off
Movementos sociais, Opinión, Política — 1 Maio, 2017 at 10:15

Partidos, kaput

por Rafael Cid

 

Que el fracaso no se te suba a la cabeza”

(Pintada rueira)

O canto do cisne do bipartidismo yin-yang. Esa é a conclusión sumaria das últimas eleccións celebradas en Franza. A primeira volta das presidenciais colocou fóra de xogo a republicanos e socialistas (R.I.P.). Os dous actores hexemónicos da alternancia no poder non superaron a proba de forza. Os cidadáns preferiron opcións sen pasado de goberno no seu haber. O que ata hai poucos anos era un influente activo, administrar o poder, converteuse nun lastre. Marine Le Pen, polo ultranacionalista Fronte Nacional, e Emmanuel Macron, polo neoliberal En Marcha, serán quen se disputen a titularidade do Estado. Unha desfeita histórica que permite falar por primeira vez nesta década de auténtico devalo da democracia representativa. E non tanto polo ovo como polo foro.

Primeiro porque o envorco foi completo e radical. Non parcial, como en España, onde PSOE e PP, aínda que moi diminuídos, continuan ocupando posicións dominantes. Até o ponto de que o partido socialista, no poder no país veciño, alcanzou a insignificancia neses comicios. E en segundo lugar, e o que é máis decisivo, porque o ocorrido no hexágono galo confirma tendencia: a crecente irrelevancia da “institución partido” como “instrumento fundamental para a participación política” (art. 4 C.E.). Tanto En Marcha, de Macron, como Francia Insumisa, de Jean-Luc Mélenchon, a gran revelación daquela xornada, son movementos sociais e coalicións improvisadas, non grandes partidos con pedigrí histórico. A fonda do pequeno David abatendo ao coloso Goliat.

Algo que xa comeza a ser costume en moitos países da Unión Europea (UE) espancados pola crise e humillados polo austericidio. Podemos en España e Cinco Estrelas en Italia ostentan esa condición de amálgama ideolóxica militante. Tamén Syriza na  Grecia e o Bloque de Esquerda en Portugal, ambos nos seus respectivos Executivos. A desconfianza da sociedade civil respecto do partidos-aparello provocou mesmo que Marine Lle Pen teña “cesado provisionalmente” como líder do FN cara á segunda volta, para tratar de alargar o seu marco electoral máis aló das siglas. Robert Michels e a súa tese sobre as tendencias oligárquicas dos partidos están de plena actualidade. A substitución vén de formacións postpartidistas. Organizacións informais, sen apenas estrutura estable, onde o nexo entre dirección e base articúlase fundamentalmente a través das novas tecnoloxías. Un ubicuo Mélenchon empregou o seu holograma para dar mitins durante a campaña en diferentes lugares á vez.

Isto non significa que o caruncho alcance (de momento) ao corazón do Sistema Parlamentario nin quixese ao Estado de Partidos. Tampouco estamos perante outro revival do “fin das ideoloxías”. Mas sen dúbida “representación política” e “partido político”, en si mesmos, son conceitos en plena decadencia porque hai tempo que deixaron de dar resposta, non xa solución, aos problemas da xente. Quer dicer, abdicaron do seu principal atributo: ser realmente “representativos” e “políticos”. A esencia do modelo reinante, en canto canle para a representación mediante partidos adscritos a correntes ideolóxicas en competencia, xa non engabelar á xente. As políticas de consenso entre teóricos adversarios, que na práctica serven para tecer auténticos cárteles baixo corda, por unha banda, e o férreo control dos aparellos de dirección cooptados desde instancias económicas, por outra, fixeron que o sistema de partidos sexa hoxe visto como indesexabel por amplos sectores da poboación.

E como a maioría social segue sendo poboación traballadora, a principal diana deses reproches e desencontros recae sobre os grupos socialdemócratas. De aí a pasokización en fervenza que sofren as súas émulos en toda Europa, e a relativa fidelidade con que as organizacións conservadoras teiman a arremetida. Unha impugnación que tamén alcanza a sindicatos e medios (sempre en duopolio: Mediaset e Atresmedia; CCOO e UGT), compañeiros de viaxe da tangentópolis cara a ningunha parte (o descenso con valor en afiliación das “centrais” vai parello á queda de venda de exemplares dos principais xornais). A precepción que anima esta actitude é que, mentres a dereita actúa en coherencia co seu ideario, a esquerda non deixou de virar á dereita. O que provocou nesta non só a defección dos seus seguidores habituais, senón unha auténtica implosión de múltiples e ás veces contraditorias consecuencias. Proba desa viscosidade é o feito de que tanto Macron como Mélenchon, os líderes da dereita extrema e da extrema esquerda, sexan “tránsfugas” do Partido Socialista Francés pola súa condición de ex ministros en diferentes etapas.

Nada do exposto será intepretado como síntoma de avanzada social. Nada que celebrar. Só significa un cambio de agullas no proceso. Aínda non se definiron os camiños que transitasen esas novas entidades nómades. Cabe que actúen de tropas de refresco do sistema. Lembremos o fracaso que supuxo a irrupción dos ata entón combativos partidos verdes (*ecopacifistas) no goberno alemán. E o que supón hoxe o transvasamento do voto comunista a formacións xenófobas europeas, buscando outro salvador que garanta os seus intereses de clase. O problema radica na ausencia de valores democráticos na sociedade civil. Nin a corrupción nin a limitación de dereitos e liberdades interesan demasiado (aí segue o PP tan luzido), a ideoloxía dominante é o eterno “ande eu quente”. Porque, como analisou Castoriadis, a coincidencia de capitalismo e marxismo en privilexiar o material como determinante da historia moldeou unha mentalidade adquisitiva entre a maioría social (homo oeconomicus). Coma sempre, o segredo está na masa, ese escuro obxecto de desexo da “representación” e do “partido”.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: