off
Cedeira, Política local — 11 Maio, 2017 at 6:59 a.m.

Cedeira asina un convenio coa Deputación para mellorar a seguridade vial na avenida da Area

by
Avenida da Area. Foto-captura Google Maps

[Pingota Comunicación]O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, calificou de “moi importante” o convenio que o Concello vén de asinar coa Deputación da Coruña polo que a institución provincial investirá 100.000 euros en obras de mellora na avenida da Area e na rúa Fraga Iribarne. O acordo foi rubricado esta semana polo alcalde e o deputado responsabel da área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira Varela. Pablo Moreda destacou o alcance das intervencións previstas porque axudarán a incrementar a seguridade de veciños e condutores, ademais de contribuír ao mantemento das infraestruturas viarias. Neste sentido, o alcalde cifrou en uns 1.400 m² os que serán intervidos no caso das beirarrúas e 640 metros lineais os que pasarán a ter freo. O orzamento total da obra ascende a 150.000 € dos que a Deputación asume o 66.66 %.

Na avenida da Area, no sentido Cedeira a Campo do Hospital, realizaranse novas beirarrúas na marxe esquerda, no tramo comprendido entre a rúa Eduardo Pondal e a travesía da Silva, e na marxe dereita na unión da avenida de Castelao coa praza de Galicia e a rúa Neda.

Hanse sinalizar tamén os pasos de peóns e instalaranse postes de amarre para evitar o aparcamento nun treito de cen metros para garantir a seguridade vial. Actuarase tamén no treito de beirarrúas da praza de Galicia,  entre a rúa Eduardo Pondal e a avenida de Zumalacárregui. No caso do vial Fraga Iribarne realizaranse novas beirarrúas na marxe dereita, no treito comprendido entre a rúa da Estrada e o Camiño Real da Madalena.

O proxecto compreende asemesmo a colocación de reixas para evitar que a auga acceda a tres portais de cota inferior e como consecuencia da ampliación das beirarrúas será necesario actuar nas tapas dos pozos e arquetas existentes así como executar a conexión das baixantes aos sumidoiros. Tamén se levantarán e reinstalarán os sinais verticais existentes e, unha vez rematada a obra, reporase o firme da calzada onde sexa necesario.

O goberno municipal de Cedeira agradece o compromiso que a Deputación da Coruña vén demostrando coa administración local, unha colaboración que agora, segundo o alcalde, serve para solucionar problemas que “se arrastran desde hai anos polo mal estado das beirarrúas que levan moito tempo sen arranxar”.

Novo folleto turístico

“Cedeira. A maxia da natureza” é o título dun novo folleto turístico que desde hai días xa está a disposición de veciños e viaxeiros no centro de información ao visitantes, situado no Palacete municipal. Trátase dunha publicación na que, alén de ter incluir imaxes e un plano da vila, tamén recolle aqueles recursos ou lugares que poden ser de máis interese ás persoas que visitan a localidade ao longo de todo o ano. O texto principal está escrito en galego, castelán e inglés. O Concello tamén contou coa axuda da Deputación para incrementar a información que se ofrece aos visitantes desde a Oficina de Turismo.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.


Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off