off
Estado, Movementos sociais, Política — 25 Maio, 2017 at 09:16

“Ja sóc aquí”, diciamos onte

por
"A lei suprema da historia é a comunidade"
 (Rudolf Von Ihering)
 "Apoiarei a reforma do Estatuto que aprobe o Parlamento catalán"
 (Rodríguez Zapatero 13/11/2003)

 

O ocontecido na sexta-feira 20 de maio en Madrid, coa presenza do presidente da Generalitat de Catalunya para explicar a proposta soberanista do Parlament, ten todos os ingredientes dun acontecemento histórico. Non é tan solemne como aquel “Ja sóc aquí” de Josep Tarradellas  de hai corenta anos, mas segue a súa pegada. Sobre todo porque defronta o que máis doe aos cérberos que rexeron os destinos do Estado español desde aquela transición facturada como trasfega da ditadura á democracia. O que os lexítimos representantes dos cidadáns cataláns fixeron no Palacio de Cibeles foi transmitir de viva voz a todos os españois, sen intermediarios nin pregoeiros arbitrarios que a democracia esixe un diálogo irlimitado para que a vontade responsabel do pobo teña a súa debida expresión política. E como non hai significado sen significante mas si ao contrario, o termo “autodeterminación” volveu onde adoitaba.

Certo que non sen antes superar todo tipo de trabas, cambadelas e campañas de agitprop. Porque avergoña saber que a executiva catalanista foi torpedeada por institucións e empresas, públicas e privadas, á hora de buscar un sitio onde realizar o evento. Que ao final fose nunha sala do concello da capital, rexido por un movemento municipalista alleo ao bipartidismo dinástico hexemónico, é unha proba máis das imensas dificultades que existen hoxe en España para exercitar plenamente o artigo 20 da vixente Constitución que garante a liberdade de expresión “sen ningún tipo de censura previa”.

Mal afeitos  a que a opinión pública sexa a opinión publicada, o que trasgrede non sae na súa foto, e santas pascuas.Imos deixalo aquí e que os cataláns (e o luceiro da alba) falen e fagan por si mesmos, sen inxerencias nen paternalismos, até onde a súa razón vital alcance. Porén, se algo está claro é que estamos perante unha encrucillada diametralmente oposta á que en 1975 foi lanzada para alumar o actual sistema. Principalmente porque na altura tratouse  dun pacto por arriba sen participación directa da xente, que se limitou a referendalo como inane parvulario. E o que agora temos en fronte é iso que se chamou “proceso de desconexión”, e que Puigdemont tivo a ousadía de denominar con todas as letras: “autodeterminación”. Un parto con proxenitores recoñecidos e reconocibeis (o suxeito histórico, dito así) no corpo social.

A ironía é que o cártel que patrocinou sen solución de continuidade o paso do franquismo monopolista de partido único ao monarquismo partitocrático competitivo (de lei sen Estado de Dereito a lei lexítima) pretenda que repetir a aposta en democracia é pouco menos que un delito de lesa humanidade. A clave de semellante paifocada non se perde a quen non esté fanatizado, alicerza en que antes procurábase un divorcio á española mantendo o control do poder (modelo casa-cuartel) e, pola contra, hogano ínstase a ruptura democrática vía metamorfose. Quer dicer, acordar unha saga destituinte que abra a canle para outra etapa constituínte (de ex lei a lei) de amplo espectro na sociedade civil. Esa foi o miolo do Manifesto de Cibeles que tanta alarma desatou na vila e corte. Alén de denunciar o que outrora se adozou  cunha impostura constitucional de prato único ao Juan Palomo.

Como é que chegamos a isto?, é a pregunta que moitos doentes se fan, e non só os que participan da teoría da conspiración contra as esencias do macizo da raza. Velaquí, como en tantas outras cousas da vida, a resposta ten que ver excesivamente cos erros e desmáns cometidos polos reticentes máis que cos atinos dos penitentes. Daqueles ventos, os partisanos da “desconexión” tiraron unha valiosa experiencia que lles permitiu ir caneando atrancos até alcanzar esa cimeira decisiva en que xa non haberá volta atrás. O manguito do PSOE de Rodríguez Zapatero ao President Pascual Maragall prometendo respectar a integridade do Estatut que aprobase o Parlament para logo “escovalo” (Alfonso Guerra dixit) no Congreso e despois ser laminado polo Tribunal Constitucional a petición do PP, tras ser ratificado en referendo en Cataluña. A encerrona ao incauto lehendakari Ibarretxe, linchado politicamente en Madrid cando acudiu a propor o seu plan de cosoberanía ante as súas señorías. As tremendistas historias sobre o caos económico que espera aos secesionistas que até os españolistas máis cool desmenten (http://elpais.com/elpais/2017/05/21/opinion/1495384217_808511.html). O absurdo negacionismo ante as consultas populares cando na Unión Europea de referencia constitúen o pan de cada día (Escocia, Brexit, Italia, etc.).

Todo iso, e o que non sabemos mas sospeitamos, dotaron ao “problema catalán” dun perfil irredentista que xa fai case imposibel o abandono de funcións. Antes ten que chover a cachón. Porque, aínda que a clase política catalá enlamara o “procés”, a sardana autodeterminacionista persistiría na rúa. Que é onde empezou a unión entre o urbano e o local. Entre os sectores máis dinámicos da sociedade civil. O Pacte Nacional pel Referèndum é un intelectual orgánico que agrupa a máis de 4.000 entidades e logrou que mesmo os bispos da diocese boguen a favor. Alén diso,  é un feito diferencial respecto da transacción do 75 e altamente improbabel que se torne a repetir aquela alianza contra natura que emparentou a neofranquistas e oposición por arte e milagre do consenso entre elites. A prepotencia desas lumbreras que pilotaron os diferentes gobernos do país, ao acosar até a extenuación aos seus tradicionais interlocutores ideolóxicos, personalizando as tramas de corrupción en iconas do catalanismo conservador, dinamitou esa saída de emerxencia. Xa non hai sacro onde agarrarse. Sentenciábao o constitucionalista andaluz Javier Pérez Royo, purgado do diario El País precisamente polas súas opinións irreverentes sobre o “desafío catalán”: “O referendo en Catalunya xa é inevitabel? (http://elpais.com/elpais/2017/05/21/opinion/1495384217_808511.html)

Con certeza, entre eses ensinos asumidos polo bloque prosoberanista hai algunha rectificación que lle fai máis sabio. Por exemplo, o regreso á pantalla do referendo para acumular forzas e empatizar a máis máis coa maioría como arsenal estratéxico para o desenlace. Pensan en engadir aos colectivos que orbitan ao redor de Ada Colau, que sen ser directamente independistas consideran a ferramenta do referendo como unha peza esencial da súa forma de entender a democracia de proximidade. E é precisamente no tema do referendo onde máis acusa o golpe a Marca España. Porque non só proba a indixencia dunha Constitución que baleirou de contido xurídico á norma ao negar o seu carácter vinculante, frustrando o dereito a decidir sen máis argumento que afirmar que a lei non o contempla, o que nos devolve a cando existía un Estado de Leis mas non fose de Dereito. Quizais por iso, o que era vicepresidente do Tribunal Constitucional pola cota socialista, Francisco Rubio Llorente, arriscouse a pedir en dúas ocasións que se abrise a muralla. Unha sostendo que “non semella lóxico que para verificarmos se a sociedade catalá quer ou non a independencia haxa que preguntarllo só aos españois?”(http://elpais.com/elpais/2013/02/01/opinion/1359716070_365196.html). E outra argumentando que se unha minoría territorializada desexa a independencia “o principio democrático impide opor a esa vontade obstáculos formais que poden ser eliminados”, engadindo a continuación que “se a Constitución o impide haberá que reformala” (http://elpais.com/elpais/2012/10/03/opinion/1349256731_659435.html).

Vencer e convencer. Como dicía o gran xurista alemán Von Ihering citado na cabezalla: “o dereito é un organismo vivo da liberdade humana”.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: