off
Cedeira, Cultura, Galiza, Historia — 8 Maio, 2017 at 08:21

O achado de dúas construcións garante futuros traballos arqueolóxicos no Campo do Castro de Cedeira

por

Foron recuperados anacos de cerámica castrexa e romana e  restos de murallas en pedra e palla-barro,a evidencia de que houbo un primeiro asentamento de orixe castrexa.


[Pingota Comunicación] Coa realización da terceira cata no Campo do Castro saíron á luz restos de construcións que, “con toda acautela”, segundo puntualizou o arqueólogo, Emilio Ramil, poden ser parte dun muro circular de orixe castrexa e outro posterior relacionado coa cultura galaico-romana.

“Só coa ampliación do terreo a explorar se poderá facer unha valoración definitiva do lugar”, reiterou Ramil.

Á espera desa confirmación, os traballos que se están a levar a cabo na zona, alén de confirmar as sospeitas que xa había sobre o lugar, falan dunha evolución social e cultural do recinto e dan ao Concello de Cedeira o motivo que andaba a procurar para “poder escavar unha boa parte do xacemento”, dixo a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez.

O Concello non descarta acordar cos propietarios da leiras para darlle a estes espazos o protagonismo que merecen dentro da cultura local, mas tamén de cara ao sector turístico. Esta terceira cata estase a realizar na zona de acceso á praia de Sonreiras, non moi lonxe doutro dos puntos xa escavados polo grupo de arqueoloxía que desde hai días traballa coa fin de contextualizar os restos que neles atopen. Daquela primeira cata xa foron recuperados anacos de cerámica castrexa e romana.

Nesta última, ademais de atopar máis cerámica, foron localizados restos de murallas en pedra e de palla-barro -este último elemento moi utilizado nas construcións castrexas-, o que leva aos expertos a pesar nun primeiro asentamento de orixe castrexa.

Unha segunda construción, case superposta á inicial, vén demostrar que houbo unha ocupación posterior, xa que unha parte dos muros foron utilizadas para ampliación dos espazos habitacionais. Os traballos proseguirán nos próximos días coa utilización dun dron para capturar imaxes aéreas da zona que poderán seguir aportando máis datos sobre o lugar. A intervención deu comezo o día 17 do pasado mes de abril e a está a levar a cabo un equipo de cinco persoas. Así, a máis do responsabel do proxecto e arqueólogo Emilio Ramil, traballan nas escavacións tres auxiliares de arqueoloxía e un debuxante-topógrafo.

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: