off
Movementos sociais, Opinión, Politica internacional — 9 Maio, 2017 at 10:45

Macron, o candidato do baleiro

por Gabriel Beceiro

A mudanza adoita acarretar esperanza. Eís o que  ten capitalizado o exministro de economía Emmanuel Macron co seu “En Marcha” (En Marche!), nunha especie de briga des nostalgies que soubou cultivar o relato da ambigüedade (o collage pos-moderno chámalle Marcel Gauchet)  no medio da mediocridade política do momento e da autodestrución dos partidos convencionais. Nen dereita nen esquerda, disque. Mas tamén está a Frente Nacional.

A ambigüedade do seu relato misionario xurdiu de renegar do socialismo sabendo que non poderia trascender esa división relevante. Unha “terceira via” á francesa que lle permitiu apañar partidarios como Pierre Bergè, Alan Minc, Jacques Attali, Bernard Kouchner, Bertrand Delanoë, Daniel Cohn-Bendit, incluindo 54 deputados do Partido Socialista e por volta de trinta conservadores. Un liberal á francesa que foi apoiandose no centro e no socialismo moderado. Nesa confrontación de afectos e sentimentos, o do medo sobranceiou a eito.  Mas tanto Macron como Le Pen  aprenderan a tirar o carbón da mina do medo social (precaridade laboral, austeridade, automatización,etc).  O candidato pos-moderno e a candidata fósil abrollan no lugar do aburrimento, ese agardar sen saber que se agarda ( Benjamin). Inmolando o presente en favor dunha promesa da que xa non participamos.

Oportunismo.Os dous estaban no lugar e no momento adecuado. A mudanza no tempo presente adoita ter trazos lampedusianos, quer non muda nada (disparidades, inxustizas,etc), quer advén o inesperado, o acidente extravagante  que vira algunhas cousas. Mas non para mudar o que foi a configuración do estado xacobino. Todos os candidatos ás presidenciais do domingo son xacobinos. Vivimos entre o catastrofismo e a permanencia do mesmo. De feito, Franza sempre acreditou no poder autónomo das ideas, mas as ideas son usadas polos homes. Hai que recoñecerlle a Macron que soubo anteciparse con pragmatismo  ao desexo de mudanza dos franceses cun relato en primeira persoa que vén do mundo do traballo ainda que sexa no banco Rothschild. Eís tamén a sú debilidade porque formatear o desexo non abonda para xestionar os votos emprestados.

Candidato da uberización, o novo populismo

O fenómeno recente da uberización no campo da economia consiste no uso de servizos para profesionais e clientes a entrar en contato direto, através do uso de novas tecnoloxias. Portanto, non é unha relación  empregador / empregado, mas unha relación cliente / fornecedor. A desinformación como correlato da desintermediación -grazas á tecnoloxía- na esfera do “surveillance capitalism” como promisión de redistribución de diñeiro, oportunidade, poder e hierarquía.  Velaí a retórica da economía partillada (da chamada economía colaborativa), quer dicer, da suposta organización horizontal e da igualdade entre pares (na dimensión da autoexplotación, mas non na organización). Viralización da palabras que a forza de seren repetidas tornanse “verdade”: economía colaborativa. Soa bén mais non ten a ver cun verdadeiro sistema autogobernado para partillar bens. É a connotación quen achega a luzada. Mas o que é realmente perturbador  é o que ten de cíclico e fisiolóxico. Unha visión individualista e empresarial que xa sobarda as relacións entre administradores e administrados, moi lonxe das concepcións comunitarias. As aplicacións  UberPop (UberX nos EU) e AirBnBo proporcionan plataformas en liña que coinciden coa oferta e a demanda. Mais que é Uber? Un modelo de negocio que funciona con diferentes fórmulas en cada país europeo. Puro márqueting corporativo. O proxecto Macron semella un derivado desa esfera do gaño xeralizado através da autoexplotación voluntaria de si mesmo, dun simulacro economía colaborativa. O autoemprego, os modelos de negocios baixo demanda (o paradigma Uber e Deliveroo). Por iso ainda é unha incógnita o seu discurso real sobre a precarización, a inmigración, a seguranza ou Europa. Porque é identica á hexemónica: sensibilidade ao europeísmo e á globalización. A lóxica de xustificar todo gaño de eficiencia en nome do consumidor-cidadán.

O estado xa non é o que era. Tornouse máis pragmático, e cínico. Macron é a moda, o home da uberización da política (“on-demand vote”)  e do total reaxuste da esquerda liberal  ao ditado economista, o valedor da visión económica do mundo (dos incuestionados tótems e tabúes europeos)  que en lugar de estar relacionado cunha doctrina política definida,  vén para acabar de aplicar o informe Attali sobre liberalización da economía. Insinuando a conxunción dereita-esquerda amostra unha deriva sospitosa que tirará proveito dos Republicanos e do devalo Socialista. Neste sentido, Macron deriva da renuncia da esquerda francesa cando se tornou liberal. Cando a política comezou estar ao servizo da economía. A uberización é a forma que apaña hoxe o populismo. Debilitados republicanos e socialistas, poder aspirar ao máximo posibel de votos a esquerda e a dereita. E ir conformando no imaxinario do consumidor-cidadán  iso de ser de dereitas e de esquerdas. Mas como é posibel a democracia sen esa tensión?

A idea de que se poden arranxar os problemas sociais cunha solución tecnolóxica, tén como correlato un novo tipo de populismo caracterizado por unha insuficiencia, e non por un exceso, de política, á medida que se disolve no hipercapitalismo. A uberización é a arma de ruptura de masas traida por ese novo tipo de populismo paradoxal, montado sobre o espírito do silicio, anunciando unha sociedade homoxeneizada de mulleres e homes sen cualidade, agardando a que alguén os contrate como os estibadores do século XIX. Mudar para non mudar nada.

Fitemos o que acontece no territorio: os bairros obreiros, as banlieues e a periferia territorial  no colo de Le Pen (acadou o 30% na Catalunya Nord), os centros aburguesados das cidades e aqueles que ten boa posición social e económica votando Hollande, Macron….e talvez tamén a Mélenchon. Tanto, que os denominados valores republicanos poden apañar os atributos da ideoloxía fascista, adoitar lugares comúns de immigración e identidade (eís Chirac, Sarkozy) e axudar na normalización do FN. Alén diso,  1/3 dos eleitores votaran Le Pen, moitos. Os 4 millóns de votos en branco representan un rexeitamento ao sistema e o 60% dos votos acadados por Macron estaban destinados a derrotar a Frente Nacional. Favoreceu tamén Mélenchon esa normalización cando non pediu o voto para  Macron? A esquerda sempre perde cando a súa arela alicerza en facer o mesmo que a dereita con ese  apelo compasivo que non encaixa coa realidade. Cando non explica e fica satisfeita co seu legado. Quer dicir, a Franza real que agarda a Macron non é diferente da de Hollande: déficit público e exterior e desemprego. Un escenario propicio para o recetario neoliberal de Schäuble, o ministro federal das finanzas alemás: reducir salarios e gasto público para gañar en competitividade, xerar ocupación e rematar co duplo déficit. Porén, Macron non poderá actuar como se non existira a outra beira, tanto os que o votaran por disciplina republicana como os que o fixeran en branco.

O mapa eleitoral de Franza debullou unha realidade de múltiples fracturas, para alén dos eixos esquerda/dereita e estado/mercado. Porque hai outras quebras que van saindo a luz, coñecidas ainda que pouco visíbeis. Algunhas ben coñecidas e tematizadas entre nós como maquillaxe horizontal autonómica, e alí como constante quebra  París / Provincia, entre a cultura urbana das megacidades e a ruralidade, a colonización da provincia que levou á política de asimilación,  a fratura entre as camadas populares e as elites,…Esa nova configuración eleitoral deita luz sobre a configuración xacobina que desmonta Michel Onfray en Décoloniser les provinces : Contribution aux présidentielles”, argumentando a favor das rexións contra o xacobinismo parisino herdado da Revolución. Cabeza parisina e corpo provincial que se mostrou incapaz de incorporar a democracia producindo e reproducindo unha aristocracia formal dos representantes eleitos.

Acerta Onfray ao propor o poder das comunidades e das rexións, descolonizando provincias co seu coñecido apelo ao municipalismo e comunalismo libertario que desde a autoxestión e a concentración molar se tornen susceptibeis de fornecer poderes eficaces contra o colapso do xacobinismo na sua reformulación  neoliberal. Fronte ao estado trascendente, o estado inmanente, ou a política como cuestión de principios que delegan mas os cidadáns son quen máis ordenan. Soa familiar.

 

 

2 Comentarios

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: