off
Cedeira, Galiza, Historia — 1 Xuño, 2017 at 12:59

Xeración Perdida, o proxecto que pescuda os alcaldes e concelleiros que sufriron a represión franquista

por Redacción

Un proxecto que naceu co alvo de alargar o coñecemento existente sobre os concellos da provincia da Coruña na fase final da II República; retratar a vida política dos concellos coruñeses na última etapa do período republicano; e recuperar a memoria das corporacións democráticas derrocadas polo golpe militar de 1936


Fonte: Xeración Perdida. Deputación da Coruña

O pasado mércores presentouse o proxecto de investigación “Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña”, impulsado pola Deputación  coruñesa e levado a cabo polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío. Os primeiros resultados desta investigación, en cifras e mapas, pódense consultar na base de datos  na seguinte ligazón:  https://www.dicoruna.es/deputacion/xeracion-perdida/

Un total de 300 nomes compoñen a base de datos de concelleiros e alcaldes represaliados nos concellos da Coruña que a Deputación publica despois dunha investigación que botará luz sobre as corporacións democráticas anteriores a 1936. A vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, e o director do proxecto, Emilio Grandío, fixeron pública a primeira listaxe dunha investigación pioneira.

“O traballo completarase coa listaxe de 2.500 persoas xa identificadas que formaban partes das corporacións republicanas, as fontes coas que se traballou, un repertorio de bibliografía local e unha listaxe de investigadores para que se afonde e se saiba o que existe”, explicou Emilio Grandío que engadiu que o proxecto incorporará tamén fotografías de representantes públicos das corporacións republicanas nun arquivo para o que se recompilaron xa 150 imaxes.

 

A presidenta da Deputación chama aos concellos a  que lembren

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou a primeira fase do proxecto “Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña” que naceu despois da homenaxe ás corporacións democráticas que se desenvolveu o pasado mes de xullo. A vicepresidenta da Deputación destacou que o proxecto “Xeración Perdida” se convertese nunha “importante ferramenta que se pon a disposición dos concellos para que poidan facer homenaxes e restituír a memoria de quen nos precedeu nas corporacións municipais que merecen ser lembrados e recoñecidos despois de décadas de silencio”. A base de datos desvela os nomes de cargos institucionais maiormente anónimos que se completará, ao final do proxecto, coa reconstrución completa das persoas que compuñan as corporacións municipais anteriores a 1936. “A conclusión, a día de hoxe, é que a represión quixo decapitar as ideas máis avanzadas, as biografías máis modernas e as persoas implicadas na creación dun mundo mellor e máis igualitario”, engadiu Goretti Sanmartín.

O investigador Emilio Grandío destacou o carácter “pioneiro” da Deputación da Coruña á hora de desvelar a historia da represión nos concellos da provincia e anunciou tamén unha segunda fase da investigación que se completará coa achega da xente á que se lle pide colaboración a través do correo electrónico: xeracionperdida@dacoruna.gal

 

Ao mellor tamén che interesa

Nomes e voces teñen as vítimas da represión franquista en Cedeira

Cedeira rescata do esquecemento ás vítimas do terror franquista

Cedeira rescata do esquecemento ás vítimas do terror franquista

O goberno de Cedeira rende a primeira homenaxe aos represaliados polo franquismo

Non lavarse as maos

A ONU teima, os crimes franquistas hai que xulgalos

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: