off
Cedeira, Galiza, Música — 30 Abril, 2017 at 09:22

Artair Ensemble e CatroCores, o vento da ilusión

por

O Auditorio de Cedeira acollerá en xuño os concertos de presentación de dous  proxectos musicais que nasceron recentemente: ARTair Ensemble  e CatroCores


ARTair un quinteto de vento madeira de formación clásica creado na Coruña no 2016 e formado por xoves músicos co alvo de ampliar os límites de esta agrupación clásica cara todo tipo de repertorio. Neste primeiro ciclo de concertos, presentan un programa de “Música Americana”. A primeira parte do concerto iniciase co encontro entre os dous mundos, tendo como protagonista ao compositor checo Antonin Dvorak, e a súa obra: “Quinteto Americano” (orixinal para cuarteto de cordas). Composta en 1893, durante a súa estadía en Estados Unidos, é un reflexo da Novena Sinfonía, e ao igual que esta, mostra as influencias dos espirituais negros e a música nativa americana.

Na segunda parte viaxan cara o Centro e Sur de América, na procura de sons máis cálidos, tomados do legado da música folclórica latina, que baixo a man de Paquito D́Rivera, adquiren un coidado estilo clásico na súa forma. Coetáneo de noso, Paquito lévanos cara un estilo máis próximo ao Jazz, cunha obra que titulou “Aires tropicales” e cuxo nome non podía ser máis acertado. Composta por 6 movementos contrastantes entres si, que van dende movementos cantabiles e expresivos, con ritmos abalantes; até movementos danzables cheos de xogos rítmicos onde se sobrepoen as texturas.

4 de xuño, 20h.Auditorio de Cedeira

CatroCores é un cuarteto formado por trompistas galegas que tras levar experimentado durante anos o que é tocar xuntas no seo da orquestra sinfónica, decidiron no ano 2016 extrapolar esa boa conexión sonora no terreo da música de cámara co fin de achegar a música para este tipo de agrupación a todo tipo de público.

O seu obxectivo é dar a coñecer ao público distintos estilos musicais adaptados ou compostos para este conxunto instrumental tan pouco común ao tempo que experimentan e xogan coa gama de cores sonoras que un instrumento como a trompa lles ofrece.

O resultado é un programa cun repertorio cheo de sorpresas. Presenta unha liña temporal seguindo a época na que foron compostas as obras, máis é moi ecléctico. Indo dende a “elegancia barroca” de Telemann até o clasicismo romántico de Dauprat, para na segunda parte abranxer o final do século XVIII e comezos do XIX co compositor alemán Bernhard Weber cunha música máis rítmica e máis próxima á música do S.XX. Continuamos xa no século XX con música con tintes nacionalistas, da man do compositor ruso Nikolai Tcherepnin e as súas melodías do mundo. Péchase o programa con sonoridades jazzisticas, nunha escolla dos números máis distintivos das Fripperies de Lowell Shaw.

18 de xuño, 20h. Auditorio de Cedeira

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: