off
Cedeira, Educación — 23 Maio, 2017 at 07:29

O goberno de Cedeira insta á Xunta a seguir avanzando na ampliación da escola infantil

por Redacción

[Pingota Comunicación]O goberno de Cedeira fai eco da demanda e preocupación das familias con fill@s menores de tres anos e sen praza na escola infantil, polo que insta á celebración da reunión conxunta que xa se ten solicitado co conselleiro de Política Social, Xosé Manuel Rei Varela e co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, Perfecto Rodríguez, para saber se hai avanzos na expansión da escola coa ocupación dun segundo edificio municipal situado a carón do actual.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, e a concelleira de Xuventude, Ensino e Igualdade, Manuela López, mantiveron hai uns días unha reunión cos pais que, ante a falta de noticias da administración autonómica, están levando a cabo unha campaña de recollida de asinaturas para esixir que teña o mesmo número de prazas que de peticións. No mes de xaneiro, na listaxe de espera xa había vinte inscritos. Moreda Gil embrou o compromiso acadado co conselleiro Rey Varela e co responsabel do Consorcio visando considerar que a ampliación da escola infantil é unha prioridade para moitos pais da vila de Cedeira e sinalou que “o Concello ten feitos os deberes”. O alcalde explicou que o rascuño do estudo previo foi consensuado co responsabel do Consorcio, por iso agora só resta concretar o compromiso económico da Xunta para se tornar unha realidade. Segundo o devandito relatorio económico, a execución do proxecto podería ter un custo de alomenos 139.000 euros, unha cantidade que, embora elevada, tampouco pode representar un grande problema para a Xunta, afirmou o alcalde.

Manuela López entende a intranquilidade que o asunto está a xerar entre os pais con nenos menores de tres anos e considera que a Xunta ten que facer un esforzo para que darlle solución a unha demanda social de gran calado. A ampliación da escola infantil, alén de de incrementar o número de aulas, daría lugar á mellora de servizos xa existentes -entre outros, a cociña- e a creación de novos espazos incluindo unha sala de xuntas e almacéns. O goberno de Cedeira segue a apostar pola realización dunha obra tan necesaria como importante para garantir o crecemento de poboación da vila. A matrícula actual do centro é de 60 alumnos e o seu equipo de traballo está composto por dez persoas.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: