off
Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 19 Maio, 2017 at 7:53 a.m.

Após a crise: democracia orgánica?

by
Pensar o sentimento, sentir o pensamento
 (Miguel de Unamuno)

 

O experimento político que puxo En Marcha Macron despois de  gañar as presidenciais francesas é como coller impulso para brincar cara atrás. Chámano “goberno de concentración” para disimular. Mas é un tropo inútil, porque xa non fica nada para concentrar. Os partidos que podían concorrer a ese agrupamento ficaran esnaquizados na primeira volta das eleccións. Nen o Socialista nen os Republicanos existen hoxe en tanto estruturas autónomas con potencial. O que agora vai gobernar no país veciño, escoltado con toda un aura  de modernidade e innovación política, non é mais do que unha modalidade creativa de “democracia orgánica” feita de farrapos. Como aquela que dominou durante o franquismo integrando a falanxistas e tecnócratas, mas tentando lexitimarse mediante os refugallos das organizacións políticas derrocadas no canto de con as antigas plataformas intermedias de representación (familia, municipio e sindicato).

Macron patentou un sincretismo de xestión que reunifica baixo a súa dirección a distintas sensibilidades ideolóxicas, tomando de aquí e dacolá para o seu particular “patchwork” gobernamental. Estamos ante un ocaso das ideoloxías porque os seus nodos de actuación, os partidos clásicos a destra e sinistra, están en derriba debida ao pau recibido dos votantes por teren claudicado ante as políticas de austeridade. De aí a iniciativa macroniana para facer da necesidade virtude e volver ás andadas na “aldea gala”. Abonda con ver a composición do cártel deseñado polo banqueiro e socio da Banca Rothschild, porque o criminal sempre volve ao lugar do delito. Dá Interior a un socialista, para que “a esquerda” abísmese aínda máis nesas posicións de garda da porra que con tanto afán exerceu o socialista Manuel Valls. E as carteiras económicas aos conservadores, non fai falta engadir con que propósito. O perexil ecoloxista, tamén presente no seu gabinete de “independentes”, xa estivo no cadro de persoal do dereitista Sarkozy (Bernard Koucher, fundador dos Médicos Sen Fronteiras, foi nomeado ministro das Relacións Exteriores) e do socialdemócrata Schröder (integrou no seu goberno aos Verdes, formación de extinta tradición extraparlamentar).

Despois da crise, o modelo de alternativa real que Francia pon En Marcha como recambio ao duopolio secular imita na mensaxe á “democracia orgánica”  antipartitocrática. Xa só falta que xunto con esa antiguidade se recupere tamén o modelo de sindicalismo vertical para completar a foto de familia. Aínda que semella innecesario porque ese é en sustancia o modelo político instaurado por Macron grazas ao veredicto dunhas urnas arrebatas ao berro de “non pasarán” como artimaña dun novo sufraxio censitario. Porque en realidade se trata dun proxecto social de ósmose entre capital e traballo, só que co argumento da transversalidade e o reclamo imaxinario á sociedade civil. De feito Macron foi o primeiro político en copiar para o neoliberalismo rampante o ADN dos movementos populistas que desde a esquerda (Podemos e Cinco estrelas, sobre todo) tratan de deslocar do poder aos cómplices da Troika.

Iso é do que se fala con todos os parabéns nos medios de comunicación e aventan os tertulianos contratados. O que xa non comentan nada é de Portugal ou de Grecia. Do primeiro porque a experiencia do Bloco de Esquerdas está capeando o temporal e atrapallando cos maus agoiros que os voceiros do sistema agoiraban. É un mal exemplo que cómpre agochar  para non dar ideas. E do segundo porque, agora que o goberno radical de esquerdas de Syriza entrou en vereda, tampouco convén publicitar que Tsipras está a pilotar unha cerna social nunca albiscada nin imaxinada. Non vaia a ser que a esquerda internacionalista acorde do seu sono vitimista e arremeta contra quen hoxe é un dos máis devotos valedores do saqueo perpetrado polo minotauro global. Ollos que non ven?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off