off
Cedeira, Medio ambiente, Natureza — 7 Xuño, 2017 at 09:24

O Concello de Cedeira incumpre o que asumía como “esencial” non tocar a duna actual

por Editorial

Consideraba esencial evitar a manipulación da duna actual  para evitar a perda de fracción de area orixinal de calidade, tal e como ainda aparece reflectido no seu web. O incumprimento de Concello  e Demarcación de Costas devólvenos ás vellas políticas de cosmética medioambiental


Xuño trouxo, unha vez máis, o acondicionamento da praia da Madalena…Vaia termo máis empolado o de “acondicionar”, cando se trata de embalar a praia en papel de celofán para consumo estival. Acontece que acondicionar, a máis de embalar e adubar, tamén tén a acepción de preservar de danos.  Levase remoido tanto e con tanta compracencia estival que xa nin reparamos no que iso significa. E haberá quen  amitando o fraco ánimo do concelleiro de medioambiente Camilo Casal, a pibela comunicadora de Moreda e man executora de Ramil, saloucando diga para adentro,  “que sorte!”.

Hase de ver. Só hai unha cousa que, no noso modesto entender, escorrega a esta lacónica resposta: a presenza ben palpabel do azar. Do ir facendo, de parte a parte. Acontece que en relación ao azar si que podemos afirmar “xa o veremos”. Porén, non, aquí o azar fai parte, por definición ineluctabel, dun proceso de degradación inédito, falto de estudos científicos integrais que permitan, cando menos, encadrar o problema. Só sabemos que as receitas previas de dragado de áridos, entullado e construción artificial do noiro só serviron para agravar o problema a costa de desbaldar recursos, creando a base  intervencións  non avaliadas a completa e total artificialización da praia da Madalena, o que xustificaría a posteriori calquera intervención arbitraria porque xa non tería sentido facer un estudo de impacto ambiental.

O Concello de Cedeira  incumpre por acción ou omisión o acordado  chimpando area diante do parapeito de travesas, contradecindo o que ainda  se lé no seu web (http://cedeira.gal/costas-xa-enviou-a-madrid-os-pregos-do-estudio-ambiental-e-do-proxecto-construtivo-para-a-rexeneracion-ambiental-da-madalena/), acomodando a praia para o turismo cando foi a propia administración local quen asumiu “esencial” non mexer na duna actual: “A plataforma considera tamén esencial evitar a manipulación da duna actual para evitar a perda da fracción boa da area orixinal que aínda queda na praia, alomenos mentres non se dispoña do proxecto construtivo conforme ao estudo de impacto ambiental preceptivo”

A compoñente artificial da Madalena derívase en grande parte da inxente cantidade de area deitada na década pasada. Así, a gran parede de area ou noiro actual non é máis que o resto do recheo onde o mar non chega, agás en fenómenos meteorolóxicos extremos. A duna ten estratos que non son de area, senón de refugallos da construción, pelouros, ferros, plásticos, lixo e entullos varios, sobre todo perto da volta. Por isto, non ten sentido seguir poñendo ao acceso do mar a area de boa calidade do alto da duna, xa que iría desaparecendo coas mareas. A Demarcación de Costas, malia o alto custo das intervencions realizadas, negouse a implementar medidas preventivas que paliaran os efectos dos temporais durante o inverno.

Porén, malia a urxencia de dispor un proxecto construtivo que sirva de referencia para estudar o seu impacto e alternativas e que permita optar por un proxecto que teña en conta estes aspectos, continúanse implementando as chamadas medidas de “acondicionamento” estival. Máis do mesmo.

Resulta decepcionante a falta de convicción amosada pola concelleria de medioambiente e en xeral por este goberno logo das expectativas xeradas, para exixir que se acometan, sen máis desculpas nen adiamentos, o Estudo Ambiental Completo da Praia e Ría de Cedeira, comprometido polo Director Xeral de Costas de Galicia, Rafael Eimil, o 12 de agosto de 2016.

Obsceno incumprimento do acordado entre o Concello e Demarcación, nomeadamente que  non se podía tocar nada da duna para preservar a area de calidade, non se está a respeitar. Por iso resulta preocupante a deriva dun goberno que após procurar o apoio de Confraría e de Somos Cedeira (que acabou por se desmarcar perante a falta de compromiso dunha administración que procuraba lexitimar así as súas actuacións) para a constitución da “Plataforma para a defensa da praia e ria de Cedeira”, acaben facendo o de sempre: fraca política medioambiental e de esquerdas. Co efecto colateral de ter desmobilizado á cidadanía que confiadamente acreditara nos compromisos acadados. Alén diso, após varias reunións entre os axentes implicados é inadmisibel que esta actuación, con maquinaria pesada no alto da duna deitando area diante do parapeito, se teña levado a cabo sen previa comunicación ao Concello de Cedeira.

Estudo Ambiental

Precisamente porque estamos en mans da continxencia os axentes políticos responsabeis deberían ser mais cautos e asisados á hora de considerar a repetición das mesmas actuacións que o tempo demostrou seren ineficaces e até contraproducentes.  O que leva a afirmarmos:

  • Que se acometa, sen máis desculpas nin adiamentos, o Estudo Ambiental completo da praia e ría de Cedeira, comprometido polo Director Xeral de Costas de Galicia, Rafael Eimil, o 12 de agosto de 2016.
  • Que, entanto non se desenvolve o estudo,  non se fagan intervencións de ningún tipo na praia, agás daquelas orientadas á seguridade cidadá (sinalización preventiva ou medidas puntuais necesarias).
Proxecto Construtivo

Precísase a elaboración dun Estudo Construtivo que sería obxecto de avaliación de impacto ambiental, tendo en conta os seguintes aspectos:

  • Deberá incluir a restauración ambiental completa da praia e areal, dende abeira ata o paseo marítimo.
  • Só é posible a rexeneración natural e saneamento da praia se se fai integramente, tamén onde non se ve, baixo a superficie: é polo tanto imprescindibel acometer  a peneira do material que se usou no recheo, conmaquinaria axeitada.
  • O cumprimento da medida anterior permitirá a retirada da maior parte do lixo e entullos, recuperando en gran medida a calidade orixinal da natureza e granulometría de area, previa aos recheos.
  • A actuación anterior provocará unha notable reducción de volume actual. Por esta razón, non se pode manipular a duna mentres non se dispoña do proxecto construtivo que supere o estudo de impacto ambiental preceptivo.
  • Finalmente faríase a reconfiguración do perfil e superficie da praia,aprendendo dos erros recentes:

-Non deitar area onde a forza do mar aínda é que de levala.

– Adecuar o perfil e planta da praia no supralitoral ao que tiña previamente aos recheos.

-Replantar con flora autóctona propia dos diferentes niveis.

-Revisar a correcta erradicación das plantas exóticas invasoras.

Somos coñecedores de que é un entorno dinámico onde non existen solucións definitivas, pero si amortecedoras a tanto máis longo prazo canto mellor acaídas sexan. A medidas anteriores propóñense sen perxuízo das actuacións que, como resultado dos estudos de dinámica litoral, se aconsellen para o dominio marítimo.

 

Para saber máis:

Costas enviou a Madrid os pregos do estudo ambiental e do proxecto construtivo para a rexeneración ambiental da Madalena

ADEGA e SomosCedeira deixarán de participar na Plataforma en defensa da Ría de Cedeira

Praia da Madalena:pensar amodo, actuar axiña[2]

Adega e Somos Cedeira convocan o día 17 unha concentración reivindicativa baixo o lema “Salvemos a praia de Madalena”

Costas accede a tramitar a redación do estudo de impacto ambiental

Somos Cedeira e ADEGA exixen constancia escrita do compromiso de Costas coa avaliación ambiental da Madalena

O Concello impulsará a creación dunha plataforma en defensa da ría

Costa pretende levantar area da duna alta

A praia da Madalena e a centrifugación da esquerda

A praia da Madalena non ten quen a queira

O BNG de Cedeira pide unha intervención de contención na praia da Madalena

O Concello emite comunicado en nome da Plataforma da Ría pedindolle a Costas que detalle as obras a executar na praia

Un manifesto en defensa da calidade da auga, do rio Condomiñas, da praia da Madalena e da ria de Cedeira

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: