off
Estado, Galiza, Movementos sociais, Opinión, Política — 23 Maio, 2017 at 12:33

O indolente ouveo do cérbero

por Gabriel Beceiro
 “Primero España, luego el PSOE y después nosotros, los militantes”
Ramón Rubial
"A democrácia tén o poder de evitar un referendo"
Soraya Sainz de Santamaria

 

A derrota de Susana Díaz malia ser unha pancada a quen controlou o PSOE desde a Transición, e por extensión aos cérberos que teiman en negar o devalo do rexime político, é de abondo significativa. Díaz tiña o aparato do socialismo e da entente mediática española, incluidos os medios da dereita afín ao PP. Alén diso, nunhas declaracións preventivas, Mariano Rajoy aproveitaba a filtraxe do rascuño da lei de transición de Cataluña para turrar visibelmente anoxado contra Puigdemont horas antes de que este dera unha palestra en Madrid sobre o “proceso de desconexión” e a autodeterminación de Cataluña. Coincidindo co éxito de Pedro Sánchez a comparenza de Rajoy hai que inserila no intento de direcionar o relato na constreita exixencia de “defender a soberanía nacional”. Un relato inzado de soberba e no que hai que inserir a insólita dádiva da investidura que a  xestora do PSOE ofereceu a Rajoy de balde.

Un andazo de indolencia percorre Occidente, de Europa a EUA. A falta de auténtica secularización no relixioso, mas a súa transformación en algo imanente á realidade, constátase tamén no eido da política. Desvestida da súa roupaxe, no exercizo actual das democracias liberais permanecen os conceitos fundamentais, ritos e liturxias da política e da economía: sagrados nun mundo pretensamente secularizado, que foran travestidos, separados. Ese andazo é unha forma de remoción que mantén intactas as forzas, que se restrinxe de un lugar a outro. Eludir a crítica do  modelo de democracia representativa “atada e ben atada”, ou se preferen, aferrarse ás políticas e aos medios políticos que nos trouxeron até onde estamos ( trocas-baldrocas,  política de profesionais,  autoritarismo pós-democrático e legalismo ideolóxico como singulares manifestacións de impotencia) non é máis do que evitar a fulcral cuestión sobre a compatibilidade entre democracia e  economía-mundo, entre participación cidadá e capitalismo globalizado. Entre unha democracia que se resiste a ser desacralizada e os sagrados da modernidade. Nesta perspectiva, seria acaído termos presente o conceito de profanación de Giorgio Agamben. Se na modernidade o poder travestido de sagrado deixou de pertencer ao ámbito trascendente para se imanentizar en realidades terrenas e profanas do político, a profanación implica unha neutralización daquilo que profana para que o que está indisponíbel e separado perda a súa aura e acabe restituido ao uso. O imperativo do capitalismo globalizado é o do crescimento, que as cousas se produzan e consuman nun curto período de tempo. O capitalismo como fenómeno relixioso (intuición orixinal de Benjamin)  separa o ser humano das cousas e das realidades con el relacionadas, retirándoas do uso común e transformándoas en mercadorias de troca e de consumo. A presión do consumo é imanente ao sistema de produción. No que se refire á actitude do consumo, a partitocracia non difire en nada substancial. Síguese consumindo ao ditado da maquinaria eleitoral. Reducida a iso, a cousa pública afástase da vida. Porque o consumidor-votante non ten  mais dominio sobre ela. O consumo ,nese sentido, imposibilita o acto de uso, porque na troca, insire a destrución (abusus) do que é consumido. Por iso os datos non cadran. E por iso ofrecen os debates alí onde teñen gañada a votación. Cando non é así, trátase de evitar o debate.A transformación de todo en mercadoría para ser consumida nun culto permanente, non expiador, mas culpabel (Benjamin chamáballe “monstruosa consciencia culpabel”). A capitalización da vida transforma a política en mercadoria, retirada do uso común e separada como algo sagrado,e, por iso mesmo, manexada e manipulada por quen dispón de expertise. A sacralización cultual  da democracia representativa en vez de redimir da falta, culpabiliza permanentemente. Porque o voto como mercadoría separada da subxectividade que o emiteu nunca será suficientemente perfeito para o poder improfanábel do capitalismo. Como seria posibel profanar, devolvendo ao poder o seu uso común? O “procés catalá” oferece mais un caso de sacralización da lei, da súa separación: hai un goberno a impedir por medio do aparato de Estado que a unha parte da poboación vote, que un país como Cataluña vote. No pasado, no presente e no anos por viren ficará claro onde estaba a forza e onde a razón.

Os británicos votaran o Brexit seguindo ese modelo e houbo quen afirmou que o referendo é un recurso pouco democrático. Na Franza, as primarias deron coma resultado candidatos non oficiais. Cando o BNG co-gobernou por primeira vez a Xunta, Rodriguez Ibarra clamaba mudar a lei eleitoral para limitar o  “excesivo poder” dos partidos nacionalistas e así que só PSOE e PP poideran “conjugar esfuerzos en temas importantes”. No estado español as primarias seica producen confusión e enfrontamento. Vivir na pura positividade produce monstros. Sen negatividade non hai avance moral posibel. Repetición do mesmo. Estar por ver o que fai agora Sánchez co aval da militancia. A “nova política” tamén repite modos  sen decatarse que as forzas da globalización superan en moito calquera tendencia á cercania, que é o que hai que recuperar. O suxeito político formado en e por o partido ,  non accede a outra percepción da participación e da gobernanza. Alén diso, o político profesional con poucos ou ningún alicerze no mundo real – laboral é un problema cando se torna a única profesión coñecida. Desde este punto de vista, Sánchez é un profesional da política ainda que non sexa un puro produto da maquinária do PSOE como Díaz e López, o que terá posibilidade provar chimpando fora a un PP en minoria que goberna sen remorsos ó calor da falta de escrúpulos éticos dalgúns.

De aí a necesidade daquilo que fai posibel calquera representación ou orientación. Os novos medios da economía-mundo suprimiron os espazo, apagaron vieiros. E como os novos medios, a política só capta a pequena cota de actualidade. Porén, o establishment non se pregunta porque a xente ten rexeitado un determinado modo de facer. Culpabilízase ás persoas  por estaren des-informadas ou por non saberen dabondo, sospéitase da participación plebiscitaria  nas redes sociais, desmorónanse as propias estructuras de partido desde o momento en que  apelar aos afiliados se torna unha anomalía (como se os delegados representaran mellor que a quen representan) mas teiman  na soberba organicidade que abriu as portas a Sánchez ou Macron. A propia temeridade dos cérberos permite toda caste de torpezas, intemperanzas e vanglórias. A máis salientábel, que os militantes están en eterna débeda coa caste, que lles renden pleitesía.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: