off
Galiza, Movementos sociais, Política — 31 Maio, 2017 at 09:00

A policia despexa e fecha o CSO Escarnio e Maldizer e acaba cargando contra os manifestantes

por Redacción

O episodio do centro social de Escarnio e Maldizer de Compostela coincide coa citación de Rajoy a declarar en persoa como testemuño da Gurtel , a ocultación de Moix, fiscal anticorrupción, da súa participación nunha empresa de Panamá, e con “Compostela Aberta” gobernando o concello da capital de Galiza


Malia non haber ninguén no interior a policia entraba no edificio situado na rua Algalia (antiga sede de Cantigas e Agarismos) para facer efectiva a orde xudicial. A presenza policial levou a que en pouco tempo se reuniran na contorna un grupo de persoas que foron recebidas polos antidisturbios, retendo e sancionando a dúasNo entanto, os operarios entixolaban os accesos ao caserón-sede do centro social. “Un desaloxo, outra ocupación” foran as palabas do grupo de persoas alí concentradas.

Coincidiu que esta noite tamén foi depexada sen incidentes, en cumprimento dunha orde xudicial, a antiga fábrica Can Sanpere de Premià de Mar (Barcelona) propiedade de Núñez y Navarro e  ocupada dende hai catro anos por vinte entidades locais. A comezos de maio, 200 persoas concentráranse ás portas da fábrica nun protesto da Plataforma del Centre Social Autogestionat Sanpere conseguindo adiar o despoxo até hoxe. Porén, hai agora tres anos celebráse unha consulta popular para decidir o futuro do equipmaento que determinou que o 8% dos veciños querían que o concello a expropiara para adicala a zonas verdes e outros equipamentos sociais.

O movimento okupa adoita ser noticia cando hai un desaloxo e cando a polícia carga  sen constranximento contra as persoas, estén dentro ou, como aconteceu neste caso, manifestándose fora, na rúa. O episodio do centro social de Escarnio e Maldizer coincide co goberno municipal de Compostela Aberta gobernando na capital, coa citación de Rajoy a declarar en persoa como testemuño da Gurtel  e coa ocultación de Moixa, fiscal anticorrupción, da súa participación nunha empresa de Panamá. O despexo e as cargas policiais teñen os atributos de seren un antiacontecimento, unha contraprogramación para sair na información de Galicia antes da metereolóxica, un fitade-atentamente-o-péndulo. Quer dicer, erosionemos mais unha vez a democracia e a súa parenta a solución dialogada de conflictos e de paso tamén lixarmos a credibilidade para mediar conflitos do municipalismo do que fan bandeira as confluencias e as organizacións autóctonas que ficarán así asociadas aos okupas e á desmesura. Porén, tamén sirve para visibilizarmos o acelerado proceso de xentrificación do centro histórico da capital do país.

Os casos de corrupción sistémica do goberno Rajoy e o caso Moix (por citarmos só o último),  e un goberno municipal de esquerda, é unha tripla coincidencia que fai que os partidos conservadores e os medios afíns tendan a magnificar o acontecido. Porque o alvo é facer cribel incribel percepción de que Compostela e por extensión a esquerda nacionalista galega, nas dúas diferentes concreccións municipais, é algo perigoso e sen control, para reforzar o discurso que alí onde gobernan medra a incerteza e o volubel. Hai quen non atura que os movimentos sociais que non fan parte do clube de amigos, teñan poder. Velaí que este centro cívico contribuiu a facer tecido social e barrio onde só había abandono, monumentalidade e turismo. O que chama a atención é que o alcalde non tivera mecanismos de interlocución. A entrada nas institucións xera a própria negatividade.

Comunicados

Nun comunicado de Compostela Aberta, organización que goberna no concello da capital de Galiza, rexeitou o desaloxo por entender que “non é o xeito adecuado de proceder por parte das institucións públicas”, indicando que o CSOA “non presenta ningún problema nin de convivencia nin de seguridade. Ben ao contrario”. Segundo a formación do alcalde Martiño Noriega o centro cívico «non presenta ningún problema nin de convivencia nin de seguridade» recoñece as «manifestacións culturais de iniciativa popular, como é o caso dos centros sociais ocupados, que optan por funcionar à marxe das institucións».

BNG de Compostela acha “desproporcionada” a actuación das forzas de seguridade. Reclaman, ademais, o uso público do local de Cantigas e Agarimos que, dende 2011, quedara sen utilizarse “pese á necesidade dun espazo para organizar actividades socioculturais nesta área”, informa Sermos Galiza.

Escarnio e Maldizer

Un edificio que tiña uso cultural e levaba unha década abandonado. O centro cívico Escarnio e Maldizer é “um espaço autónomo e antiautoritário para umha Compostela rebelde e combativa.Desde o ano 2011 o antigo local da agrupaçom de baile e canto tradicional Cantigas e Agarimos, situado na Algália de Riba, permaneceu fechado. Um grupo de pessoas da cidade reabriu este espaço para enchê-lo de vida e convertê-lo num centro social da gente numha zona velha de Compostela deixada a lógica da produtividade, afastada das vizinhas e pensada para o turista. O estado deste edifício antes de ser ocupado era de total despreocupaçom por parte das proprietárias, unha construtora, o qual deu pé ao seu contínuo e implacável deterioraçom Por isto desde o primeiro momento venhem-se realizando trabalhos de restauraçom e limpeza para recuperar um espaço que nalgum tempo foi um importante foco da vida cultural do bairro, e da cidade, e que a especulaçom e a despreocupaçom polo património histórico e cultural levárom ao abandono”….”O espaço foi ocupado pondo em causa a propriedade privada e a gestom miserável e ruinosa levada a cabo polo Capital, dando pé a gente que tivera algumha iniciativa sem passar pola mediaçom do dinheiro e o lucro pessoal, tecendo laços de solidariedade e cumplicidade” informan no seu web.

 

Expulsión do distinto

Vella é a xenealoxia dos movimentos que reivindicaran, antes cos okupas, os bens comúns e o ideal comunitario, replantexando así o uso e a propiedade dos predios abandonados. Sen dúbida, os novos contextos sociais, políticos e represivos balizan as estratexias dun movimento polimorfo nas súas conviccións e estratexias,  xunguindo as máis das veces, unha grande diversidade programática e ideolóxica.Ao cabo, diversas son as linaxes, a experiencia e a historia dos proxectos de transformación social que coñecemos no século XX.

A reivindicación dun modelo comunitarista de vivenda, de autoxestión e de apropiación colectiva  teñen sido unha vella teima da sociedade occidental, malia ter nas súas raiceiras exemplos de abondo onde se espellar: desde as primeiras comunidades rurais até a células dos primeiros cristianos son precedentes que alicerzan as primeiras revoltas labregas que houbo na Idade Media e que se visualizaran como toma e ocupación de castelos, terras e casas e a instauración de consellos asemblearios de goberno. Velaí o Priscilianismo, as revoltas Irmandiñas ou o dereito xermánico como senlleiros casos de heterodoxia. Herexes de toda caste, a Reforma protestante, os anabaptistas, entre outros, conforman exemplos de ocupación e administración comunitaria. Eís a guerra dos labregos na Alemaña,os chamados profetas de Zwickau ou os diggers que no séxulo XVII loitaran na guerra civil inglesa para constituir un comunitarismo de pequenas núcleos agrarios. Porén, é ben coñecido que a formulación dos principios comunalistas xurdiran  no albor da Revolución Francesa de brazo dado de Saint-Simon ou Morelly, pasando por François-Noël Babeuf e  a Conspiración dos Iguais, no cooperativismo seminal de Fourier ou nas sociedades secretas de Filippo Buonarroti. Na América, os mennonitas, os cuáqueros e os rappitas.

A tradición anarquista tamén ten fasquía galega para alén do imaxinario do mán-común e do comunitarismo agrario-pastoril (eiras de mallar comunais, a veceira, as augas, entre outras formas de propiedade comunal,etc). Ao cabo,  o marcado carácter veciñal e familiar das formas tradicionais de organización da produción agrícola en Galiza debulla unha tradición consuetudinaria de aproveitamentos ou prácticas comunitarias en man común. A apropriación colectiva da propiedade privada e a proposta dunha vida comunitaria aparecen formulados en Proudhon, Marx ou Bakunin, entre outros (Bellamy, Morris, …e no galego Ricardo Mella), mas no noso tempo e na Europa considérase que o movimento comunalista naceu no Reino Unido coa ocupación das casas baleira despois dos bombardeos nazis. Chamaronse squatters, e pasaron ao continente. Alén dos referentes consetudinarios e das balizas anarquistas e marxistas, a cuestión alicerza en se o que temos en mente é a emancipación colectiva, a liberdade xeral e a igualdade en todos os eidos da vida, continua sendo o Estado a ferramenta adecuada?  A execución destes despexos pón de manifesto, a pé de rúa, a autoridade autónoma da sociedade que é o Estado, ente á marxe e acima dela; os seus azos dependen da oposición entre os que gobernan e os que son gobernados. Eís unha contradición manifesta entre o que se quer e os medios empregados.  O estado español teima en non entregar algunhas das súas funcións á cidadanía. Algunhas tan básicas como quen experimenta outras formas de propiedade como servizos sociais e culturais autoxestionados que permitan construir leiras e servizos públicos ou de propiedade cooperativa alleos ao control estatal. Velaí pois o cerne da cuestión: o Estado absolutiza a propiedade indivual ao defendela de maneira irrestricta fronte a outras formas de propiedade.

Antes do que Compostela, cidades como Amsterdam, Hamburgo,Barcelona ou Londres, entre moitas outras, viviran momentos de conflito polo desaloxo de centros sociais ocupados emblemáticos . Ainda que menos visibel que na década dos 90, a okupación continua sendo un movimento social vivo a escala europea.No estado español o Código Penal de 1995 mudou as cousas, e se ben non se deixou de ocupar , a inflexión foi o 2011.

No Reino Unido hai estudos que amosan que a rede de centros ocupados foi medrando a partires de 2000, após décadas con moitas ocupacións, moitas delas legalizadas. Ainda que Holanda foi nun dos cernes do movimento, despois de ter sida legalizada a ocupación de casas baleiras para mozos e mozas, nas mans dos concellos, en 2010 o goberno consevadors co apoio da ultradereita ilegalizou a ocupación.

Outro caso paradigmático foi o da Casa da xuventude de Copenhaguen, un centro social ocupado que funcionara entre 1982 e 2007 e que logo de moitos enfrontamentos foi despexado e deitado en baixo. Ao pouco organizáranse manifestacións semanais, o mesmo dia ás cindo da tarde, nun intento de nova ocupación que foi reprimida. Despois de ano e medios de protestas negociuse con concello a construción dun novo centro, que foi inagurado en xullo de 2008.

Tamén en  Galiza e no estado español asistimos á pulsión dunha sociedade que non é quen de xerar a súa propia negación. Acontece no centro de Escarnio e Maldizer e acontece en Can Sanpere. Quen así pensa e axe non tén futuro. No desaloxo do centro cívico Escarnio e Maldizer é evidente a correlación directa entre acción policial e o modelo comunitarista dos moradores, ainda que esta moradía non sempre sexa efectiva e física moradía de indiduos, mas o dun modelo de organizarse e axir enraizado no tecido social da contorna, sen os muros físicos e morais que toda propiedade privada obstenta cando se torna o único a defender. Unha acción policial que defende a propiedade privada e non as persoas. Atrancando a mediación municipal e a expectativa da súa municipalización. E o que finamente fica na retina: a imaxe demonizadora do balbordo nas rúas da capital de Galiza que xa non gobernan nen PP nen PSOE mas un derivado cidadanista. Por iso é tan importante a batalla pola hexemonía cultural que se xoga no poder das palabras: para suspeitar sempre daquelas que non achegan coñecimento senón que  estigmatizan e só se instrumentalizan para apontar co dedo aos que a hexemonía conservadora vixente marcou como non aptos para gobernar. Palabras que non asisan nen explican mas excluen. En sociedades complexas e necesariamente conflitivas a centralización é impracticabel. Que democracia é esta que non sabe como xestionar o conflito?

 

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: