off
Cedeira, Política local — 12 Maio, 2017 at 12:38 p.m.

Concurso de ideas para remodelar a Praza Roxa de Cedeira

by

[Pingota Comunicación] O goberno de Cedeira está a dar os últimos pormenores ao concurso de ideas para a remodelación integral da praza Roxa, centro urbano e social da vila cedeiresa. O alcalde, Pablo Moreda Gil, apuntou que se está a traballar na elaboración dos pregos dunha iniciativa que terá por obxectivo, ademais de reunir unha serie de propostas para “humanizar” un importante punto neurálxico da localidade, coñecer a opinión dos veciños con respecto ao aspecto e funcionalidade que debe ter “un dos espazos máis singulares de Cedeira”, tal e como o definiu Moreda Gil. O alcalde tamén lembrou o papel que a diario xoga a praza Roxa como punto de reunión das familias locais e o que desempeña nos meses de verán cando vira  en epicentro das festas. O equipo de goberno confía en ter disposto todos os trámites en cuestión de algunhas semanas máis para sacar a concurso as ideas co que, en certo modo, se quere seguir os pasos do Concello de Ferrol con respecto ao proxecto da praza de Armas.

Tanto a importancia da obra, que tamén axudará a redefinir urbanisticamente unha zona moi importante do centro urbano, como o seu elevado importe levan aos responsabeis municipais a falar xa da posibilidade de necesitar o apoio económico da Xunta de Galicia ou da Deputación da Coruña. Á espera de que teña lugar a remodelación integral da praza, o Concello de Cedeira está a acometer estes días obras de mellora no recinto. Trátase de reparar 138 metros cadrados de pavimento que, polos efectos das raíces das árbores, non ofrecen a seguridade e tranquilidade que require un espazo destas características. Fontes do concello recoñecen que os árbores que arrodean a praza xa están demasiado grandes e considerou necesario facer esta intervención, que tamén será en formigón impreso, para contibuír á seguridade das moitas persoas que se dan cita na zona. As obras son executadas pola empresa Prieto Mouriz e foron contratadas por un importe de 8.349 euros.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off