantiveron en abril co xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, apuntouse que os pregos do estudo de impacto ambiental e máis do proxecto construtivo para a rexeneración ambiental do areal xa foran enviados ao Ministerio de Medio Ambiente e que a aprobación das contas do Estado era o único atranco para quedaba para execución dos contidos. Como dato relevante, Eimil tamén apuntara que as actuacións previstas para Cedeira superan en 133.000 euros os traballos realizados para mitigar os problemas da ría do Burgo, na Coruña.

Comunicados e feitos consumados

A mensaxe  da Demarcación de Costas dificilmente podia ser máis clara. Unilateralidade que lexitima a falta de boas razóns e feitos, a base de euros prometidos, pseudoacondicionamentos para a o verán e  competencias exclusivas, fortemente centralizadas do Estado. A mensaxe envíase indiscriminadamente: tanto aos de arriba como aos de abaixo da cadea. A secuencia do acontecido é a de sempre: o método explícito que se utiliza para producir este efecto é o de menosprezar e devaluar precisamente aquilo que se di querer preservar. A secuencia de emisión de comunicados a feitos consumados vólvese rutina. Contodo, o que se precisa é outro xeito de fitar as cousas para trazar novo guión. Precisamos desentoxicarnos de pensamento industrial, a maquinaria pesada que sirve para facer moitas cousas mas non sirve para todo. Edúcase coas mans e co lombo.

Negocio medioambiental

Coas pás no alto da duna chimpando area para baixo de xeito indiscriminado, alegando agora a “seguridade” de cara ao verán. É a mesma mensaxe que aposta por unha economía do engano (Zygmunt Bauman) e pola irracionalidade dos consumidores ao ditado da turistificación e do consumo, non por cálculos razonados, ben informados e fundamentados; pola práctica de acordar emocións consumistas que deben ser convenientemente fornecidas sen adiamento coa premura dun horizonte estival asollado que non admite frustración nen demora xa que consiste en satisfacer todo desexo aquí e agora. Asisar non é reducir o medio ambiente a un uso consumista de verán para logo esquecerse todo o ano (iso sería como matar o tempo no Ikea ou no Zara mercando roupa no canto de lanzar os trebellos que nos sobran).

O imenso baleiro entre a promesa e o que se acaba ofrecendo é a hipocresia dun modus operandi alicerzado na rutura sistemática de promesas anteriores. De aí tamén o uso de promesas exaxeradas como o apelo a que as intervención previstas en Cedeira superan en 133.000 euros as do Burgo. Isto é así porque a Demarcación de Costa tornouse  unha empresa especializada   no “negocio medioambiental”  e coas súas campañas de marqueting, que para manter en funcionamento  o sistema de intervención clientelar-consumista, debe reinventar continuamente o seu producto, real ou xenerado artificialmente, a cada tempada; porén, estamos chegando ao límite natural do servizo de excisión, extirparción e eliminación para acondicionamento do corpo da beira-mar. No inverno,  como se se tratar de calquera producto de consumo, irá parar ao lixo. Ao entusiasmo estival seguirá o esquecimento da invernía. Mas o  renovado afán de mera adquisición e posesión do medio (da praia e da ria) como mercadoria  implicará acumular problemas de cara o futuro.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off