off
Cedeira, Editorial, Galiza, Historia — 27 Abril, 2017 at 08:50

Outra oportunidade para a reconciliación

por Editorial

As oportunidades perdidas non fan país, adian o traballo de diálogo necesario para construirmos unha comunidade posíbel,unha memoria colectiva partillada, diferente da simples memoria histórica decretada. Non soubemos facelo ben. Fomos inxénuos de máis. Temos algunhas institucións de noso mais fáltanos contido, discurso, afouteza . A crise económica acabou por facer visibel esa debilidade. O raro é que as xeracións  que non viviran a guerra e a represión de forma directa mantiveran os medos atávicos dos seus proxenitores. Talvez porque non se deu unha rutura real co franquismo.  Agás Cataluña, que gañaran as esquerdas, en Galiza e en España as eleccións do 15 de xuño de 1977 gañounas a esmagadora UCD, limiar do desembarco do ministro franquista nas institucións autonómicas. En Cedeira mantivose no poder co goberno ininterrupto de Leopoldo Rubido  que abandonou o cargo en 2013, agás duas lexislaturas, logo de ser nomeado por primeira vez en 1973 e en 1977  erguer  un monolito rente a ria de Cedeira na honra do golpista e ditador Franco (un símbolo local da ignomínia que pola data serodia na que foi levantado mostrou a varias xeracións de cedeireses o alargado brazo do franquismo ).

Por iso é que se precisa non adiar máis un amplo recoñecemento,  a esquerda e a dereita, do censo feito público polos historiadores  dos nomes dos cedeirenses que estiveron no cárcere, nos campos de concentración ou paseados. É bó que o goberno tripartito de Cedeira retome o memorial aos presos que estiveron confinados no Campo de Presentados e Prisioneiros de Cedeira (na vella fábrica de salgaduras dos marouzós, hoxe Praza da Revolta) para  recoñecer explicitamente coa colocación dunha placa de homenaxe os republicanos locais represalidados polo franquismo. Con varias exhumacións pendentes, seria un erro que algunhas forzas políticas con representación ou sen ela ficaran alineadas en non avanzar na reparación simbólica da dor, o medo e padecimento de todos os cedeireses que foran represaliados. É preciso traer de volta a política (en que política signifique facer e non simplesmente conxecturar e administrar).  Tamén esta escenificación ao vivo é unha oportunidade terapéutica para superar o negacionismo permanente (ninguén é dono da verdade, mas a mentira ten acionistas a eito). Só olla a diante quen non esquece.

Nun contexto no que malia a lei da memoria histórica continuan sen retirarse os cargos contra os represaliados do franquismo (homes e mulleres de toda caste, representantes públicos democráticamente eleitos, mariñeiros e labregos, mestres…)  e no medio do climax da cultura do pelotazo,  da especulación e da corrupción partitocrática, comezar a facer xustiza simbólica coas víctimas desde a experiencia local  sería un paso importante e fermosamente digno cara unha reconciliación certa para que non todo continue igual 40 anos despois da morte de Franco.

Canto costa compartir o poder! O verdadeiro poder, isto é, aquele fundado nas relacións de propriedade nas clases dominantes, parece estar empeñado en xeneralizar a mentira para ocultar a verdade, diluindoa entre o mar de inverdades. Tan dificil lle é á dereita recoñecer o pasado através dunha sinxela homenaxe  aos veciños e veciñas represaliados no 36? Encarar o futuro cun relato nesgado seria alargar o retrato de un país quebrado que perpetua, ignora e lastra a pegada deixada por dunha ditadura, sanguinaria e mediocre. As cidades e aldeias galegas precisan recoñecer suas feridas. Non podemos continuar excluindo os mortos, porque a sua excepcionalidade non é allea mas fundante do que somos. Por iso precisamos unha zona da ética totalmente subtraída das relacións estratéxicas O intento franquista de borrar a identidade galega tivo un gran impacto psicosocial, económico e cultural até o punto que hai quen afirma que se produciu un xenocidio cultural . Cómpre non esquecer que a escasa e formal “autonomia” de hoxe débese asociar ao galeguismo represaliado polo franquismo- quen xunguiu e defendeu a nación política e a cultural- e aqueles eidos referidos ás institucións autonómicas e pròprias de autogoberno democrático. As oportunidades son para aproveitalas, para alimentar o espírito fraternal e a metanoia,  non para petrificarse na repetición do mesmo.

1 Comentario

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: